romano prodi

Fin de ciclo en Italia

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Clic para aumentar
A imaxe de Romano Prodi, se consolida. En boa medida, este resultado é un triunfo persoal de quen puxo toda a carne no asador dende o comezo da campaña rexional, cun ton moito máis dialogante, humilde e menos demagóxico. Por outra banda, é posible a chegada do final dun ciclo na política italiana, que presaxia a saída do goberno de Silvio Berlusconi, nervioso nos últimos días da campaña electoral, cometendo varios erros de cálculo e saídas de ton.
 

Falouse de baño de humildade, de problemas de confianza cunha economía renqueante, da posible influenza da morte do Papa que parecía acentuar a abstención, pero o certo é que existen outras razóns, que inducen a pensar no esgotamento da aquiescencia do pobo italiano, augurando ventos de cambio no goberno do Estado, de aquí a un ano, cando se celebren as eleccións lexislativas nas dúas cámaras italianas, coa conseguinte elección do primeiro ministro que hoxendía, ten visos de cambiar de cor.

O calificativo para o resultado acadado pola coalición de centro-dereita, a "Casa da Liberdade", non pode ser outro que "severo retroceso". E senón esteamos atentos ós datos. Se comparamos os resultados coas rexionais de 2000, onde Massimo D’Alema (o daquela dirixente da esquerda) dimitiu, o centro-dereita perde 6% do apoio electoral, pasando do 50,3% ó 44,2%. Ö mesmo tempo, a coalición de centro esquerda de Prodi, medra un 10% no sufraxio (do 43,2% en 2000 a 53% en 2005), o que supón un verdadeiro torrente de confianza de cara ás eleccións de 2006.

A imaxe de Romano Prodi, se consolida. En boa medida, este resultado é un triunfo persoal de quen puxo toda a carne no asador dende o comezo da campaña rexional, cun ton moito máis dialogante, humilde e menos demagóxico. Por outra banda, é posible a chegada do final dun ciclo na política italiana, que presaxia a saída do goberno de Silvio Berlusconi, nervioso nos últimos días da campaña electoral, cometendo varios erros de cálculo e saídas de ton. É tamén probable que o seu estilo de liderazgo, de corte chulesco e personalista, desanimase a boa parte do electorado e que o mimetismo dos gobernantes da dereita, parapetados baixo o aparello mediático berlusconiano lles fixese perdela confianza na Casa da Liberdade.

Parecía claro que das catorce rexións en liza, partindo dun 8 a 6 para a dereita, non era viable un empate a sete, tal e como afirmaba Romano Prodi, que tentaba alentar a participación e a prudencia. Un resultado de 9 a 5 sería un éxito espectacular, pero algo máis aló parecía inesperado. As cousas quedaron de momento, en 11 a 2. Prodi consolida o seu liderado, e a Ds (Democracia de Sinistra) é o primeiro partido en moitas zonas do país.

O crecemento da esquerda é traumático para dereita. A debacle no Piamonte enfila unha caída de peso político na "fronte norte" de Berlusconi e Bossi, sendo moi pouco visibles os outros dous aliados da Casa da Liberdade, AN (Alleanza Nazionale) e UDC (Unione dei Democratici Cristiani e Democratici di Centro).

Tamén a caída de Lazio é de consecuencias graves. Foi alí onde se centrou o esforzo principal de final da campaña de Berlusconi, ata horas antes do falecemento do Papa. E é Lazio o punto de inflexión, onde se pode romper a coalición que sustenta o goberno.

Queda por tanto, reducida a coalición de centrodereita á rexión Lombardo-Veneciana, rachando o mito no que se funda a Liga e Forza Italia. As eleccións da segunda República foron gañadas e perdidas nas rexións do norte, onde existe unha forte concentración de poboación.

"Il voto è stato un referendum su Berlusconi", afirma o centrista Bruno Tabacci, ó que agora lle comezarán a xurdir problemas dentro da coalición de centro-dereita. Berlusconi, reservadamente, laméntase. É o xogo da política sempre cambiante. Os que antes eran os corruptos da esquerda andan preto agora dunha futura maioría absoluta en coalición. Aínda cun esforzo extra da "máquina mediática" de Mediaset (o holding da comunicación do premier), non será doado revirar este resultado no seu favor.