Mentres nalgúns medios occidentais albiscase un instrumento seica eficaz para pór en apuros ao todopoderoso Partido Comunista, media China anda revolta co asunto de Falun Gong. A secta figura entre os candidatos ao Premio Nobel da Paz. Sen embargo, moitas son as incógnitas que a rodean.
¿Que é Falun Gong? Dous son os seus ingredientes principais. En primeiro lugar, unha peculiar ximnasia, o qigong, unha técnica que forma parte da bagaxe cultural da China milenaria, se ben practicada ata hai poucos anos por unha élite moi exclusiva. Alternativamente, o qi gong foi admitido e prohibido durante a época de Mao, pero nos anos oitenta, coincidindo coa extensión da reforma económica ao ámbito urbano, expandiuse rapidamente e incluso a propia prensa do Partido Comunista chegou a publicar numerosos manuais para facilitar o seu desenvolvemento. O qi gong é un conxunto de técnicas de expresión corporal que persiguen finalidades esencialmente terapéuticas para mellorar a calidade de vida de quen o practica. Está baseado nun gran coñecemento do corpo e no dominio e control dos procesos de respiración.
Como ximnasia de pouco se pode acusar a Falun Gong; como esperanza pseudorrelixiosa, as cautelas deben extremarse. O seguimento dos seus preceptos é a vía para acadar a salvación individual nun mundo en franco declive. As súas crenzas afondan no budismo e o taoísmo, na búsqueda do equilibrio, da armonía e da perfección, asegura Li Hongzhi, o seu fundador. Falun Gong preconiza unha vida sana e decorosa (non poden beber alcohol, o xogo estalles prohibido e non poden nin mentir nin ter relacións sexuais fora do matrimonio).
A obra base de Li Hongzhi leva por título “Zhuan Falun” (algo así como “A Roda en rotación da Lei”) e nela expón teorías un tanto delirantes como a suposta destrucción da humanidade en 81 ocasións a través doutros tantos cataclismos. Segundo se desprende das súas conxeturas, agora a Terra está a punto de padecer un novo cataclismo (outro prognóstico da inminente fin do mundo), e as reiteradas catástrofes naturais son premonitorias. Tonterías, en fin, menos perigosas que a exaltación do papel da vontade no tratamento das enfermidades ou a insistencia en non acudir ao médico cando se está enfermo. Estas máximas de obrigado cumprimento serviron de razón de indiscutible validez ao goberno chinés para alertar sobre a gravidade das consecuencias para os seus seguidores e avalar a perigosidade social de Falun Gong. Zhuo Xin-ping, director do Centro de Estudios das relixións da Academia de Ciencias, asegura que estamos ante unha secta baseada no control mental dos seus seguidores. China, tamén nisto, entra na modernidade.