Moldavia orientando o seu destino. Imaxe creada por IA polo autor.

Foco en Moldavia (II) O camiño cara a UE: retos e riscos

O proceso de adhesión de Moldavia – mais tamén de Ucraína - afondan nun cambio significativo no enfoque da UE, que está a pasar dunha integración centrada no mercado, na economía e en procesos de democratización internos, a unha vontade explícita – mesmo por parte da presidenta da CE - de contrarrestar a influencia de Rusia e reforzarse como un polo de poder no contexto internacional que transcende o plano económico ou de valores ilustrados empregado até agora.
Liñas de investigación Relacións Internacionais Unión Europea
Apartados xeográficos Europa
Palabras chave UE Moldavia

Se as expansións anteriores, como a de España e Portugal nos anos 80 ou as ampliacións dos 2000, tiñan como obxectivo promover a democracia e o desenvolvemento económico tras procesos de transición, os novos procesos, como o de Moldavia, reflicten un exercicio de poder xeopolítico máis marcado. Xa non se trata tanto de promover valores democráticos ou impulsar o crecemento económico – que tamén -, senón de apoiar países que buscan escapar da órbita rusa tras a agresión de Moscova.

A recente reforma constitucional para recoñecer a adhesión á UE como obxectivo estratéxico, empuxa o país a avanzar en medidas concretas para consolidar o seu lugar na Unión. Con todo, existen retos significativos, incluíndo a forte presenza de grupos pro-rusos, en particular en Transnistria, un territorio separatista que actúa como punto de apoio para a influencia de Moscova. Esta rexión, con tropas rusas aínda estacionadas, é un factor de inestabilidade que a UE deberá considerar atentamente ao avanzar na integración moldava. A súa influencia presiona o goberno moldavo e complica a unidade política interna, xa de por si fráxil.

O apoio europeo ás reformas moldavas, principalmente no ámbito da xustiza, enerxía e seguridade, é fundamental para alinear o país cos estándares comunitarios. A nivel xudicial, as reformas impulsadas polo goberno de Sandu están orientadas a eliminar a corrupción e mellorar a transparencia, unha condición esencial para calquera país que aspire á adhesión. A independencia enerxética é outro aspecto crucial, e os proxectos con Romanía exemplifican un esforzo por reducir a dependencia de recursos de Rusia e establecer conexións sólidas coa infraestrutura europea.

Unha expansión con riscos para a propia UE

Este movemento marca un punto de inflexión nas motivacións clásicas da expansión europea e trae consigo riscos importantes para sí. A Unión, máis aló das súas medidas de cooperación económica, asume agora un papel máis agresivo. Esta postura tamén a expón a ser percibida como un actor inxerinte en sociedades que están profundamente divididas entre as simpatías pro-europeas e pro-rusas.

En Moldavia, por exemplo, os grupos pro-rusos non só mantiveron influencia, senón que empregaron tácticas de desinformación para xerar escepticismo en torno á UE, alimentando a idea de que a adhesión europea podería traer consigo conflitos rexionais ou afectar a súa soberanía. Esta realidade coloca á UE nunha posición complexa, onde o compromiso coa expansión leva consigo a necesidade de reforzar a seguridade e estabilidade nas rexións fronteirizas, incluíndo unha cooperación máis estreita con aliados como a OTAN.

Os vínculos con Rumanía, o seguinte probable candidato a entrar na eurozona en pleno ciclo electoral disruptivo.

Os lazos entre Moldavia e Romanía teñen un fondo histórico e cultural que transcende fronteiras políticas. Ambos países comparten lingua e unha parte da poboación moldava considera a Romanía unha nación irmá (unionismo). Hoxe, máis dun millón de moldavos teñen pasaporte romanesco, o que lles facilita traballar e estudar na UE. Ademais, Romanía é un apoio clave en sectores como a enerxía e a infraestrutura, e á vez que Moldavia busca integrarse na UE, Romanía avanza cara á adopción do Euro, fortalecendo así o vínculo económico e financeiro entre ambos países e ofrecendo a Moldavia un sólido apoio rexional no seu camiño cara a Europa.

Porén, mentres Moldavia loita por consolidar o seu camiño cara á Unión Europea, Romanía, o seu principal aliado cultural e histórico na rexión, enfronta un cambio potencialmente disruptivo. Călin Georgescu, un candidato de extrema dereita e crítico con Occidente, sorprendeu ao liderar a primeira volta das eleccións presidenciais romanesas. A súa campaña, baseada en populismo, retórica anti-UE e un enfoque favorable a Rusia, reflicte unha crecente insatisfacción coas elites tradicionais no país.

A súa traxectoria rompe moldes: Georgescu non pertence a ningún partido político, rexeita os dogmas de campaña convencionais e gañou un gran seguimento en redes sociais, especialmente en TikTok, onde apela a un electorado mozo e desilusionado. Coñecido polos seus posicionamentos euroescépticos e as súas críticas a Zelenskyy e á estratexia da OTAN en Ucraína, a súa posibilidade de chegar á presidencia xerou preocupacións tanto en Bruxelas como en Washington .

O ascenso de Georgescu reflicte as tendencias globais de descontento coas institucións tradicionais e o atractivo das narrativas populistas e conspirativas. A súa visión, que inclúe a retirada do apoio a Ucraína, podería supor un cambio radical na política exterior romanesa, afectando o equilibrio estratéxico da rexión.

Se Georgescu gaña a segunda volta o 8 de decembro, as implicacións para a rexión son profundas. Romanía, ata agora un dos membros máis fiables da OTAN e a UE na fronte leste, podería adoptar unha posición máis ambigua, complicando os esforzos por fortalecer a defensa e a estabilidade fronte á agresión rusa. Este cambio impactaría directamente sobre Moldavia, que depende de Romanía como un dos seus principais apoios para avanzar cara á integración europea.