washington american bar association building

Fascismo en EEUU

 Edificio da American Bar Association en Washington, clic para aumentar
Días antes da aprobación da proposta republicana no Capitolio, a American Bar Association, a principal asociación nacional de avogados de EEUU, aseguraba que a supresión do habeas corpus viña a eliminar a principal protección contra a detención inxusta por parte dun goberno. Contemplar, reinterpretando á conveniencia as Convencións de Xenebra, a autorización para levar a cabo "técnicas severas de interrogación" por parte de axencias civís estadounidenses limita a protección e os dereitos dos detidos e deixa aos individuos na máis absoluta indefensión. En suma, se a tortura se fai en nome de EEUU é válida. (Foto: Edificio da American Bar Association en Washington).
 

¿Onde rematará a paranoia de Bush? A recente legalización da tortura e a anulación do dereito de habeas corpus danan gravemente os fundamentos do sistema legal e destrúen os cimentos democráticos de calquera sociedade. É outra volta de rosca promovida polo grupo de neofascistas (por que neocoms?), cada vez menos lights, que dirixen os destinos de EEUU e que atoparon na loita contra o terror o argumento ideal para atemorizar á sociedade obtendo carta branca para cometer todo tipo de tropelías e violacións dos dereitos humanos máis elementais. Non se pode proclamar que a democracia é a forma suprema de goberno "nin mobilizar exércitos para impoñela", cando, ao mesmo tempo, se postula e outorga patente de corso a un goberno para efectuar detencións arbitrarias, dispoñendo a eito das vidas e dos dereitos de persoas, das que antes se presume a culpabilidade que a inocencia.

Días antes da aprobación da proposta republicana no Capitolio, a American Bar Association, a principal asociación nacional de avogados de EEUU, aseguraba que a supresión do habeas corpus viña a eliminar a principal protección contra a detención inxusta por parte dun goberno. Contemplar, reinterpretando á conveniencia as Convencións de Xenebra, a autorización para levar a cabo "técnicas severas de interrogación" por parte de axencias civís estadounidenses limita a protección e os dereitos dos detidos e deixa aos individuos na máis absoluta indefensión. En suma, se a tortura se fai en nome de EEUU é válida.

Ariel Dorfman no Washington Post do 24 de setembro preguntábase alarmado como é posible que a tortura poida chegar a ser política oficial en EEUU. A comentarista política Molly Ivins asegura, pola súa banda, que a decisión socava principios fundamentais que afectan á decencia básica. Numerosas voces honestas e democráticas de EEUU, procedentes dos máis amplos sectores (dende ex subsecretarios de Estado, diplomáticos, profesores de dereito, organizacións defensoras de dereitos civís, e ata o ex xeneral Colin Powell) clamaron contra esta perigosa deriva fascista do goberno norteamericano. A mensaxe que a Administración Bush propaga por todo o mundo non é a da democracia que afirma promover, senón a do abuso de poder e da eliminación das garantías individuais fronte a un goberno con evidencias de conduta cada vez máis asimilables ao nazismo. Que en ninguén cause estrañeza que outros intenten emulalo, aínda que os seus usos lingüísticos sexan menos sofisticados e sibilinos.

E cando aínda o campo de concentración de Guantánamo segue aberto para vergoña de toda a humanidade e os ecos do escándalo dos cárceres secretos semellan arrumbados nun caixón, resulta que a nosa democrática e colaboracionista UE de Vichy, pouco inquieta por estes retrocesos, acorda facilitar a todas as axencias de seguridade de EEUU, os datos persoais dos pasaxeiros europeos que viaxen a EEUU. ¿Irán a parar a mans deses executores da nova política oficial que elaboran listaxes cheas de erros? Seica a pusilánime UE pediu, a cambio, un "nivel de protección adecuado". Estamos, con Franco Grande, en que a política, no mundo libre, está chegando a uns niveis de inmoralidade que provocan verdadeiros arrepíos.