Por fortuna, os tribunais europeos obedecendo a unha limitada separación de poderes e ós criterios xurídicos nos que se sustentan, atacaron unha lei que levaba dous anos en vigor e que a Corte Europea de Xustiza estimou ilegal en maio de 2006, en función de que non aseguraba protección legal dos datos sen contar ademais dunha base legal consistente. Tratábase por tanto, da resposta dada polos europeos ó requirimento ou máis ben á esixencia americana, de que se lle desfechasen eses datos elementais, que carecía xa que logo da lexitimidade correspondente dunha decisión soberana.
Esta situación poñía en xaque ás compañías aéreas que deberían facer un balance de pros e contras, e decidir entre romper as leis europeas ou as americanas. Sen acordo, as compañías que lle transferían datos ós EUA estaban ameazadas de persecución legal en Europa por incumprimento da lei de protección de datos. Mentres que se se negaban a colaborar coas autoridades americanas, podían mesmo perder os dereitos de aterraxe nos EUA.
Finalmente, poucos días despois da finalización do prazo para alcanzar un novo acordo, a realidade é que o novo tratado non cambia a situación anterior, senón que a maquilla. Semella, que se incorporaron novas consideracións para satisfacer ós europeos pero en realidade, tan só se trata dun parche, e as achegas non van tan lonxe.
É certo que agora as autoridades americanas teñen que solicitar a información en lugar de collela directamente das bases de datos de pasaxeiros, tal e como acontecía nos acordos de 2004, pero iso non garante nin o uso que se lle poida dar a esa información, nin que moitos dos datos que se requiren poidan ser persoais e irrelevantes nunha operación contra o terrorismo.
O endurecemento das regras de entrada nos EUA e a caza de bruxas despois do 11 de setembro, que lembra con moito ó macartismo da guerra fría, pode facer que reunindo un mínimo conxunto de características (de raza, patróns de conduta, etc) moitos cidadáns europeos se vexan no ollo do furacán, sendo impedidos de exercelas súa actividades habituais, padecendo procesos de espionaxe, e todo isto rodeado dun contexto de continuas detencións e secuestros internacionais a través da rede establecida pola CIA. Ninguén pode garantir que non paguen xustos por pecadores nun contexto de pánico e incerteza internacional.
Pero amais dos posibles riscos para calquera individuo, existe un problema propio dos cidadáns non norteamericanos. O problema preséntase cando os erros de identificación se cometen con cidadáns europeos ou doutras rexións do mundo, e é necesario esixir responsabilidades por un fallo manifesto. Neste caso, as dificultades para esixir reparacións son maiores para os non estadounidenses, polo feito de que non están cubertos pola lei de protección de datos americana. Algo que non vai cambiar co novo acordo provisional.
Pero isto non é todo. Co novo acordo a UE permite que as axencias se poidan traspasar a información sen acceso electrónico directo ós datos. O que segundo o comisario Frattini, permitirá que só se lle traspase información a axencias que teñan o mesmo nivel de protección dos datos que en Europa. Non obstante, non se especifica que axencias poden ser as posuidoras exclusivas deses datos. Co cal se dilúe a responsabilidade por un uso indebido da información reservada.
Non importa que as autoridades americanas non teñan acceso directo ós datos, que é o que se demandaba dende o parlamento europeo, se finalmente obteñen todo o que desexan pola forza ou por unha presenza constante da presión da administración americana.
O acordo interino vai entrar en vigor tan pronto como sexa aprobado polo Consello da UE, e será provisionalmente válido ateo 31 de xullo de 2007, mentres se negocia outro tratado máis elaborado que tal vez reflicta as novas esixencias á marxe dos 34 requisitos que se demandan dos pasaxeiros actualmente.