20061030 fao jacques diouf

Fame

 Jacques Diouf, clic para aumentar
Unha década despois do Cumio Mundial da Alimentación celebrado en Roma en 1996, onde, lembremos, todos os estados se comprometeron a reducir á metade o número de desnutridos en 2015, resulta que nos países en vías de desenvolvemento hai máis persoas pasando fame das que había en 1996, segundo confirmou o propio director xeral da FAO, Jacques Diouf (na foto), na presentación do informe. "En vez de decrecer, o número de persoas desnutridas no mundo está aumentando a razón de catro millóns por ano", aseverou Diouf.
 

O último informe da FAO (Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación) é demoledor. A conclusión que presenta é rotunda: o mundo non realizou progresos á hora de reducir a fame a pesar da promesa de hai dez anos de conseguir diminuíla á metade.

Unha década despois do Cumio Mundial da Alimentación celebrado en Roma en 1996, onde, lembremos, todos os estados se comprometeron a reducir á metade o número de desnutridos en 2015, resulta que nos países en vías de desenvolvemento hai máis persoas pasando fame das que había en 1996, segundo confirmou o propio director xeral da FAO, Jacques Diouf, na presentación do informe. "En vez de decrecer, o número de persoas desnutridas no mundo está aumentando a razón de catro millóns por ano", aseverou Diouf.

De avanzar na promesa de reducir o número de persoas que pasan fame á metade, a redución anual sería de 31 millóns de persoas ata 2015. Pero ¿que acontece? Os 820 millóns de persoas con fame estimados na actualidade nos países en vías de desenvolvemento representan unha redución marxinal de 3 millóns fronte á cifra do período 1990-1992 de 823 millóns, utilizada como base numérica no citado cumio.

Na presentación do informe, Diouf cualificou de vergoña esta situación, insistindo en que se non é posible unha mudanza apreciable é por falla de vontade política. Certo, obviamente. As preocupacións dos líderes mundiais sitúan na periferia este problema, un autentico escándalo que evidencia o fracaso do actual modelo económico e social, inxusto coma poucos e carente da máis elemental conciencia, obsesionado coa xeración dunha riqueza cada vez máis egoísta e inhumana.

Non é posible a democracia onde hai fame. Nin é crible o empeño dos países ricos en favorecer a democracia no mundo cando poñen trabas ao desenvolvemento, en especial da agricultura, dos países pobres condenando aos "votantes" á inanición, iso si, asistidos por relixiosos ou algunha ONGD. Non hai desculpa que valga. Todo isto é un escándalo maiúsculo que fai sentir arrepíos da condición humana e merecería un plante universal ante eses que eliximos e se auto proclaman como nosos líderes e acérrimos defensores dos dereitos humanos. O primeiro dereito é a alimentación.