Nubes de tormenta se achegan ó horizonte europeo. Os franceses fan notar unha vez máis a súa voz discordante co actual proceso de construción de Europa entre confusas enquisas que parecen avanzar a derrota dos europeístas máis entusiastas.
O debate se centra na cesura entre os denominados proclives ó neoliberalismo e os seus opositores, sen ter en conta que non existe nada en estado puro, e que lendo a Constitución Europea, aínda que as referencias ó mercado son constantes e evidentes, non hai impedimentos para levar a cabo políticas de tipo social, se é que hai vontade para iso.
Esta semana, dúas novas sondaxes confirman a vantaxe do "non" á Constitución Europea. A tendencia non parece reversible e transitoria. Cun promedio do 52 %, a pesares das numerosas intervencións públicas dos líderes do si, a solución non semella próxima. O partido socialista segue dividido nas guerras intestinas, e deles depende a solución final para conseguir saltar a barreira do referendo. Por se fose pouco, a imaxe da dereita cae nas enquisas de opinión. Cuns líderes desgastados, as intervencións de Raffarin e de Jacques Chirac, fan que sexa peor o remedio que a enfermidade.
Sen embargo, o resultado final segue sendo unha incógnita, pois queda unha grande parte do electorado sen opinión, ou indeciso. As presas non son boas, e á relaxación uniuse tamén o malestar económico e a inestabilidade noutros países como Alemaña. As dúbidas sobre o futuro de Europa e a conveniencia do proxecto, criadas na inestabilidade e na crise, acentúanse a través do incremento do paro e das exemplares deslocalizacións que golpean as plantillas das multinacionais e ilustran con grandes caracteres as portadas dos xornais. Os mandatarios non dan con solucións para un problema que parece, segundo as regras da lóxica, un asunto cíclico e temporal.
O feito de querer gañar a todo prezo, non semella unha axuda á victoria do "si". Os discursos repetidos e demonizadores, non parecen tampouco causar efecto no electorado, ou cando menos de momento. Todo o contrario do que pasou aquí. Tal vez, ante a dúbida de última hora, o electorado se decida por dar un paso adiante na construción europea. De momento, na Gran Bretaña, xa fregan as mans en caso de fracaso do texto constitucional en Francia, que lles permitiría evitar a procesión de tránsfugas da construcción europea e de permanentes antieuropeístas.
É difícil afondar na pedagoxía sobre Europa en tan pouco tempo e nós sabémolo ben, pois no referendo español, o debate claro e aberto, así como a información da sociedade civil brillou pola súa ausencia. O sentido da conciencia nacional está demasiado enraizado para facer concesións, e calquera circunstancia desfavorable serve para opoñerse á construción de Europa.
Asistimos, sen embargo, a un debate que apaixona ós franceses. Francia volve a sentirse o centro de Europa, gústalles que se fale deles e abrigan a esperanza de volver ser unha potencia, tal e como afirmaba Max Gallo nas páxinas do diario El País, no caso de que se rexeite a Constitución Europea. O debate, sendo bo, é un signo de democracia, pero nel hai moito tamén de prolongación do chauvinismo francés. Un cóctel, cando menos cheo de gracia e de oportunismo, para un pobo que se considera particular.
En fin, o non á Carta magna europea, é longamente maioritario entre o Partido Socialista, o Partido Comunista Francés e os Verdes, onde chega ó 57%. Se incluímos o resto da esquerda a suma supón o 60%. Pero entre os socialistas a división é moi patente, repartíndose á metade grazas a unha pequena remontada do "non" socialista.
A forte mediatización de líderes socialistas como Laurent Fabius ou Lionel Jospin, arredor da cuestión social, engancha ó electorado e ten en vilo a toda Europa. Dúas esquerdas están a tecer e destecer a tea de Penélope europea, traballando unha pola día o que a outra desfai pola noite.