20070607heiligendamm hotel kempinski g8

Farsa no balneario

 Hotel Kempinski en Heiligendamm, sede do Cumio do G-8; clic para aumentar
Fogos de artificio, pois, que saldan con promesas de cartos que nunca chegan ao seu destino. Os 44.000 millóns de euros que veñen de anunciar para loitar contra a miseria e a morte en África non especifica prazos, nin quen os ten que dar, nin como se van repartir. E segue sen haber un acordo vinculante para o post Kioto do 2012, porque nin Rusia nin EEUU. aceptan reducir as emisións contaminantes. A de Heiligendamm foi por todo iso outra farsa. (Foto: O Hotel Kempinski en Heiligendamm, sede do Cumio do G-8 2007. ©BPA).
 

De non ser polas escaramuzas ás que se ven obrigados os antiglobalización para eludir as cargas da policía, os cumios do G-8 quedarían reducidos a unha foto de familia. A que veñen de celebrar no balneario alemán de Heiligendamm saíu movida, pero iso non vai impedir que os mandatarios dos países máis poderosos deixen de remover o vindeiro ano séquitos, servizos de intelixencia e centos de policías para cumpriren co ritual das promesas tomándose unha cervexa. Angela Merkel, a anfitriona do último encontro, fracasou no seu afán por seducir a Bush e a Putin, que van por libre. Na retórica dos discursos esconden uns e outros a súa incapacidade para sentiren, desde a opulencia e a prepotencia, as traxedias humanitarias. Tal vez porque saben que son a consecuencia das súas políticas insolidarias, que executan sen complexos, nin discursos.

De non ser por África, que é unha espiña cravada no corazón da globalización, os reunidos non terían necesidade nin de xustificar a súa presencia nos cumios dos últimos anos. Abondaríalles coa foto, que nesta ocasión ofrece ángulos oscuros, cos dous principais herdeiros da guerra fría tentando de novo á sorte "a polémica dos misís, a independencia de Cosova, a dialéctica que se traen sobre quen conculca menos os dereitos humanos e, sobre todo, o negocio enerxético". O continente negro é para os mandatarios do G-8 un incordio, a xulgar por como lle racanean cifras e calendario. Pero non o poden substituír por outra realidade máis digna de compasión, sentimento que propagandean e priorizan ao de inxustiza e desorde, que os culpabiliza. Vense forzados a levala á axenda, pero tendo coidado en que sexan as enfermidades -a sida, que mata a tantas persoas como a suma das que caen vítimas das guerras, da fame e das inundacións, a malaria e a tuberculose-, e non as causas estruturais que as provocan, o que caia baixo o foco dos medios de comunicación. Algo semellante sucede co Protocolo de Kioto, ao que Bush segue negándolle o plácet.

Fogos de artificio, pois, que saldan con promesas de cartos que nunca chegan ao seu destino. Os 44.000 millóns de euros que veñen de anunciar para loitar contra a miseria e a morte en África non especifica prazos, nin quen os ten que dar, nin como se van repartir. E segue sen haber un acordo vinculante para o post Kioto do 2012, porque nin Rusia nin EEUU. aceptan reducir as emisións contaminantes. A de Heiligendamm foi por todo iso outra farsa.