Europa baixo o suposto imperativo da globalización

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego

Despois da caída do comunismo retomouse o discurso da “fin das ideoloxías” (desideoloxización, despolitización, converxencia) e deseñouse un espacio político pracenteiro e calmo no que poder implementar unha nova orde, ceibe xa do desestabilizador confrontamento de ideas que, cómpre lembralo, é o alicerce mesmo da democracia. A evocación de Fukuyama sobre “a fin da historia” evolucionou nunha forma de exorcismo neoliberal, modernizador e incontestable.

Os ideólogos do neoliberalismo tiraron a conclusión de que calquera alternativa á forma actual de economía de mercado sería por forza disfuncional, acadando a hexemonía co engado da utilidade pública e do progreso. As teorías da anticipación e debates fin de século non son novos. Xa Alvin Toffler dixo no seo da Comisión sobre o ano 2000, en 1967, que para evitar o “traumatismo do choque do futuro” era preciso crear nos cidadáns o desexo do futuro.

A hexemonía dun saber mundialista de tipo tecno-económico-mercantil lexitimase polo seu carácter científico e ultraracional: é pulcro en canto económico, desligado da subxectividade corruptiva da política regulamentadora; fundamentalista e fondamente empobrecedora, monopoliza e naturaliza supostos valores xerais como evidencias irrecusables. A nova economía é a grande esperanza do novo milenio, fáisenos crer que é progresista, razoable, científica.

¿Donde sae a receta única? A docta man invisible do mercado non se trabuca, adoita ser a resposa case teolóxica que xustifica calquera medida política e ninguén semella controverter o que a política e o benestar cidadán se poñan ó servicio das cifras macroeconómicas.

O vello esquema foucaulianode producción da verdade pode axudar a clarexar a aparente naturalidade coa que opera calquera estratexia de poder que veña para ficar. A verdade prodúcese e encánase a través dunha mesta rede de mecanismos institucionais (e, nun contexto de mundialización económica é correcto acudir aos máis altos: FMI, OMC, BCE, ou Reserva Federal USA) sendo a súa economía a que asegura un diferente acceso dos cidadáns, materializándose así unha dobre operación de integración e máis exclusión.

Abertamente, o obxectivo actual de calquera goberno ou economía nacional é a integración, mais a exclusión vai implicita bo bo funcionamento de tal sistema e é, asi mesmo, de longo alcance, podendo abranguer individuos, colectividades, rexións ou países enteiros. O actual apartheid tecnosocial mundialmente lexitimado na economía “do coñecemento” é máis moderno, pero maiormente culpabilizador do excluído, máis profundizador das divisións ricos-
pobres, Norte-Sur.

Europa coñeceu nas últimas décadas unha fonda reforma estructural, propiciada primeiro polo mercado único e logo polo euro e o conseguinte Pacto de Estabilidade e crecemento (aprobado polo Consello Europeo de Dublín en decembro de 1996), imposto por unha maioría de gobernos conservadores, pero desenvolvido fielmente por unha nova maioría de gobernos socialdemócratas. A receita consiste en estabilizar os orzamentos nacionais por medio dunha conxuntura recesiva e estrictos programas de aforro.

Prométese crecemento e emprego, pero en todas partes tense amosado que a conomía tamén medra sen que medre o emprego, e que as empresas poden aumentar os seus gaños co despedimento de traballadores. Nunha economía sen imposicións sociais, o beneficio non é, en por si, garante ningún de emprego; si o é, pola contra, de precariedade no emprego.

A Unión Europea dedica unha porcentaxe cada vez menor da súa riqueza á protección social: un 27,7 por cento do PIB en 1998, fronte a un 28.9 por cento en 1993, segundo Eurostat. A evolución por países segue esa tendencia. O ex ministro alemán de finanzas, Lafontaine (que foi a primeira e máis importante baixa do actual equipo de goberno SPD-Verdes na súa andaina á terceira vía) explica cunha grande clareza como a presente “modernización” non significa máis que adaptación económica e social ós supostos imperativos da globalización. A receita única reprodúcese en todas partes: se os anglosaxóns non teñen protección ningunha contra do despedimento (e “vai ben”) sexamos pois modernos e eliminemos esa protección; en moitos países recórtanse as prestacións sociais, en moitos países redúcense os impostos sobre as empresas … sexamos modernos.

Se as cifras non cadran é que non se seguiron correctamente as instruccións. Se, pola contra, “vai ben”, é que se aplicou a receita con todo rigor e seriedade e, probalmente, isto é importante, mellor que o veciño.

Emporiso, o desregulamento do mercado de traballo que supoñía que debería garantir o pleno emprego non tivo os efectos agardados nin en Alemaña nin na Franza: desemprego dun 8.3 por cento e un 9.9 por cento en 2000, respectivamente, segundo fontes dunha preocupada Comisión Europea; España ten un 14.2 por cento no mesmo ano. No Reino Unido non se reduciu notablemente a taxa de desemprego, pero máis como consecuencia da diminución da poboación activa que polo suposto dinamismo da creación de emprego.

Si, moi “moderna” é a chamada terceira vía británica, oficializada no manifesto conxunto Blair-Schroeder de 7 de xuño de 1999, como “táboas da lei” para unha nova esquerda europea, reformada e racional. Compendio dos presupostos económicos neoliberais, baséase nas partes máis “razoables” de Giddens, é dicir, as que esquecen que “a exclusión dunha parte da cidadanía dos dereitos sociais pode chegar a influír -obviamente de xeito negativo- no seu gozo dos dereitos políticos e mesmo civís” (Giddens, 1983).

Se o traballador é un factor de custe e o social un instrumento no axuste das taxas de beneficios, a cohesión social e con ela a tan querida liberdade individual, fican totalmente socavadas. A igualdade de oportunidades non se pode converter nun valor absoluto cando non se da unha correspondente igualdade de resultados.

Arestora todos somos conscientes do custe do social, do mantemento do dinosaurio social europeo. Lémbrannolo arreo ó consultar calquera medio informativo as cifras do goberno ou de Eurostat. Mais as cifras non son inocentes se non contemplan todas as variantes. É momento de dar a coñecer asi mesmo o custe do non-social.

Retomemos agora a Foucault. Unha vez naturalizada a verdade, a posterior canalización do corpo social é sinxelo, abondan dous denominadores: mansedume política e rendabilidade económica.

As condicións danse. Ao rachar o carácter evidente e naturalizado desas nocións e sobrancear a súa transitoriedade ou a súa caducidade, pasa por unha intervención crítica, unha especie de coraxe política disposta a afortalar calquera erguemento dunha singularidade perante as desfeitas do poder e da historia.

Esta idea da “morale antiestratégique” relacionase co estoupido do 68 e as súas reivindicacións de oposición extraparlamentaria (Touraine 69, Backhaus, 69), algo moi moderno tamén na súa época que tras dunha longa letarxia, semella cobrar nova actualidade en forma de protestas antiglobalización ou a través do Forum Social Mundial que tenta abrir un debate na sociedade civil en todo o mundo sobrer as alternativas ao neoliberalismo, cada unha destas intervencións públicas ou accións políticas locais denuncian o réxime de producción da verdade.

Estas formas dinámicas de oposición evidencian, nun censo amplo, o carácter conservador da actual oposición, na súa acepción clásica. Elíxese entre programas moi semellantes nos que a materia económica e financeira é o punto forte. A súa evolución, unha vez no poder, semella, sinxelamente, idéntica.

Unha oposición conservadora en tempos de mudanza política, cultural ou económica ou, en calquera caso, en tempos nos que o poder propende ó exceso, arriscase a reducir a súa forza e, polo mesmo, a súa propia representatividade. Seguindo a Pizzorno, oposición é control, crítica, máis tamén proposta.

Nun contexto de falta de cuestionamento e alternativa nunhas sociedades relativamente satisfeitas ou resignadamente conformes, a dominación compracente dunha nova onda de conservadorismo neoliberal foi doada. Lexitimaronse sós, que ninguén agarde que asi mesmo se deslexitimen eles tamén. A censura económica que se está a espallar non terá nada de compracente.