![]() | |
![]() | |
Os dirixentes europeos, parecen ter medo a ofender a alguén, ou ben atenden ás premisas doutros intereses. Por pouco se impón o fin das matanzas "tan pronto como sexa posible", tal e como proclamaban o sempre presente Tony Blair e a alemana Angela Merkel, a pesares das atropelías inxustificables como as do ataque da Caná, o 30 de xullo. A presidencia finesa, tampouco foi quen de levar adiante nada máis que a retórica. Británicos, alemáns, holandeses, checos e polacos, bloquearon os borradores de resolución da presidencia. Así as cousas, a falla dunha resposta conxunta representa por tanto unha chuvieira de vergoña común, e a inexistencia de firmeza é bochorno para todos de cara á propia opinión publica, de cara ó mundo e a historia. (Foto: Membros da Cruz Vermella sosteñen o cadáver cuberto de po dun neno falecido nos bombardeos israelís sobre Caná o 30 de xullo de 2006. ©20minutos). | |
Haberá que ir pensando, para proseguir coa construcción europea, na expulsión dalgúns membros que se opoñen sistematicamente a todo. Dende que as decisións da UE se toman a 25, xa parece recorrente que nunca se chegue a ningún lugar nin se tome ningunha decisión práctica. A reunión extraordinaria de ministros de asuntos exteriores do primeiro de agosto foi o fiel reflexo da impotencia europea. A Unión Europea con todo o seu mercado interno e poderío económico, con toda a propaganda da promoción dos dereitos humanos e da cooperación, e con toda a presencia diplomática que lle corresponde, non foi quen de esixir, o que non significa impoñer, o cese do fogo inmediato.
Os dirixentes europeos, parecen ter medo a ofender a alguén, ou ben atenden ás premisas doutros intereses. Por pouco se impón o fin das matanzas "tan pronto como sexa posible", tal e como proclamaban o sempre presente Tony Blair e a alemana Angela Merkel, a pesares das atropelías inxustificables como as do ataque da Caná, o 30 de xullo.
A presidencia finesa, tampouco foi quen de levar adiante nada máis que a retórica. Británicos, alemáns, holandeses, checos e polacos, bloquearon os borradores de resolución da presidencia. Así as cousas, a falla dunha resposta conxunta representa por tanto unha chuvieira de vergoña común, e a inexistencia de firmeza é bochorno para todos de cara á propia opinión publica, de cara ó mundo e a historia. Tan só as tímidas iniciativas de varios países (entre eles España, Francia e Portugal), disimulaban saltala barreira da impotencia xeneralizada.
A fin de contas, parece incomprensible a omisión premeditada dos nosos gobernos. Xa estamos habituados a ver aldeas sometidas á fame e ó terror coa conivencia dos gobernos europeos e o silencio culpable de tódolos países do mundo, unha poboación emparedada por un muro que divide familias e territorios sempre en beneficio dos israelís, ou a anulación das axudas por parte da Unión Europea simplemente porque non gañaron as eleccións os que á Unión Europea lles conviña. Os mandatarios da vella Europa condenan non obstante, á víctima e non ó verdugo: un Estado consentido e caprichoso, que en función da propia seguridade ataca e extermina sen ningún freo.
A indiferencia europea non é propia da ignorancia. Todos son conscientes do problema e existen medidas máis que suficientes para atopar unha solución. A prohibición da importación de productos israelís, a fin dos seus privilexios comerciais e dos acordos nos campos da investigación e do desenvolvemento, o bloqueo das contas e bancos europeos, a limitación dos vos israelís no espacio aéreo europeo ou a exclusión dos seus equipos das competicións artísticas e deportivas son tan só algunhas das medidas que se poderían adoptar, pero que non interesan.
En troques, a Unión Europea decepciónanos unha vez máis, polo servilismo cara o emperador do mundo, que protexe a aqueles que consideran meros animais ós palestinos, matándoos a vontade co pretexto de que defenden a súa seguridade. Os palestinos son terroristas que loitan contra o que eles ven como o invasor, e ninguén quere ser o portavoz que denuncie o terrorismo de Estado israelí, que se perde nas tebras dos números da morte.
Este é un equilibrio de poder complexo. Uns contan con armas, diñeiro, apoio dos gobernantes internacionais, e os outros tan só coa solidariedade dos pobos e coa razón que nos fala da inxustiza. Os que son apoiados pola comunidade internacional, non só non se retiran dos territorios ocupados, non destrúen o muro condenado pola xustiza internacional, non facilitan o retorno dos refuxiados senón que promoven aínda un maior número de refuxiados noutros países, e a maiores, proseguen coa limpeza étnica e a ocupación de terras por medio dos asentamentos, de tal maneira que os palestinos xa só controlan o 12% da Palestina histórica, restrinxindo a capacidade de movemento dos palestinos.
Pero se algo nos quedou claro en todo este tempo é que xa sabemos que é de inxenuos pesar que alguén os vai axudar. Os gobernos árabes, sen contar coa opinión da súa poboación, prefiren as boas relacións con EEUU á solidariedade cos seus veciños palestinos ou libaneses. E os poderosos europeos, parece que teñen moitas débedas que saldar, e non teñen tempo para pórse de acordo e intervir.