Europeísmos galegos

En diferentes tempos e ocasións, os galeguistas atopáronse entre os máis europeístas da península. É o caso, sen dúbida, do primeiro terzo do pasado século cando a reivindicación da Galicia, célula de universalidade, tiña na Europa unha esperanza primeira de realización. Moi poucos entón miraban cara Europa nese senso. Que a Lois Tobío o alcumaran “el europeo” os seus compañeiros de promoción da carreira diplomática fala en por si, como tamén a vocación europeísta de Plácido Castro situaba na política continental un eixe básico da nosa política exterior. A xeración Nós miraba cara Europa como prolongación dunha nosa identidade que o abafante centralismo porfiaba en negarnos.

Liñas de investigación Relacións Internacionais Paradiplomacia
Apartados xeográficos Acción exterior de Galicia
Idiomas Galego

En diferentes tempos e ocasións, os galeguistas atopáronse entre os máis europeístas da península. É o caso, sen dúbida, do primeiro terzo do pasado século cando a reivindicación da Galicia, célula de universalidade, tiña na Europa unha esperanza primeira de realización. Moi poucos entón miraban cara Europa nese senso. Que a Lois Tobío o alcumaran “el europeo” os seus compañeiros de promoción da carreira diplomática fala en por si, como tamén a vocación europeísta de Plácido Castro situaba na política continental un eixe básico da nosa política exterior. A xeración Nós miraba cara Europa como prolongación dunha nosa identidade que o abafante centralismo porfiaba en negarnos.

Outro tanto podíamos dicir do europeísmo da posguerra, nun tempo xa en que a idea dunha Europa orgánica daba os seus primeiros pasos. Ramón Lugrís dicía que o máis informado do que se cocía daquela en Europa era o demócrata cristián Xaime Illa, e avogaba por unha Europa federal como solución idónea para Galicia pois é nese marco que podería desenvolver a súa personalidade diferenciada aproveitando o proceso de reorganización política do mundo sobre a base de grandes agrupamentos supraestatais que no seu entender estaba xa en curso e era irreversible. Galicia sería un dos seus compoñentes naturais sen necesidade por iso de entrar en conflito con España e fuxindo da idea de converter a Galicia nun estado máis. A Europa das rexións estaba en camiño…

Nunha longa conversa mantida con Ramón Lugrís, parcialmente reproducida na revista Grial en 2012 e publicada integramente no Texturas Internacionais 9, el reclamábase aínda como un “convencido europeísta” e malia as moitas calamidades que presentaba unha Europa que en tantos aspectos non recoñecía, non tiña dúbida de que o europeísmo seguía tendo actualidade dende o punto de vista da defensa dos intereses de Galicia. Aínda máis, o europeísmo, é dicir, a Europa Unida, é a única posibilidade de podermos defender os nosos dereitos como entidade nacional, dicía.

Se ben o vello ideal dos galeguistas do século XX, de antes e despois da guerra, sigue á espera, a UE non perdeu nin moito menos importancia e transcendencia como espazo para a defensa e proxección dos nosos intereses como tampouco a pugna por instarmos nela unha relación sen intermediarios.

Os múltiples déficits da actual UE son ben coñecidos. Infinitamente máis perto está da Europa dos mercaderes ca dos pobos. Quizais por iso no nacionalismo de hoxe mantéñense importantes distancias coa entusiasta visión europeísta do galeguismo. Os tempos mudaron, pero o fío condutor non se quebrou de todo. Europa segue a ser un espazo xeopolítico, económico e socio cultural onde Galicia, con independencia das formulacións institucionais do europeísmo, das familias do propio nacionalismo e das limitacións derivadas dos convulsos vaivéns da política estatal, pode medrar en visibilidade e consistencia para enxergar o desenvolvemento da súa personalidade propia en todos os ámbitos.