1.- Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?
A Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, apoia este recoñecemento porque Castelao foi o Presidente do Consello de Galiza desde a súa formación, por el inspirada, no ano 1944 ata que morreu no ano 1950. Este Consello de Galiza, foi un goberno no exilio para o noso país, o que fai de Castelao o noso primeiro presidente e este feito merece ser recoñecido coa relevancia que ten. Castelao é a principal figura política e cultural da historia galega contemporánea, o seu legado é esencial para comprender o nacionalismo de hoxe, a defensa férrea dos dereitos da nosa terra, da nosa lingua, da nosa cultura e tamén das políticas sociais igualitarias e sen exclusións.
2.- Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a Castelao?
En novembro de 2024 o Parlamento de Galicia organizou un acto de conmemoración de 80 aniversario do Consello de Galiza, fixeron un acto coa presenza de membros da Xunta e outras institucións, presentando documentación orixinal do Consello. A nosa opinión é que esta iniciativa non acadou a significación que debería ter para o noso país.
3.- Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?
Rematando o ano xa non ten sentido falar de expectativas
4.- Por que cre que os grupos parlamentarios da cámara galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galiza presentado polo BNG en base á iniciativa do Parido Galeguista e as entidades da emigración do Rio da Prata?
Para responder isto podemos lembrar unha canción de Miro Casabella na que di “Olla meu irmán honrado o que acontece con Daniel, os que o tiñan desterrado agora falan ben del.” O PP está integrado por herdeiros daqueles que cando morreu enviaron instrucións á prensa de como había que comunicar o pasamento en follas interiores dos diarios e só facendo constar o seu labor literario e artístico sen falar do seu principal traballo, o político.
5.- Que programación especial teñen co gallo do ano Castelao?
Temos realizado unha extensa lista de actividades. De momento, contamos cunha ducia de encontros alusivos, desde as palestras como “Castelao político. Das Irmandades da Fala eo Partido Galeguista ao exilio”, “Nación e Liberdade. Daniel Castelao e Blas Infante”, “Arredor de Castelao no século XXI”, “Castelao, arte e parte”, “75 anos do legado de Castelao”, “Homenaxe a Castelao: Arte, Narrativa e Teatro”, “Castelao, desta terra e deste tempo” e “Un Ollo de Vidro: A maxia de Castelao na evocación do Sobrenatural”, así como unha visita cultural a Pontevedra e un roteiro Castelao na Coruña. A estes actos, hai que engadir unha presentación dun libro sobre Castelao o próximo día 11 de decembro, e outros que poidan xurdir nestes dous meses que quedan ata rematar o ano.
6.- Que pensa que diría Castelao se estivese agora mesmo entre nós?
A sociedade galega actual é moi diferente da que coñeceu Castelao, mais el seguiría a loitar por unha República galega. Mantería unha actitude moi crítica ante as políticas desenvolvidas pola Xunta de Galicia, sobre todo no que atinxe á normalización do galego, á política no eido cultural, á sanidade pública (da que sería coñecedor pola súa relación coa medicina) ás iniciativas industriais que como Altri, pretenden arrasar o territorio, as políticas pesqueiras, forestais, educativas e tamén se oporía ás privatizacións dos servizos sociais e de dependencia.
7.- Un desexo para este ano para os que formamos esta Galicia Universal.
O desexo que debería cumprir este Ano Castelao é o do coñecemento da súa figura por todos e todas as galegas, a reivindicación do seu ideario político e o incremento do sentimento nacional en toda a poboación.



