A capital báltica da antiga RDA acollerá este fin de semana o congreso dos Verdes. A Alemaña política ollará con atención todo o que alí se acorde e diga. A coalición gobernante saíu ben da proba do pasado xoves. Non sen desgaste. Fischer tivo que empregarse a fondo; Schröder que arriscar e vincular o envío de tropas a Afganistán cunha moción de confianza. O chanceler impediu as desercións no seu grupo; o Ministro de Exteriores non logrou evitar que catro deputados se opuxesen. Os Verdes están nunha encrucillada.
O grupo parlamentar dos Verdes mantívose case unido, dos 47 deputados só catro votaron en contra do envío de tropas e xa que logo da moción de confianza. Agora tócalle falar ás bases. O congreso presentase tenso. Polo de agora unha ampla maioría das federacións xa se teñen pronunciado contra a participación nos operativos militares. A política exterior non é a única cuestión que orixina desavinzas internas; enerxía nuclear e inmigración son tamén fonte de conflictos.
Os Verdes teñen un serio problema. Calquera camiño que tomen é incerto. Si deciden continuar no goberno, o descontento entre os militantes, formados nas loitas pacifistas e antinucleares dos setenta e oitenta, pode estenderse e moitos pretenderán vingarse deixando fora das listas, ou en postos secundarios, a algúns dos deputados actuais. Son os afiliados os que deciden. De optar polo abandono da coalición, poderían ser incapaces de acadar o 5% necesario para entrar no Bundestang e perder o tirón de Joschka Fischer, o líder político máis valorado en Alemaña.
Outro factor a ter en conta é a complexa situación política alemana que mesmo pode facer que o concurso dos Verdes no goberno non sexa necesario. Os democristiáns da CDU seguen sumidos na confusión da era post-Kohl e non son quen de consolidarse como alternativa. Asi as cousas, os liberais do FDP pretenden substituír aos Verdes como punto de apoio do SPD; mentres, o PDS agarda recoller aos descontentos co "ecoloxismo" pero sen posibilidades de converterse en socio necesario.
Non é menos certo que nos últimos anos os Verdes demostraron unha eficaz capacidade de adaptación. En 1999, despois de fortes enfrontamentos, que mesmo remataron cunha agresión a Fischer, acabaron por aceptar as propostas do Ministro de Exteriores e aprobaron a intervención da OTAN no Kosovo. Tamén agora pode haber reviravolta. Fortes debates no congreso e que o grupo parlamentar continúe no goberno. As recentes elección berlinesas poden confirmar esta posición, a fin de contas non lle foi tan mal e roldaron o 12% necesario para determinar a conformación do goberno federal. A manter a unidade pode axudar, tanto os acontecementos do 11 de setembro como o carisma de Fischer, amais dos cálculos para dentro dun ano: ante a segura victoria do SPD ¿que é mellor un goberno SPD-FDP ou manter a coalición actual?; xa que o PDS non semella quen de acadar o apoio suficiente para condicionar a formación do goberno federal.