Extramuros

É falso o dilema que obriga a escoller entre apoiar a intervención da OTAN ou respaldar a política reaccionaria e igualmente agresiva do poder serbio en Kosovo. Non admite dúbida ningunha que bombardeando Iugoslavia, a OTAN executa unha acción ilexítima e ilegal. Ilexítima non soamente polo feito certo de absterse de expresar a máis mínima preocupación nos múltiples exemplos de colectivos nacionais que non gozan de pleno recoñecemento dos seus dereitos ou que son víctimas dunha implacable represión. É un argumento perigoso que pode dar "ideas" tan equivocadas como tráxicas. A OTAN carece da máis primaria e elemental lexitimidade por admitir e favorecer no seu propio seo a práctica dun xenocidio que nada ten que envexar ó levado a cabo por Milosevic e as súas forzas militares, policiais e somaténs. Mal pode a OTAN predicar co exemplo.

En Turquía, segundo algunhas fontes, entre 1990 e 1994 máis dun millón de curdos foron desprazados das súas vilas e aldeas ata Diyarbakir. O recente secuestro de Ocalan activou unha fortísima campaña de represión militar mesmo chegando a invadir o norte de Iraq. A OTAN garda silencio cando un país membro vulnera reiteradamente os máis elementais dereitos humanos. Pero non soamente cala. Estados Unidos, sinalou Noam Chomsky, proporciona os seus "jets" para que Ankara bombardee cómodamente as vilas do Curdistán e os xenerais de Bruselas prestan un inestimable apoio loxístico para que a represión non perda eficacia. Aquí, o apoio decántase do lado dos opresores. A incoherencia deixa ó descuberto a falacia argumental da protección dos dereitos humanos como eixe xustificativo desta intervención.

Pero ademáis é ilegal. O ataque da OTAN non contou co respaldo do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. Mesmo podería dicirse que evitou deliberadamente a intervención deste órgano aínda formalmente responsable do mantemento da paz e a seguridade internacionais. Sabedores de que non contarían co apoio de Rusia e a China, a diplomacia occidental promoveu como opción alternativa a consolidación do denominado Grupo de Contacto que integran Francia, Italia, Reino Unido, Alemania, Estados Unidos e Rusia. É un novo directorio das grandes potencias, como afirma, en "Política Exterior", Florentino Portero, analista do Grupo de Estudios Estratéxicos, que suplanta ó Consello de Seguridade co pretexto de que a súa obselescencia impidelle respostar ós apremiantes desafíos da nova realidade internacional. A integración de Rusia evita o seu illamento e aspira a moderar unha humillación cada vez máis difícil de disimular, pois a inexistencia do veto reduce a súa influencia á minima expresión. Estados Unidos está empeñado en que a OTAN pode e debe actuar onde se lle antolle con total independencia das Nacións Unidas. Logo xa virá a súa axencia humanitaria (ACNUR) para amañar os desperfectos … Pero nin o Grupo de Contacto nin a OTAN son un goberno mundial.

O Herrero de Miñón viu a argumentar a contradicción existente entre a acción da OTAN nos Balcáns e o seu propio estatuto que a define como unha organización defensiva, obrigada a respectar en todo caso a legalidade internacional. En ningún dos seus preceptos pode ampararse o desenvolvemento de accións de ataque contra países soberanos. As previsións da Carta de Nacións Unidas (capítulo VII) son claras, aínda que permanecen insuficientemente desenvolvidas por desinterese de Washington e das grandes potencias. Como hai tempo sinalou Raúl Romeva, investigador sobre paz e desarme da Universidade Autónoma de Barcelona, cómpre revisar as estructuras internacionais de seguridade con capacidade legal para levar a cabo accións políticas e militares no mundo (sexa a propia ONU ou organizacións rexionais como a OSCE) e sobre todo dotalas dunha maior capacidade orzamentaria, de persoal, de recursos militares e de normas eficaces para a toma de decisións. Como moito, as institucións estrictamente militares como a OTAN poderían convertirse no instrumento armado de organizacións moito máis plurais e con funcións máis alá do ámbito estrictamente castrense. Un labor en todo caso necesariamente complementado dunha profunda revisión do concepto e principios de seguridade, e dun compromiso activo por parte de gobernos, organismos rexionais, a ONU, ou as ONG para destinar recursos económicos e humanos suficientes a fin de coordinar esforzos de cara a unha maior efectividade no ámbito da prevención dos conflictos armados. Pero a OTAN non contempla políticas preventivas.

Hai quince anos, lémbranos Chomsky, que Hedley Bull advertiu que "os estados ou grupos de estados que se autodesignan xuices autoritarios do ben común mundial, ignorando as opinións dos outros, constitúen de feito unha ameaza para a orde mundial". Pola súa banda, Henkin califica de deplorables "as presións que socavan a prohibición sobre o uso da forza; e os argumentos para lexitimar o uso da forza nesas circunstancias non convencen e son perigosos… En efecto, as violacións dos dereitos humanos son demasiado comúns, e se fose permisible remedialas recorrendo ó uso da forza externa, ningunha lei podería prohibir o uso da forza por parte de practicamente ningún estado contra practicamente ningun outro. Deben reivindicarse os dereitos humanos e resolverse as inxustizas con outros medios, pacíficos, non abrindo a porta á agresión e destruíndo o principal avance do dereito internacional que proclama a ilegalidade da guerra e prohibe o uso da forza".

Por último e non por iso menos importante, cómpre sinalar que os ataques da OTAN viñeron a confirmar a peor das hipótesis. En primeiro lugar, facilitaron e non impediron a ofensiva do exército e das forzas paramilitares serbias en Kosovo. Os bombardeos activaron o proceso de destrucción e de limpeza étnica unha vez que as forzas da OSCE foron obrigadas a retirarse. Non eran a mellor solución para protexer ós cosovares senón a máis idónea para evitar ricos e asegurar baixos custes. No plano estrictamente político, ata agora favoreceu a consolidación de Slobodan Milosevic e o seu propósito de catalizar un consenso ultranacionalista baixo a bandeira da revancha. Hoxe semellan estar máis lonxe que nunca as expectativas de democratizacion do réxime serbio.

¿Non quedaba outra saída? O desenvolvemento das negociacións de Rambouillet, os anteriores e posteriores ultimatos, desembocaban inevitablemente nun canellón sen saída: ou todo ou nada. Estados Unidos e a diplomacia franco-británica probablemente contaban con que as ameazas ou unha lixeira demostración de forza vencerían as resistencias de Milosevic. A fin de contas, Rambouillet evitaba a independencia de Kosovo. Cómpre recoñecer sen embargo que dificilmente pode imaxinarse unha solución duradeira que xurda dunha imposición exterior. Probablemente podían atoparse outras alternativas distintas (unha policía multinacional con maior equilibrio na súa composición) ó despregue de forzas dunha alianza militar como a OTAN, non desprovista aínda desa carga simbólica que a asocia á guerra fría. O propio Washinton Post revelou que varios xenerais americanos desaconsellaron a acción militar por considerala unha estratexia errada, carente de visión a longo prazo.

E Europa camiña de novo da man de Estados Unidos. Unha vez máis contrasta esa pretendida fortaleza económica simbolizada pola entrada en vigor do euro e a absoluta incapacidade politica para manter a paz nos Balcáns, para promover políticas preventivas, para defender unha visión propia fronte ós intereses xeopolíticos estadounidenses ou para respostar cunha soa voz á traxedia humanitaria. É a Europa débil. Durante anos todos os seus gobernos e institucións permaneceron indiferentes a sabendas de que Milosevic era o auténtico responsable das guerras de Croacia ou de Bosnia. En Dayton chegaron a afirmar que era un dos principais artífices da paz e ignoraron o potencial explosivo de Kosovo. Agora, cando o perigo da extensión do conflicto a toda a rexion é mais que unha realidade temida, Europa lanza a iniciativa dunha Conferencia sobre os Balcáns. Tarde, moi tarde e, con seguridade, animada sobre un principio equivocado: a negación do dereito á autodeterminación.

A bochornosa impotencia amosada por Europa nos Balcans é directamente proporcional á incomprensión da naturaleza do problema. Dende que as tensións comezaron, a actitude de Occidente, ademais de contradictoria, resultou decididamente errada. A sacralización das fronteiras efectuada na Carta de París e as inequivocas declaracións dos líderes da UE e de Estados Unidos no senso de equiparar reivindicacións nacionalistas e Europa das "tribos" poideron influír no rexeitamento servio da proposta confederal efectuada en decembro de 1990 por Eslovenia, Croacia, Macedonia e Bosnia-Hercegovina. Era a derradeira esperanza para establecer un equilibrio pacífico entre os desexos de uns e os temores de outros.

Sobre Milosevic e a naturaleza do seu réxime pouco queda por dicir. Erra dramaticamente quen ve nel atisbos dunha defensa numantina dun ideario de esquerdas, progresista ou socialista. A mutación de Milosevic produciuse hai tempo para desembarcar nun ultracionalismo panserbio e expansionista que reventaría inevitablemente a Federación de Tito. A súa carreira comezou suprimindo a autonomía de Kosovo en 1989. Dez anos máis tarde e depois dun sen fin de traxedias pode rematar tragando a súa independencia.

As opcións para Kosovo

Rambouillet morreu o mesmo día en que se iniciaron os bombardeos da OTAN. Será un punto de partida máis, pero o futuro de Kosovo está novamente aberto e sobre a mesa. Mesmamente, a priori, pode resultar extremadamente difícil convencer ós cosovares da aceptación dalgunha fórmula de convivencia coa viciña Serbia. Pero dende o punto de vista teórico nada pode descartarse e por iso elaboramos este esquema de alternativas para o Kosovo parcialmente baseado nun artigo de Zoran Lutovac, investigador do Instituto de Ciencia Social da Universidade de Belgrado, publicado na revista Vreme, e tamén nos posicionamentos dos diferentes partidos servios, cosovares e do propio Grupo de Contacto.

ESTADO UNITARIO. É a opción defendida por Vojislav Seselj, principal dirixente do Partido Radical Servio, formación de extrema dereita que dende hai anos é aliada de Milosevic. Implica navegar na tendencia contraria, e soamente o uso da forza, a culminación do proceso de limpeza étnica e unha derrota da OTAN favorecerían esta aposta a prol da recentralización do estado.

AUTONOMÍA. A instauración dunha autonomía é a fórmula mellor vista no ámbito diplomático occidental, ou cando menos entre algúns dos seus membros máis influíntes. O acordo de Rambouillet responde no fundamental a esta inspiración ultrapasando o marco estatutario de 1974 para dar solución ós diversos factores de ruptura que inciden no deterioro das relacións interétnicas, procurando o máximo nivel de autogoberno para os cosovares, sen marxinar ás minorías serbia ou montenegrina.

REXIONALIZACIÓN. A comezos de 1997 circulaba unha proposta elaborada polo académico Miodrag Jovicic que propugnaba a división de Iugoslavia en 13 rexións. Segundo este esquema, Kosovo e a Metohija serían dúas rexións separadas. A diferencia dos demais parlamentos rexionais, o destas rexións estaría formado por duas cámaras, unha delas configurada mediante un sistema de representación directa e mixto (maioritario-proporcional) e a outra acollería un número paritario de representantes albaneses por unha banda e do resto de nacionalidades por outro.

A BALCANÍA. Implicaría a transformación da actual Iugoslavia nunha nova República organizada de xeito federal e integrada por tres estados: Serbia, Montenegro e Kosovo, todos con idéntico status dentro da federación. Os cosovares xa demandaban esta opción en 1981. Na práctica transformaría Iugoslavia nunha especie de Confederación.

KOSOVO INDEPENDENTE. Con máis partidarios que nunca entre a poboación de Kosovo, en teoría, o recoñecemento internacional unicamente se produciría no suposto de mediar un acordo pacífico no marco da actual Federación, en especial no que atinxe á definicion das fronteiras. Pero no actual contexto podería resultar a consecuencia inevitable da negociacion que poña fin ás actuais hostilidades. A independencia de Kosovo entrana moitos perigos polas súas implicacións rexionais.

KOSOVO EN ALBANIA. É o proxecto que defende o sector máis radical do nacionalismo cosovar (a UCK) e conta con firmes partidarios en Tirana. A Gran Albania incluiría ademais os territorios de Macedonia Occidental, unha parte de Montenegro, a rexión de Bujanovac, Presevo e Medveda no sur de Serbia e a parte de Grecia habitada polos albaneses.

DIVISIÓN DO KOSOVO. Esta proposta xurdiu fundamentalmente a raiz do acordo sobre Bosnia (Dayton) e implicaría a partición do territorio en base a criterios étnicos, económicos e socioculturais. Engade moitos problemas de tipo conceptual e practico, especialmente no relativo ás fronteiras aceptables por todas as partes. É unha das hipótesis máis baralladas despois do fracaso de Rambouillet.

PROTECTORADO. Representa unha solución transitoria que se artella en base á desmilitarización do territorio, o nomeamento dunha autoridade civil supervisora e a rendición de contas a un órgano internacional. Implica ademais un horizonte temporal limitado, transcurrido o cal a poboación debe pronunciarse sobre o status posterior. Esta alternativa é a defendida dende hai anos por Ibrahim Rugova, lider da Liga Democrática do Kosovo.

Resulta evidente que nos atopamos ante un escenario extremadamente fluido, pero partindo da idea de que, máis tarde ou máis cedo, será a negociacion o unico camiño que permitirá atopar unha saída duradeira ós múltiples contenciosos que habitan nos Balcáns, no momento presente as opcións basicas do conflicto que enfronta a Belgrado e a OTAN poden resumirse do seguinte xeito:

  • A intensificación das accións armadas da OTAN ata conseguir a rendicion definitiva de Milosevic.

A opción dun duro castigo que vaia mais alá da intención de dobregar a negativa a aceptar o acordo de Rambouillet goza de amplo predicamento en Bruxelas. Como factores que poden moderar esta opción podemos citar os seguintes: unha excesiva duración do conflicto; a aparición de fracturas de certa solidez na alianza institucional entre Serbia e Montenegro; a aparición de segmentos institucionais servios, especialmente no aparello militar, que propicien un golpe de estado; un incremento da presión exercida por Moscova que se resiste a aceptar a defenestración do actual poder servio.

O rexeitamento da oferta de Milosevic para un alto o fogo indicaría que a OTAN permanece ancorada nesta opción. A Alianza percibe que está en xogo a súa "credibilidade". Pero tanto pode quebrarse pola falta de efectividade das operacións militares como igualmente polo exceso na proporcionalidade das súas accións. Non é indiferente o nivel de destrucción de bens ou de vidas humanas. A "liberación" de Kosovo podería iniciarse a partir da apertura de corredores humanitarios protexidos por forzas de infantería agravando sensiblemente as tensións se Belgrado logra manter a súa resistencia.

  • A extensión incontrolada do conflicto.

Máis que os míseis que poida lanzar Belgrado, os milleiros de refuxiados que fuxen do Kosovo para os territorios limítrofes de Macedonia, Albania, Bosnia e Montenegro, poden ser o detonante de novas crises políticas con faciles prolongacions no ámbito militar. A incapacidade da OTAN para dar unha resposta loxística a este problema, alén da propia traxedia humana ou a descabellada proposta dunha masiva distribución polo mundo adiante de refuxiados en cuotas, pode derivar no incendio de todo o polvorín balcánico con implicacións directas a nivel rexional para Grecia ou Bulgaria e tamén internacional (incertidume de Rusia que celebra eleccións a finais de ano e inevitable fortalecemento da alianza estratéxica coa China).

  • O cese das hostilidades e a apertura dun novo proceso de negociación.

A disposición da OTAN para cesar os ataques estará en función en primeiro lugar da existencia dun mínimo de garantías por parte de Milosevic para acceder a unha negociación que teña como punto de partida a aceptación do acordado en Rambouillet cos delegados cosovares. As reticencias neste aspecto son grandes. Sen embargo poderían compensarse se tomamos en conta outros factores adicionais: o medo ós efectos dos inevitables "erros" nas operacións que aminoren a capacidade occidental para reactivar solucións a posteriori; o temor ó impacto na opinión pública, especialmente a americana, dunha operación excesivamente alongada no tempo; a constatación de que existen notables dificultades para poder vencer sen unha implicación das forzas terrestres; e inclusive a aparición de fisuras entre os propios aliados ou a intensificación das presións por parte daqueles paises que temen o que Huntington definiu como "poder desenfreado" dos Estados Unidos e manobran para contrapesalo.