Europa, a educación e a integración dos musulmáns

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Durante as últimas semanas e meses, varios países da Unión Europea, nomeadamente Francia, Alemaña e Italia, víronse inmersos en polémicos e intensos debates sobre a integración dos cidadáns musulmáns. En tódolos casos, o que desencadeou o debate foron os símbolos relixiosos nas escolas públicas. Dito doutra maneira, nos debates non se discutiu soamente a cuestión da integración dos musulmáns, senón tamén o papel do estado como defensor do secularismo e da neutralidade, sobre todo na educación.

Os debates foron moi complexos e sen fronteiras claras: varios membros de partidos da esquerda e da dereita, feministas e machistas, tomaron posicións nos distintos bandos. En Francia, o caso concreto foi se as dúas alumnas poden ir a clase (nunha escola pública de París) con velos, namentres en Alemaña unha mestra musulmana presentouse perante o Tribunal Constitucional Federal para defende-lo seu dereito a levar un velo durante a clase nunha escola pública na autonomía de Baden-Württemberg.

Os argumentos dos alumnos franceses, da mestra alemana e de tódolos defensores do dereito a levar velos nas escolas públicas, baséanse nun dereito fundamental en tódalas democracias liberais do mundo occidental: a liberdade de culto de cada persoa.En realidade, as alumnas e a mestra puideron demostrar convincentemente que o velo é soamente unha expresión do seu credo persoal. Por exemplo, a nai das alumnas non leva velo e o pai é xudeu. Ademais, os defensores do velo poden remitirse ó dereito de monxas e curas a dar clases nas escolas públicas, sobre todo nas escolas do conservador sur de Alemaña (onde está Baden-Würrtemberg), sen quitarse nin os hábitos nin as sotanas.

Os argumentos en contra proceden de dúas partes. Por unha banda, os neo-conservadores e a dereita cristiá argumentaron que os países da Europa occidental son países cristiáns, así que non se poden levar estes símbolos relixiosos en lugares públicos, xa que non son parte da "tradición cristiá de occidente". Non embargante, o racismo deste argumento é evidente e non ten cabida nunha democracia. Por outra banda, os representantes do republicanismo laico-radical, cunha gran influencia en Francia, argumentaron que as escolas públicas teñen que ser libres de calquera símbolo relixioso. Mesmo Turquía, un importante país musulmán (aínda que non democrático), prohibe os velos en tódolos lugares públicos debido á súa tradición laica. Ademais, varias feministas engadiron que o velo non é un símbolo relixioso, senón un símbolo da opresión da muller nas sociedades musulmanas, é dicir, o estado ten que prohibi-los velos nos lugares públicos para defender ás mulleres.

Non embargante, os argumentos dos republicanos laicos e das feministas non lles fallan problemas, xa que poden viola-la liberdade de culto dunha persoa "como nos casos mencionados máis arriba-. Daquela, ¿cal podería ser un camiño razoable fóra desta xungla de argumentos?

En primeiro lugar, cómpre distinguir entre lugares e persoas; é dicir, un lugar público como unha escola debe ser un sitio sen símbolos relixiosos, como os crucifixos de moitas escolas europeas, xa que unha democracia ten que garanti-la neutralidade da educación e, así, ningunha liberdade de culto resulta infrinxida.

Pero unha persoa, como alumnos e mestras, posúe a liberdade de culto. Polo tanto, op estado ten que atopar un compromiso entre dous principios fundamentais: a liberdade de culto e o mantemento da neutralidade. Isto significa que as mestras e as alumnas individuais poden dar clase con símbolos relixiosos como un velo ou un colgante cunha cruz. Pero, ó mesmo tempo, o lugar debe estar libre de símbolos relixiosos e, o máis importante, o contido das clases non debe ser propaganda de ningún tipo. Ademais, as escolas "cada escola-, deben ocuparse de que o uso de símbolos relixiosos non se converta en símbolo político, por exemplo, que o velo non se converta en sinal de grupos fundamentalistas.

Así o estado garante a neutralidade da educación, non infrinxe os dereitos das persoas individuais, non expulsa musulmáns crentes a escolas fundamentalistas privadas (sen controis do estado), e ensina a tódolos alumnos a tolerancia e a convivencia con xente con outros credos e conviccións -a base dunha verdadeira integración nunha sociedade plural-. Ó fin e ó cabo, o máis importante é que os mestres ensinen e que os alumnos aprendan os valores fundamentais: a democracia, a liberdade e a tolerancia. E non ten maior importancia se o fan con velos ou con símbolos da nova relixión do consumismo "vaqueiros Levis, tenis Nike, gorros das estrelas do hip-hop…