bandeiras ue eeuu

Europa e a “química” de Bush

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
En liñas xerais o, Compact establece as prioridades do mundo occidental, en Irán, onde se reafirma a intención de acabar coa proliferación das armas nucleares utilizando ós europeos como intermediarios, en uso do seu "soft power", para deter a proliferación das armas nucleares, se é necesario, impedindo os usos enerxéticos e civís dos iranianos.
 

Un grupo de expertos en seguridade e defensa, europeos e americanos, que analizaban a realidade política mundial partindo das pontes históricas das relacións transatlánticas, deron por sentado que USA e EU están condenados a entenderse. Para que quedase un fiel reflexo do seu parecer, redactaron un texto "que ten once páxinas e veu á luz o 17 de febreiro", denominado "Compact Between the United State and Europe", que pretende ser unha demostración dos retos que ámbolos actores internacionais deben encarar conxuntamente, partindo de que no fondo comparten unha sensibilidade común da seguridade, pero con distintos medios de alcanzala.

Afírmase, que o partenariado, debe durar e "se é posible" anovarse. Pero esa renovación require "máis que esperanza, require acción". Polo tanto, o que en realidade se pretendía coas viaxes de Bush e Condoleezza Rice, a finais do mes de febreiro pasado, non era desbloquear unha relación transatlántica que non funcionaba, senón, máis ben, arrancar un compromiso dos europeos para ligalos a un problema que creou a administración Bush. En definitiva, quere que os europeos constrúan o que os americanos destruíron, non tanto en termos materiais, senón en aras da "estabilidade" da rexión.

Bush, nunca creu que a UE fose un actor internacional, e non creo que agora cambiase de idea. Proba diso é que se reúne cos "opositores" orixinarios ó ataque de Iraq, por separado, como nos reinos de Taifas.

Nestes momentos, é inviable consagrar recursos a unha posible invasión de Siria ou Iran sen retiralos das zonas "quentes", ou reimplantar o servizo militar obrigatorio nos USA. Os límites orzamentarios e humanos que representa a invasión de Iraq, Afganistán, e os non menos importantes esforzos de asentamentos militares ó redor de Rusia, en lugares como Xeorxia, por exemplo. E tamén, os compromisos con Taiwan, e a preocupación de Corea de Norte, non posibilitan atender a todo. É necesario logo que os socios europeos, se fagan cargo con algo máis que palabras de "estabilizar", alí onde a administración Bush usou as bombas.

O mundo unilateral, que lle serviu para atacar e entrar nestes países, non lle supón ningún beneficio á hora de abandonalos, logo de proclamar que eles estableceron a democracia no berce do islamismo. Pero é unha democracia máis virtual, que real.

En liñas xerais o, Compact establece as prioridades do mundo occidental, en Irán, onde se reafirma a intención de acabar coa proliferación das armas nucleares utilizando ós europeos como intermediarios, en uso do seu "soft power", para deter a proliferación das armas nucleares, se é necesario, impedindo os usos enerxéticos e civís dos iranianos.

En Iraq, onde se involucra ós estados europeos na hecatombe diaria, a través dun grupo de contacto que establecerá un diálogo estratéxico sobre o futuro do país. Contribuír á formación das forzas da orde iraquís, ó igual que participar financeiramente da reconstrución, supón lexitimar a invasión americana, a través da aceptación da democracia títere nacida dunhas eleccións sen campaña electoral, e sen o compromiso de tódalas etnias. Internacionalmente, legalizarase a situación de ruptura que deixou a invasión aliada, cunha autorización de Nacións Unidas, onde unha nova forza multinacional estabilizaría o país baixo os auspicios da OTAN. Co que, ademais, quedarían maiormente controladas as operacións, pero sen personalizar nas forzas americanas que se poderían tomar un respiro, evitar o elevado número de baixas e ocuparse doutros posibles "rogue States", como acostuman a denominalos os norteamericanos.

En Oriente Medio, parece que a estabilización que supuxo a morte de Arafat, xuntouse coa sequidade de Condoleezza Rice, a secretaria de Estado, con Israel. Isto agrada, tanto á opinión pública europea como ós seus dirixentes, e contribúe a crear un clima de confianza, interesado, pois son moitos os intereses creados para que non se chegue a un acordo a corto prazo entre israelís e palestinos.

China, seguirá petando na porta polo momento, pero é probable que sexa a moeda de pago en favor da colaboración europea, que ó mesmo tempo recibirían as importantes remesas das vendas de Airbus en China, e doutras operacións comerciais polo estilo cos chineses. En calquera caso, os americanos gardaranse as costas, impoñendo un estrito código de conduta na venda de armamento, ou ben, encoraxando a reunificación de chineses e taiwaneses, co que desaparecería o compromiso coa illa. E para Corea, non lle queda máis que o tempo e o diálogo.

Finalmente, a Convención de Xenebra, queda como estaba. Aplicable ós combatentes capturados no campo de batalla da guerra contra o terrorismo -o que non quere dicir que no futuro, algúns dos prisioneiros non sexa cualificados noutra categoría, ó igual que os presos de Guantánamo. En fin, como afirma o presidente da Comisión Europea,Durao Barroso: "a química do presidente Bush gaña máis en persoa, que na televisión".