É cousa sabida, comentada pola prensa e non negada por ningunha autoridade, que os EEUU transferiron 184 millóns de dólares, destinados ó subministro de auga potable, para a nova embaixada en Irak, esquecendo que neste país hai o risco manifesto, por mor da guerra, de enfermidades debidas á contaminación das augas.
Da mesma maneira, é tamén sabido que o vintecinco por cento do diñeiro para a reconstrución do país non se gasta en construír hospitais, centrais telefónicas ou plantas de tratamento de augas, senón na contratación de axentes privados para garantir a seguridade dos edificios das concesionarias dos servizos para a reconstrución do país.
A suposta democratización de Iraq é un dos grandes e noxentos negocios do século. Porque supón o enriquecemento das grandes concesionarias de servizos que chuchan o sangue do pobo iraquí, a quen ían destinadas as cantidades ditas, entre outras. Así, a idea que os árabes e musulmáns teñen de Occidente, en certa maneira, non deixa de ser xusta.