A maioría dos comentaristas británicos non adscritos ás dereitas coinciden en que os resultados das eleccións celebradas o día 6 representaron un fracaso dos conservadores de David Cameron. Fracasou tamén Nick Clegg, a gran estrela do primeiro debate televisivo, fracaso que non se debe exclusivamente ao inxusto sistema electoral británico pois que o Partido Liberal Demócrata tamén está sofrindo unha forte derrota nas eleccións locais que tamén tiveron lugar coincidindo coas xerais. Os resultados coñecidos cando estamos escrebindo este comentario indican que na gran maioría dos 166 concellos que participaban nos comicios estaban trunfando os laboristas e os conservadores. Un exemplo: no Concello de Camden, en Londres, os liberal demócratas perden dez conselleiros que pasan aos laboristas, que agora teñen 30 conselleiros (maioría absoluta), frente a 10 conservadores (que perden dous) e 10 liberal demócratas.
Con todo, o gran fracaso é o dos conservadores. Hai que ter en conta que o partido de Cameron enfrontábase a un goberno laborista moi impopular polos escándalos financeiros e pola crise máis grave que o Reino Unido sofre desde a Gran Depresión, despois de trece anos de estar no poder. A esmagante maioría da prensa de dereitas (principalmente os voceiros de Murdoch) e o financiamento xeneroso do multimillonario Lord Ashcroft, vicepresidente do partido conservador, prognosticaban un cómodo trunfo conservador. Houbo un momento, hai ano e meio, en que Cameron levaba 20 puntos de ventaxa a George Brown. Mais a dianteira conservadora foi disminuindo ata acadar só un porcentaxe de 36 do voto popular nas eleccións. Non semella que exista entusiasmo polos conservadores no país.
Por iso chama moito a atención o feito de que en España os voceiros do Partido Popular, a comezar pola Presidenta da Comunidade de Madrid, celebren o resultado das eleccións británicas como un trunfo sensacional, como decía hai poucos días nun debate radiofónico o deputado popular José María Lasalle, quen, por certo, tamén falou de que o trunfo de Cameron representaba a supremacía dos “conservadores roxos”, quer dicir, dos conservadores que, ao seu xuizo, son máis progresistas do que os laboristas, e a desfeita final do “thatcherismo” (cousa que non acreditan comentaristas liberais e laboristas británicos, que xa hai algún tempo falaban do perigo dun novo “thatcherismo” liderado por Cameron, tendo en conta a ideoloxía de quen, con certeza, será o Ministro da Fazenda si Cameron forma goberno).
A minoritaria prensa “liberal” ou progresista británica mostrouse partidaria de Nick Clegg, a comezar por The Guardian que, máis ou menos, levaba unha longa traxectoria de apoio aos laboristas e moito máis longa, desde os anos 30 do século XIX, como campeón de reformas constitucionais. E reforma constitucional sería – nun país que non tén unha Constitución – a reforma da lei electoral. Desta vez, o xornal coidaba que tiña chegado o momento dos liberais. E comentaba nun editorial que, canta máis xente dera seu voto aos liberais demócratas, maior sería a posibilidade dunha reforma electoral que remediara a inxusta situación do bipartidismo presente.
No longo editorial en favor de Clegg, The Guardian comentaba polo miudo o que os liberais demócratas poderían levar á gobernanza do país. Mais non estaba todo. Faltaba unha mención, por pequena que fora, a Europa. Sen embargo, Europa é un dos eixos do pensamento do Partido Liberal Demócrata, e Nick Clegg, que fixo boa parte da sua carreira política en Bruxelas, sempre se manifestou como partidario da construcción dunha Europa unida e mesmo partidario de que a Gran Bretaña entrara a formar parte da “zona euro”. O feito de que o editorial do xornal non fixera mención de Europa era xa un síntoma de que o tema non ía figurar no programa inmediato de Nick Clegg. De facto, é moi probable que o “europeísmo” que Clegg demostrou nas suas intervencións nos debates pre electorais teña sido un factor negativo para os votantes británicos. Europa, a Unión Europea, nunca foi un tema popular no Reino Unido, e principalmente no momento actual de crise das institucións europeas e de debilidade do euro.
Desde unha perspectiva europeísta, o laborismo representa a política tradicional británica de participar en Europa mais, ao mesmo tempo, de refrear no posible o progreso cara unha maior supranacionalidade europea. E, polo que toca ao Partido Conservador, son moitísimos os seus membros e simpatizantes partidarios de “menos Europa” . O feito de se ter afastado do Grupo Popular no Parlamento Europeo para formar outro grupo con anti-europeístas da Europa oriental demostra o talante do partido de Cameron. Por iso é pouco menos que contra natura unha coalición liderada por Cameron e Clegg, e tamén por iso nas recente eleccións británicas Europa foi un espacio baleiro.