O Centro Betanzos nomeou a Castelao “presidente de honra” e fai dous anos firmou o petitorio para concederlle o estatus de primeiro Presidente de Galicia.
Entre as actividades previstas para este Ano Castealo, o seu equipo traballa na programación dun ciclo de cine debate para o mes de maio no que proxectarán a película documental “Castelao, Biografía de un ilustre galego”. Dirixida polo arxentino Jorge Preloran coa codireción de Manolo Ferrol desde Galicia sobre o guión de Antonio Pérez Prado, o documental está filmado 16 mm. en branco e negro entre os anos 1973 e 1976. Trátase dunha obra realizada con austeridade económica e técnica, que contou coa colaboración de exiliados republicanos no pais, e se estreou en 1980.
Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?
Pareceunos moi acertada a proposta do Partido Galeguista para que Alfonso Daniel Rodríguez Castelao fose recoñecido como primeiro presidente de Galicia, xa que foi un líder indiscutido de Galicia con unha brillante personalidade e xenuino representante da súa terra. A súa existencia foi consagrada ao servicio de Galicia.
O Centro Betanzos no ano 1947 concedeulle o título de Presidente de Honra. Aínda me lembro dos comentarios do Secretario do Centro nese momento, Antón Suárez do Pazo, que nos contaba que ese día Castelao, como agradecemento, fixo un relatorio no que falou sobre a historia de Betanzos que quedou gravada na mente de todos os presentes. É unha anécdota que para nós ten moita importancia porque as autoridades do Centro naquela época xa souberon valorar o papel transcendental que tivo para a Galicia Ideal.
E que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?
O recoñecemento pareceunos máis que merecido, xa que como é sabido, Castelao foi un referente irrepetible para os grupos que, sen cuestionamentos, e sen importar a súa cor política, cousa que ata o de agora non tiña ocorrido, uníronse para saldar deste xeito unha débeda histórica que algúns sectores de Galicia tiñan con Castelao.
Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?
Coma dirixente dun centro do colectivo galego na diáspora, vexo a iniciativa con agrado. Paréceme moi boa. Nós, agora temos que traballar ao longo deste ano para que a figura do noso “guieiro” brille aínda máis e dar maior difusión a toda a súa extensa obra, porque, evidentemente, foi moito máis que o primeiro presidente de Galicia. Tamén sería moi importante dar a coñecer a súa obra nas escolas de Galicia.
E por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara Galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia, presentado polo bloque en base a iniciativa do Partido Galeguista e das entidades de emigración do Rio de Prata?
Non teño claro por que non o apoiaron. Pero teño claro que o PP ten impedido que se levase adiante a iniciativa que promovía que Castelao fose elixido primeiro presidente de Galicia. Tamén PSdeG se abstivo nas votacións e así foi que quedou truncado o recoñecemento máis que merecido.
Vai a súa entidade facer algunha programación especial con motivo deste ano Castelao?
A Comisión de Cultura está a preparar para o mes de maio un programa de proxección do documental “Castelao” dirixido por Jorge Prelorán co guión de Antonio Pérez Prado en base ao libro “Sempre en Galicia” nos anos 70. A proxección realizarase en tres xornadas nas que tamén haberá un debate posterior. A primeira proxección abarcará a vida de Castelao en Arxentina sendo neno. A segunda céntrase na faciana como debuxante e a súa estancia en Madrid e a terceira fala da Guerra Civil e do exilio.
Tamén faremos obradoiros de pintura e literatura con esta temática.

E que pensa que diría Castelao se estivese agora aquí?
É moi difícil de acertar, pero coido que se sentiría satisfeito xa que ten a máxima consagración á que puidera aspirar un fillo de Galicia .
Un desexo para este ano, para os que formamos esta Galicia Universal?
Desexo que a pesar dos momentos ás veces convulsionados que nos toca vivir, podamos seguir loitando desde as nosas entidades para que o espírito galego perviva, para que se manteñan os nosos costumes e tradicións.



