"É Estado fallido aquel no que as forzas sociais e grupos humanos retornan a un estadio de desenvolvemento político e social preestatal "á tribo e ao grupo étnico"".
Cando os alicerces que sustentan o entramado estatal sucumben, cando o Estado xa non é quen de garantir uns mínimos sustentábeis, entre eles a seguridade dos seus súbditos, atopámonos ante a definición típica do fenómeno de Estado fallido ou colapsado, fase posterior ao seu desmoronamento e vulnerabilidade. A lóxica estatal cambaleia sobre unha fráxil cohesión institucional. As colapsadas estructuras políticas son varridas nestes países por situacións de anomia, sen lei, sen orden, constituíndo xa que logo, un problema por contaxio difícil de enfrontar para os Estados veciños.
O Estado frustrado é un fenómeno que viu proliferando con forza desde a capitulación do bipolarismo. Casos sanguentos son os de Angola, Somalia, Ruanda, República Democrática do Congo e República Centroafricana, Serra Leoa ou Afganistán, sen esquecer a grande maioría das repúblicas ex soviéticas do Cáucaso ou dos Balcáns euroasiáticos. Os conflictos armados e os seus axentes, tradicionalmente sen cadea de mando responsábel, son unha constante. O raquitismo das institucións gobernamentais, das forzas de seguridade ou do poder xudicial é sobrepasado polo caos, polo bandoleirismo, polos saqueos e en definitiva, pola criminalización da vida sociopolítica e económica.
Outro elemento que define a particular idiosincrasia dos Estados fallidos é o seu pasado colonial e difícil proceso de descolonización. A reconstrucción nacional está na maior parte dos casos obstaculizada pola artificialidade das fronteiras trazadas. Son precisamente a estes Estados frustrados a onde se traslada a belixerancia entre os bloques capitalista e comunista durante a Guerra Fría. O antagonismo ideolóxico, por veces extremo, está na base da confrontación que desencadea o conflicto armado. Un exemplo claro é o de Angola ou máis aínda, o das dúas Coreas. As faccións enfrontadas, dentro do mesmo Estado, tentarán facerse co control dos recursos en prol de autofinanciar a súa maquinaria bélica. Novamente hai que citar os casos de Angola, amáis de Liberia e Serra Leoa.
A nivel internacional, o Estado fallido é vulnerábel por tódolos francos. Pensemos no caso de Afganistán e na máis que dubidosa legalidade do uso da forza empregada polos Estados Unidos. Na medida en que os seus órganos de representación soberana non funcionan, o Estado frustrado está máis que incapacitado para se comprometer internacionalmente. Son outros, xa que logo, os que decidirán por el. Internamente, as mafias locais virán encher os espazos que o Estado non pode cubrir: os señores da guerra faranse co monopolio da violencia. As forzas belixerantes, carentes de comando lexitimamente competente, procurarán confundirse e diluirse entre a poboación civil. As liortas políticas, os prolongados conflictos armados, a corrupción natural ás raleas clientelares, a carestía pandémica, as emerxencias sanitarias e urxencias humanitarias, o belicismo case conxénito e acomodaticio convértense no modus vivendi dos recrutas. A doma e castración que atenaza aos clans enfrontados ao Estado, alenta a radicalización dos opoñentes, que frecuentemente estarán á fronte dos movementos guerrilleiros e dos grupúsculos terroristas. Aterrar á poboación civil é un dos primeiros efectos que resultan da confrontación: as deportacións en masa, os amontoamentos en campos de refuxiados aliñados normalmente nas fronteiras, son circunstancias que veñen desequilibrar a órbita de Estados colindantes.
Potencialmente un Estado fallido é quen de desestabilizar rexións enteiras por canto, alén de representar o caldo de cultivo no que ferven os fanatismos tribais, étnicos, relixiosos e ideolóxicos, serve en non poucas ocasións de refuxio ás organizacións terroristas internacionais. Todas estas circunstancias son o común denominador en gran parte dos denominados Estados fallidos. Alén destes factores temos que volver insistir na calculada confusión que se produce entre combatentes e civís e no rexeitamento das leis da guerra clásica. As espectaculares accións terroristas, masacres, fames e a vulneración dos Dereitos Humanos constitúen outros tantos resultados derivados do efecto anomia.
Entre os Estados fallidos e os Estados matóns, existen varios elementos compartidos. Ambos tipos, representan potencialmente unha ameaza á seguridade internacional. Os primeiros, por non poder garantir a observancia da lei; os segundos, por situarse no extrarradio da legalidade internacional. A ruptura do Estado inocula inmediatas correntes desestabilizadoras nos Estados e rexións limítrofes: o máis inminente é talvez o fenómeno dos desprazados e refuxiados así coma a explosión de sanguentas loitas entre diferentes faccións étnicas e relixiosas, amén das fames ou da virulencia na propagación de doenzas e infeccións.