É evidente para os que subscribimos a idea de Polanyi, e hoxe dos contribuidores, participantes do Centro Tricontinental (L’Harmattan 1999), que existe unha concomitancia entre o "mercado" e o Estado (o máis frío de todos os monstros fríos, como Nietzsche dicía). É por iso que non deberíamos sorprendernos polas brutais, inhumanas, exaccións dos exércitos que ocupan Iraq baixo os mendaces, fabricados pretextos do perigo dunhas inexistentes armas de destrucción masiva e, alternativamente, da "xenerosa" intención de establecer alí a "democracia".
Os simulacros de execución, as humillacións sexuais máis degradantes, as violacións, as mordeduras de cans domeados, as fotografías das sevicias para que os verdugos podan rememorar as súas abxectas actuacións, todo, todo, produciuse en guerras anteriores. Mesmo como sinalaba o ambiguo New York Times é certo que: "detrás das agresións aos prisioneiros de guerra, estaba no corazón, un impulso racista". Todo isto non nos sorprende. Coma tampouco que neste periódico as voces dignas de Bob Herbert, Maureen Dow ou Krugman se vexan, en moitos casos superadas polas patrióticas homilías de Safire ou, (do moi promovido polo "noso" El País), Thomas L. Friedman. Existe, porén, un feito novo. Onte o traballo suxo do aparello estatal facíano os Servizos Secretos, que cando non erraban risiblemente, como a CIA no caso do frustrado asasinato de Castro, presentaban como un mérito "ex post" (perante as "inocentes" instancias superiores) o seu bo traballo, suxo pero necesario. A estas entidades paraestatais, que ocupaban un discreto segundo termo entre as xa complexas institucións do Estado, debemos hoxe sumarlles o triunfante avance da privatización. Ás ridículas jeremiadas de Michael O’Hanlon (funcionario xefe do Centro de Estudios de Política Exterior, escribindo para a Brookings recentemente) que lamentaba a necesaria, pero por patriótica, demisión do asasino Rumsfeld, (que non se produciu) cómpre engadirlles as sesudas consideracións de Peter W. Singer, que no último número da Revista de Columbia de Dereito Internacional daba conta (¡en 30 páxinas!) das enormes dificultades que implicaría o encausamento das PMFs, ou sexa Empresas Militares Privatizadas. A brutal operatividade do Estado aumenta vertixinosamente, a responsabilidade moral do que dá as ordes dilúese nun limbo brumoso, digno dunha época anterior ao Catecismo de Astete.
O Estado post-moderno logrou a cuadratura dun círculo ético-operativo, todo o "necesario" faise (por exemplo algunhas desas compañías teñen funcionarios "expertos en sodomía" sic.) pero ninguén sabe quen é responsable. Supoñemos, seica equivocadamente, que esta nova forma de privatización conformarase co "Consenso de Washington", hoxe en día defendido dende a sagrada institución do FMI polo noso compatriota Rato. Se isto non chegase recorreremos á lexicografía. Se a 3ª Convención de Xenebra di no seu Art.14 " que todos os prisioneiros de guerra teñen dereito, en todas circunstancias, ao respecto á súa persoa e ao seu honor" nada importa; xa sabemos que en Guantánamo hai só "inimigos combatentes" non prisioneiros, ¡Adiante!. Xa sabemos que o radiante futuro lles pertence aos "manipuladores de símbolos. Derramemos as nosas máis cocodrilianas bágoas sobre o inocente Blair, que só "moi recentemente" tería sabido dos informes da Cruz Vermella sobre o que ocorría en Iraq. ¡Volve responsable Estado Unitario en prol dun posible Tribunal Penal Internacional! ¡Así cho piden os contaminados por algunha forma de ideoloxía anti-estatal!
Entrementres a lei faina o máis forte. "Vae victis". Poucas esperanzas temos os que pretendemos que se apliquen as leis sobre a guerra (a través dunha xa iniciada querela) a algún ex-gobernante, ao que pronto veremos pavonarse baixo a ignara toga de "visiting professor". ¿Quen se atreverá hoxe a exhibir ante os "terroristas" unhas mans pintadas de branco? ¿Estaban moitas "mans brancas" entre os que manifestabamos contra unha inminente, criminal, horrible guerra? O noso Machado aguilloaba aqueles do "espírito burlón e de alma quieta"; en 1833 Leopardi dicíanos, e perdón pola traducción,: /Esta idade de orgullo inflada/ nutrida pola esperanza vana/ á chanza proclive/ e á virtude oposta/ por lograr, estúpida, o útil/ é, por iso mesmo, cega causa/ do vacío obstinado da vida./ (Il pensiero dominante). Os sacerdotes do "pensamento único" están hoxe no poder. Así nos vai.