O misterioso secuestro de Abdulá Ocalan celebrouse por todo o alto en Ankara. O primeiro ministro turco, Bulen Ecevit, expresou o seu convencemento de que a detención do líder kurdo porá fin á loita guerrilleira. Sen embargo, tal aseveración resulta en exceso optimista. O problema kurdo non se resolve coa simple detención dun dirixente, por moi importante que poida ser.
Pola contra, o éxito inicial desta operación pode convertirse a medio prazo nunha incómoda "patata quente" para o seu goberno. Como primeira consecuencia, Ocalan, convertido nunha especie de Mandela kurdo, situará a Turquía, un país en permanente sospeita pola sistemática violación dos dereitos humanos, no punto de mira de amplos sectores da comunidade internacional. Ben puidera chegar a arrepentirse desta operación. A única opción intelixente para desbaratar tan mala imaxe consistiría en reconvertir a captura para impulsar, dende unha posición de forza, a negociación co PKK. Pero tratase dunha hipótese desmentida polos hechos, pouco probable, e tamén esa oportunidade pode ser desaproveitada.
¿Reaccionará o PKK coa cabeza fría ou con desesperación? Nos últimos tiempos, Ocalan impulsou unha estratexia baseada na internacionalización do conflicto e a intensificación da súa proxección política. A súa detención non debería iugular esa liña de actuación. A oposición kurda conta agora cun factor engadido e mobilizador de primeira magnitude. As accións de protesta desenvolvidas en toda Europa contribuíron a despertar moitas conciencias. Unha radicalización das formas debilitaría as súas razóns e argumentaría a favor de quen os acusan de ser "terroristas". Agora máis ca nunca precisan dunha política que lles permita gañar o apoio e a confianza da opinión pública para incidir con eficacia nas actitudes dos nosos gobernos.
Unha vez máis, o quid radica en cal será, en adiante, a actitude da comunidade internacional. A Unión Europea, con importante presencia kurda nalguns países, debe impulsar iniciativas que non soamente garantan a seguridade e a integridade física de Ocalan, o seu dereito á defensa e a un xuizo xusto, senón que propicien a apertura de negociacións para atopar unha saída política ó conflicto. Europa debe implicarse porque o problema non é kurdo nin turco, é europeo e internacional.