O Ministro de Exteriores Joschka Fischer foi confirmado, no día de onte, como candidato á chancelería. Por primeira vez Os Verdes presentan formalmente un aspirante á xefatura do goberno. A candidatura de Fischer engádese ás outras dúas confirmadas: Gerhard Schröder e Edmund Stoiber. A cita o 22 de setembro.
O mais madrugador fora o SPD, tamén o que o tiña máis doado. O chanceler Schröder, a pesares das ameazas de recesión económica, é o mellor candidato da socialdemocracia, nomeadamente despois da desaparición da bicefalia coa retirada de Lafontaine. Mesmo as posibilidades de repetir ao fronte do goberno son moitas, con muletas pola perna dereita, cos liberais, ou pola esquerda, cos verdes.
Verdes e democristiáns tíñano máis complicado. Estes últimos resolvérono a pasada semana coa designación do bávaro Stoiber como cabeza de cartel e candidato a ocupar a chancelería. O líder da Unión Social Cristiá (CSU) e primeiro ministro de Baviera será o encargado de intentar que o período socialdemócrata non vaia máis alá dun interregno de catro anos, despois da longa etapa conservadora de Helmunt Kohl. Para conseguilo presentase como un eficaz xestor económico que ofrece seguridade, control da inmigración e menos interferencias de Bruxelas.
Os verdes resolveran o substancial no congreso de Rostock, finais de decembro, no que a posición pragmática dos realos se impuxera á máis radical dos fundis no debate sobre a participación de tropas alemanas en Afganistán. Fischer lograra manter, con algunhas disidencias, a unidade do grupo parlamentar e en consecuencia controlar o congreso celebrado na cidade do norte da desaparecida RDA.
Cara setembro, os verdes senten a mesma ameaza que planeaba sobre o congreso de Rostock: converterse nunha forza prescindible para os socialdemócratas. Para evitalo están dispostos a empregar todas as súas armas, e o mellor capital político que hoxe teñen chamase Joschka Fischer. O líder verde é a personalidade política máis popular de Alemaña, facer rendible a súa imaxe é o que pretenden os Verdes aínda que para eso teñan que romper coa tradición dun partido organizado á marxe das xerarquías políticas tradicionais. O executivo verde defende a súa decisión en base a que é necesario competir coas outras forzas aproveitando tamén o carisma dos seus lideres.
A aposta é forte. De non ser necesarios na formación do goberno arríscanse a perder parte da sensibilidade alternativa, que os impulsara electoralmente nos anos oitenta e noventa, mesmo podería supoñer unha recomposición na esquerda alemana, tendo en conta a relativa consolidación do PDS despois de pactar en Berlín co SPD. Manter a actual coalición gobernante é pois o grande obxectivo.