Fondo Galego

 Mapa de actuacións da cooperación galega en 2006, clic para aumentar
Facer comprender que existe un espazo no local para practicar a solidariedade internacional e que pode chegar a ser útil, non é cousa doada. As resistencias son múltiples, máis das que se pensan. Non obstante, o Fondo, cun traballo paciente e aínda pouco recoñecido, logrou sumar vontades ata fixar unha base de actuación mínima que hoxe, dez anos despois, a pouco que se impliquen as novas Corporacións, pode permitirlle a Galicia realizar unha cooperación de calidade e con sentido de país. (Foto: Cartel da exposición Fondo Galego, Dez anos con Proxectos).
 

Estes días, a cooperación internacional local está de celebración. Cúmprense dez anos da creación do Fondo Galego, unha rede de municipios e deputacións que aspira a mobilizar recursos materiais e humanos para contribuír dende o local a transformar as condicións de vida das comunidades de determinados países do Sur. Facer comprender que existe un espazo no local para practicar a solidariedade internacional e que pode chegar a ser útil, non é cousa doada. As resistencias son múltiples, máis das que se pensan. Non obstante, o Fondo, cun traballo paciente e aínda pouco recoñecido, logrou sumar vontades ata fixar unha base de actuación mínima que hoxe, dez anos despois, a pouco que se impliquen as novas Corporacións, pode permitirlle a Galicia realizar unha cooperación de calidade e con sentido de país.

Hai dúas mensaxes esenciais no actuar do Fondo. A primeira, que a cooperación comeza aquí. A segunda, o consenso. Certamente, non se pode predicar a cooperación con terceiros, aínda que sexa para rematar coa pobreza no mundo, se logo despois non facemos outra cousa que erguer valados entre nós que nos permitan situar megafonías dirixidas a "vender" o moito e ben que facemos, cousa que hoxe está de moda. Comprender a importancia de sumar recursos para financiar proxectos de certa entidade e aos que se lle debe facer un seguimento, diferenciando ese proceso das tarefas de sensibilización e transparencia que deben acompañalo, vai camiño de conseguirse. Iso facilítase, por outra banda, en virtude do consenso, da capacidade demostrada para reunir vontades políticas facendo da cooperación un espazo común a cultivar, onde todos poden sentirse cómodos que é outra virtude, de vital importancia, do Fondo Galego que cómpre reivindicar.

A cooperación local é unha pedagoxía que esixe que os diferentes actores presten a debida atención e implíquense na aprendizaxe. Non hai, non debe haber, transferencia de responsabilidades para "librarse das ONGDs", senón unha asunción activa dun compromiso con aquelas ideas e obxectivos que permitan plasmar unha cidadanía crítica e solidaria, a sabendas de que é posible que o mundo, así, non se poderá cambiar de todo, pero sen dúbida, hai comunidades concretas que si poden mellorar as súas condicións de existencia. O municipalismo galego, unha realidade moi recente en numerosos aspectos, dispón dun acervo de experiencias de gran valor para moitos países en vías de desenvolvemento. Ese é o espazo onde pode facer valer a súa cooperación.