Por que apoiou a iniciativa a prol de recoñecer a Castelao como primeiro presidente de Galicia?
Apoiamos a iniciativa do partido de Galeguista desde o primeiro momento porque consideramos que é un acto de xustiza. Alen dos fundamentos xurídicos, históricos, e sociais, pensamos que era un recoñecemento á figura de Castelao e á súa actuación en relación co contexto político da época sen ningún tipo de especulación.
Que opina do acto de recoñecemento organizado polo Parlamento Galego en novembro de 2024 para homenaxear a figura de Castelao?
Estivo moi ben. Deume esperanza, deu un viso de unidade entre as forzas con representación parlamentaria. E daquela pensei ía para a adiante, pero non chegou a materializarse en todo.
Que expectativas ten sobre a designación de 2025 Ano Castelao por parte da Xunta de Galicia?
Sería moi bo para a colectividade no seu conxunto que puidese materializarse a declaración no Congreso. Que haxa un recoñecemento indubidable da figura de Castelao. É unha oportunidade para entidades de atopar unha figura de unidade, que representa a todas. No 75 cabodano, non facelo, seria falta de memoria. Era algo necesario. Ten que haber unha actitude coherente con reivindicar a Castelao.
Por que cree que os grupos parlamentarios da Cámara galega non apoiaron en xaneiro o recoñecemento oficial de Castelao como primeiro presidente de Galicia, presentado polo Bloque en base a iniciativa do Partido Galeguista e das entidades de emigración do Rio da Plata?
Penso que quedou a metade de camiño porque tomou por sorpresa a moitos. Non esperaban tanta repercusión nin que tantas entidades apoiasen sen cuestionamentos. Aínda faltan algunhas, pero hai entidades que representan a maior diversidade todo o arco de pensamento. Se cadra algunhas especularon con tratar de acaparar o feito da declaración e atalo como un mérito propio.
Eu creo que os tomou por sorpresa e tentaron ver as consecuencias da declaración e que preferiron estudialo ben e outros quizás non podían permitir que isto fose iniciativa de alguén máis. Iso puido frear, non apoiar, estudar. O importante é que se puido facer. Máis alá das cuestións legais, non hai ningunha dúbida e ten un amplo espectro de apoio da colectividade aquí na Arxentina e no Uruguai. Creo que a fórmula que se buscou pode fallar, máis alá do título específico, porque non é o mesmo dicir o primeiro presidente de Galicia que o presidente de Consello de Galicia e promotor do autogoberno. Non é exactamente o mesmo, hai unha diferenza, aínda que o espírito sexa o mesmo, creo que ata na fórmula que se empregou buscaron preservar esta cuestión de dicir, non foi o primeiro presidente de Galicia e aínda ter esa ferramenta e incluso para xustificarse, porque ao final non terminaron de apoialo.
Vai a súa entidade facer algunha programación especial con motivo deste ano Castelao?
Participamos en conxunto. A idea era que cada entidade tivese a posibilidade de facer a súa programación, pero procurouse facer unha programación conxunta para amosar esta faceta de unidade que esperemos que non quede aquí. Xeito Novo ten unha axenda polo circuíto cultural da Cidade de Buenos Aires e facer que coincida é moi difícil. Estar no acto do Centro Galego foi importante pero a idea é que non se acabe aquí e que o ano que ven sexa tamén ocasión de ter presente a Castelao no ideario do día a día das institucións.

Que pensa que diría Castelao se estivese agora aquí?
É difícil sabelo, pero máis alá do que puidese dicir el, é a figura que nós consideramos que se asocia coa unidade, que é una figura que contaxia esta cuestión da galeguidade en termos de non discusión. É dicir, sería unha referencia, unha guía. Entón, eu creo que diría, xúntense, debatan, pero únanse ao final do camiño.
Un desexo para este ano, para os que formamos esta Galicia Universal?
Xustamente iso, que siga existindo e que siga sendo universal. Para iso hai que enfrontar os desafíos que implican o paso do tempo, as dificultades a todo nivel político, social, económico. A colectividade é un aporte sustantivo na construción da Arxentina e para seguir mantendo viva a chama da galeguidade desde o seu lugar.

