Europa acosada

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Cinco fases ou etapas dunha crise viña distinguir Lawrence H. Summers nunha obra na que analizaba as causas, a prevención e a curación das crises financeiras internacionais1.  O proceso comeza por negar a existencia da crise, seguido por unha fase de ira, con tendencia a botarlle a culpa a terceiros (especuladores, axencias de calificación, etc.).  A terceira fase é de negociación ou regateo cos mercados, como posibilidade de solución.  A desesperación é a cuarta fase, que leva a pocurar axuda (FMI ou Unión Europea, según sexa o caso). E só na quinta e derradeira etapa, que é a da aceptación ou – poderíamos dicir, sometimento – pódese argallar un plan realista para sair da crise.

Velaí un modelo de crise que retrata a situación que veñen vivindo varios países da Eurozona, ou mellor sería dicir que ven vivindo a Eurozona en varios dos seus componentes.  Porque – e isto é un dato fundamental – non se pode, ou non se debería, falar por separado de cada ún dos países.  Os casos extremos de Grecia e Irlanda, e os posíbeis de Portugal, España, Bélxica ou Italia son fenómenos concomitantes que repercuten na totalidade da Eurozona.  Cando algúns comentaristas analizaban a situación en 2009 e sinalaban que os níveis da débeda pública de algúns países, como Grecia, Italia, Irlanda ou España eran preocupantes, en tanto que os da maioría da Eurozona resultaban moi aceptabeis comparados cos níveis da débeda dos Estados Unidos, de xeito que podían enfrontar sin temores os “ataques” dos mercados, estaban cometendo o erro de non ter presente que a Eurozona é unha entidade que se debe considerar no seu conxunto.

Tendo en conta que as diferencias entre países da Eurozona son diferencias entre rexións, pódese analizar o caso das diferencias rexionais dentro dos Estados Unidos que tamén presentan déficits e superavits.  O que acontece é que naquel país aplícase de contado unha redistribución do orzamento federal centralizado que equilibra a situación.  A Reserva Federal e o Tesouro norteamericáns compleméntanse e garantízanse mútuamente.  Esa posibilidade non existe na Eurozona porque o BCE non tén facultades para actuar por enriba dos Estados da UE.  A crise da débeda atinxe a todos, mais a débeda soberana non é da unión monetaria, senon nacional.

O problema fundamental da Eurozona – problema que tén sido sinalado de cote por numerosos analistas e comentaristas – é o de que se trata dunha unión monetaria que non está basada nunha unión política.  Nunha unión política – como a dos EE.UU. – o orzamento centralizado representa un mecanismo automático de solidaridade, mecanismo que non eixste na Eurozona.  Ainda que – como sinalan os economistas – as transferencias automáticas entre rexións non resolven o problema dos axustes entre os componentes da unión, sí reducen a necesidade de que éstes teñan que acudir aos mercados de capital para paliar déficits.

Os promotores do proxecto dunha Europa unida, e mesmo duns Estados Unidos de Europa, alá polos anos 50 do século pasado, maxinaban un proceso de achegamento entre os países europeos que, alén de desterrar a posibilidade de guerras entre eles, fose eliminando fronteiras nacionais de todo tipo: sociais, políticas, económicas, militares, ata chegar a unha unión que fixera de Europa unha entidade con persoalidade propia.  Comezaran polo que entón era a pedra fundamental do futuro edifício, a Comunidade Europea do Carbón e do Aceiro, que froitificou e levou ata a unión monetaria presente.  Outros proxectos – coma o da “comunidade europea de defensa” – resultaron totalmente inviabeis.  E ainda hoxe, por máis que o Reino Unido e Francia, ou Francia e Alemania, poñan en común parte das suas forzas armadas, sería imposibel pensar nunha comunidade de defensa.

E tal imposibilidade, coma a inexistencia dunha auténtica unión monetaria e fiscal e dun Banco Central Europeo con facultades dabondo para afrontar crises, é consecuencia de que hai xa tempo que se foi perdendo o horizonte que os “pais” da Europa unida albiscaban.  O exemplo máis recente e preocupante é o que presentan o Presidente Sarkozy e a Canciller Merkel, ao se negaren a socializar as débedas nacionais, quer dicir, a seguiren os consellos do presidente do BCE cara a arbitrar solucións máis firmes para os problemas da débeda dos países membros da Unión (como sería a emisión de bonos polo BCE).

Alá polos anos 60 do século pasado, cando ainda estaban frescas as ideas e proxectos dos promotores dunha unión europea, publicabamos en “La Noche” de Santiago unhas consideracións, escritas desde Xenebra, sobre a versión suiza do federalismo.  Deciamos que non hai unha “nación” suiza, senon unha confederación de cantóns soberáns, sin hexemones.  Os suizos, no curso dunha historia violenta, deprenderan o valor de chegaren a un entendemento entre todos, a un equilibrio que lles permite seren o que son (xenebrinos, grisóns, basilenses, etc.) e, ao mesmo tempo, presentaren un fronte unido, como suizos, cara o exterior.  Os suizos decían daquela, e seguen dicindo, que soamente poderían entrar nunha Europa unida cando se tratara dunha unión, non de Estados, senon de “patrias”, entendendo esa palabra coma isa cousa pequena que hai arredor de ún, que se pode gobernar entre todos os veciños porque é fácil de comprender.  Deciamos entón que os suizos demostraban cada día a posibilidade de acadar democracia e eficacia nunha organización federal.

Os federalistas europeos que animaban o proxecto de unir Europa maxinaban un edificio semellante ao da Confederación Helvética.  Era a versión máis radical do federalismo.  Probabelmente, como dicía Emma Bonino nun artigo pubricado en El País2, o federalismo de Spinelli, Monnet e Adenauer era un federalismo light, que se podería adaptar ao tempo presente. Se os europeos, viña dicir a política italiana, fósemos quen de facer unha Federación light, os mercados e o mundo saberían que a unidade europea é indiscutíbel e que o orzamento federal convertiría a estabilización macroeconómica de Europa nunha cuestión administrativa normal.

E a Europa acosada polos mercados e pola malentendida soberanía nacional, que tanto pretenden defender os herdeiros de grandeurs e de imperios, podería enfrontar os presentes e vindeiros retos do século XXI.

1 Citado por Daniel Gros e Thomas Mayer, “Financial Stability beyond Greece: Making the most of the European Stabilisation Mechanism”, un paper do CEPS (Centro para Estudos da Política  Europea) de 11 de maio de 2010.

2 Emma Bonino, “El euro se salvará si también existe Europa”, El País, 11 de decembro de 2010, páx 31.