Resulta obvio que Europa atravesa momentos de crise. Non é unha crise común senón un tríptico de crise económica, política e de liderado. Hoxe é difícil atopar solucións cando o continente non medra económicamente. A isto se lle suma o feito de que, dende este ano e ata o 2007, realizaranse eleccións en países como Alemaña, Francia, Italia e España, condicionando as prioridades dos dirixentes.
Pasado este trance electoral, é de supoñer que non existirá a estabilidade necesaria ata que non naza un novo grupo de dirixentes con sinerxía e carisma suficiente. Na actualidade non só existe unha desconexión entre a elite europea e a xente da rúa, como se ten afirmado ate o de agora, senón que é necesario contar con que tamén hai unha grande descoordinación e incomprensión entre os líderes, incapaces de facer concesións, que se expresan como un signo de debilidade nos respectivos países.
Europa ten interrogantes de orientación política que facerse e problemas económicos que resolver. Baixo as mínimas cotas de confianza nos dirixentes nacionais agóchase o estancamento económico e a falla de crecemento, sempre seguindo a estela do referente americano que foi o condicionante da estratexia de Lisboa. Agora, ademais, coa presidencia europea en mans de Gran Bretaña, só dúas hipóteses son posibles: desacreditar Europa ou restaurar a credibilidade sendo parte integral dela.
Cal será o nivel de compromiso dos mandatarios británicos? De momento é unha incógnita, pero si sabemos cando menos dos seus intereses. A historia forxou un imaxinario e un legado particular en cada unha das nacións europeas e os británicos tiveron un rol ben distinguido no equilibrio de poderes continental. Nados da composición de catro nacións e cun forte compoñente inmigrante, foi a primeira democracia e a primeira nación en industrializarse. Ademais contou cun vasto imperio e legou a súa cultura a algunha das máis grandes e relevantes potencias da actualidade, entre elas EEUU, Canadá e Australia.
Estes feitos, unha e outra vez repetidos nas escolas, fan que o ser británico teña un certo contido de excepcionalidade. Acompañado ademais pola vicisitude de partir dende unha illa que non foi ocupada practicamente dende tempos dos romanos. Non é tampouco para esquecer o detalle de que os británicos son dous pobos que, no conxunto da súa poboación, falan menos linguas estranxeiras, o cal dificulta a comprensión e o intercambio co resto de culturas europeas.
A fin de contas, é difícil reconciliar o que foi a histórica grandeza coa modestia que seguiu ó período de despois 1945, cando os EEUU asumiron o relevo da orde internacional dun país habituado a manter os equilibrios de potencias nunha Europa dividida. Isto explica, en parte, as reservas á hora de compartir políticas integradoras europeas como o Tratado de Schengen ou as reticencias á hora de participar na Eurozona.
En efecto, pertencer a Europa pode verse nas illas como unha ameaza. Para os euroescepticos británicos, Europa é un referente moi diferente visto dende a esquerda ou dende a dereita, algo que non é patrimonio dos críticos das illas británicas. Dende a esquerda, a UE evoca un clube de grandes capitalistas que tecen e destecen como Penélope ó seu antollo, nun amplo mercado onde realizan os seus negocios mentres que, para a dereita, significa unha perda de soberanía nacional inasumible.
A isto hai que unir o feito de que a prensa é demasiado parcial e desinforma de maneira populista ata tal punto que Tony Blair nunca quixo enfrontarse directamente cos medios neste tema. Unha das razóns polas que se formulou a proposta dun referendo tiña que ver coa necesidade de crear débate sobre a pertenza a Europa, e romper co tabú de sentirse europeos. Hai quen afirma que a retórica das "red lines" e toda a discusión que aportou debeuse a unha estrataxema para atraer ós euroescépticos.
Os intereses primordiais dos británicos céntranse nos imperativos económicos. Lémbrense ben da famosa frase, con denominación de orixe, "Time is Money". A restitución de orde monetaria que supón o famoso "rebate" é básico pero tamén o futuro económico e social da UE. Neste sentido, confían en presentar boas credenciais para dirixir o futuro colectivo da Unión durante seis meses: unha economía integrada nun mundo global, capacidade de absorción dunha forte inmigración, gran crecemento económico, baixo desemprego… e todo isto tendo claro o que queren de Europa. Liberalización do sector dos servizos, apoio á entrada de Turquía, reforzo da competencia, mellora das condicións de crecemento e competitividade da empresa, maior flexibilidade e un enfoque máis económico que político. Case nada.
O "non" á Constitución europea de franceses e holandeses, lonxe de conxurar as pantasmas do liberalismo económico, tal vez lle abriran aínda máis portas, fortalecendo de paso o populismo e o desencanto con Europa. Agora é unha prioridade non revivir tampouco as tensións entre a nova e vella Europa, que se constatou nas negociacións de Niza ou na crise de Iraq. E, dende logo, son conscientes de que contan cos seus "talóns de Aquiles" particulares como, por exemplo, un colapsado Servicio Nacional de Saúde, o acceso á educación, que non é nin de lonxe a máis equitativa e igualitaria, e a mobilidade social británica, tan rápida como a carreira dunha tartaruga.
Cando se fala de contribución a Europa, no fondo está clara a artificialidade do debate e do feito de que non só o Estado español ou Portugal aproveitaron a bonanza de pertencer a este proxecto e medrar economicamente. O Reino Unido e, sobre todo, Irlanda, foron dos países que máis tallada sacaron dende a incorporación nos anos 70 á CEE, e hoxe, non hai comparación posible coa situación socioeconómica dos anos 80.
Tal vez o problema da contribución non sexa máis que a tensión entre os países que contan cun sector agrícola representativo (Francia, España, Italia, etc), e aqueles que formularon historicamente políticas máis baseadas no comercio (Reino Unido, Holanda, os países nórdicos…), moi presente en cada debate presupostario da UE.