eurorregion galicia norte de portugal

Eurorrexións

 Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, clic para aumentar
Aínda que dependentes da excesiva centralización política estatal, pode que estean nas eurorrexións en non nas estruturas burocráticas de Bruxelas as chaves máis clarificadoras sobre o tipo de integración que Europa pretende construír. (No gráfico se observa un mapa da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, un dos principais espazos territoriais transfronteirizos europeos).
 

É factible unha integración europea baseada nas rexións e non nos Estados? No actual debate sobre a Constitución europea e a parálise da UE, virar a atención cara outros mecanismos máis minimalistas de cooperación pode clarificar outra perspectiva de integración comunitaria.

En xullo de 2006 entrou en funcionamento un novo instrumento xurídico para a cooperación territorial europea, a Agrupación Europea de Cooperación Territorial (AECT), auspiciada polo Comité de Política de Cohesión Territorial do Comité das Rexións da UE. Este mecanismo xurde coa finalidade de axilizar o proceso de cooperación territorial da Europa das rexións.

Un ano despois, a vila de Baiona celebrou un seminario organizado polo Comité das Rexións da UE, destinado a analizar este primeiro aniversario das AECT. Non semella casualidade que sexa Galicia a sede deste primeiro evento. A eurorrexión Galicia-Norte de Portugal avanza con rapidez na consecución dunha integración transfronteiriza, non só baseada nos imperativos das infraestruturas e desenvolvemento económico.

Tanto como a eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, actualmente funcionan 8 eurorrexións e 80 proxectos de cooperación territorial en Europa, vinculando espazos territoriais tan diversos como os Países Bálticos, o norte de Europa, Europa central e oriental, o Arco Atlántico, o Mediterráneo e as rexións alpina e pirenaica. Algunhas destas eurorrexións naceron paralelas ao proceso comunitario adoptado no Tratado de Roma de maio de 1957.

A experiencia das eurorrexións permitiu adoptar unha serie de mecanismos de cooperación que acercan estes espazos territoriais, principalmente en materia de infraestruturas, parques transfronteirizos, centros de estudos rexionais, I+D, internacionalización das pemes ou saneamentos de concas hidrográficas. Para Bruxelas, a perpetuación destas estruturas de cooperación está facilitada polo financiamento a través dos Fondos FEDER e Interreg.

Paga a pena realizar dúas breves reflexións: son estas estruturas suficientemente eficientes e están capacitadas para dinamizar a cooperación transfronteiriza? E de qué forma as eurorrexións contribúen a manifestar unha perspectiva propia da integración europea?

En primeiro lugar, a proximidade xeográfica permitiría unha rápida e eficiente operatividade económica, social e cultural entre as áreas implicadas, o cal permite unha sincronización de demandas e obxectivos comúns. Están os casos da eurorrexión Galicia-Norte de Portugal, Midi-Pirineos ou a francesa de Languedoc-Rousillon. Aquí se manexan realidades que son similares para os actores involucrados.

Non obstante, non todas as eurorrexións corresponden a unha realidade de cooperación fronteiriza común. Un exemplo atópamolo nun interesante mecanismo de cooperación que involucra a Canarias con departamentos de ultramar franceses, belgas e holandeses. Aquí a dispersión xeográfica, de identidade cultural e de desenvolvemento económico permiten afrontar unha realidade tan diferente e complexa como reveladora e útil, incluso cunha capacidade de absorción aínda maior que nos casos anteriormente descritos.

Cunha traxectoria similar ao proceso de construción da Unión Europea, as eurorrexións dinamizan unha perspectiva de integración cun impacto menos mediático pero probablemente máis aproximado aos cidadáns. Aínda que dependentes da excesiva centralización política estatal, pode que estean nas eurorrexións e non nas estruturas burocráticas de Bruxelas as chaves máis clarificadoras para o tipo de integración que Europa pretende construír.