O III Foro Global da Información, 800 delegados de 122 países, foi aberto pola declaración do presidente do Consello italiano, Giuliano Amato, quen ilustrou as novas marabillas potenciais de Internet: as novas tecnoloxías son un garante de liberdade e transparencia porque E-Goberno quere dicir E-Democracia. Presentación dunha nova tarxeta de identidade electrónica e posibilidade de voto por Internet para os residentes italianos no estranxeiro. Sinalar bello por Rutelli e rico por Berlusconi podería se-la adaptación á campaña electoral en curso no simpático paese transalpino.
A clientela da elegante bomboneira que é o Teatro San Carlo de Nápoles abafou a respiración, mentres botaba contas, perante a intervención do ministro chinés Chen Changhi; pensaban quizais no novo Silicon Valley chinés que está a nacer preto de Pequín e na anunciada estratexia chinesa de levar á rede o 70% do total do seu comercio exterior en 4 anos.
Máis tarde tocou videoconferencia con Bill Gates.
Nesta apoteose do soño global, o tema do encontro (15, 16 e 17 de marzo) era cómo colma-lo foxo tecnolóxico que divide ós pobos e o papel de Internet na reducción das desigualdades. Encomiables intencións que semellan navegar noutras redes desa metade de habitantes da Terra que non dispoñen de luz nin de teléfono (último informe da ONU). Con efecto, un 90% dos accesos a Internet proveñen dos países desenvolvidos; África e Oriente Medio xuntos copan apenas un 1,1%. Expresado máis gráficamente, hai máis conexións en Nova York que en todo o Continente africano.
Para recibir a tan ilustres convidados en Nápoles, unha cidade iracunda e deprimida con razóns, parados e traballadores sociais da rexión, sindicatos de escola, organizacións coordenadoras de axuda ós inmigrantes (Senza Frontiere, Assopace, Opera Nomadi) e o partido Refundación Comunista xunto con numerosos centros sociais de toda Italia e Europa levaban meses organizando un foro paralelo, movemento NoGlobal, desenvolto ó máis enxebre estilo pobo napoletano de Seattle.
A organización celebrou desfiles (ademais do ataque telemático a Fineco, a empresa italiana símbolo da nova economía) que partiron da vermella sede do moi histórico e combativo centro social SKA na Piazza del Gesù e, como ven ocorrendo ultimamente, xunto coas consignas globalización dos dereitos, non ó goberno electrónico, misturabánse a moi realista traballo para os parados, os eslóganes contra a policía, o apoio á causa kurda e mesmo algunha referencia ás vacas tolas.
Tamén, como de costume, o desfile de máis de 15.00 persoas rematou en batalla co fortísimo sistema de seguridade artellado na cidade: media de un policía cada dous metros na zona histórica (pechado ó tráfico), forzas antiterroristas do exército, helicóptero e telecámaras. Intercambio de gases lacrimóxenos, pedras e cócteles molotov. Máis dun cento de feridos e mancados, tanteo final da manifestación, ou Street Parade do Global Action Day (perfeito e incongruente inglés globalizado co que a organización nomeou ó evento).
Semella que o Foro Global da Información non escolleu a cidade máis axeitada; farta xa do paro, do desdén do rico norte lombardo e piamontés, da non-nomeable mafia e, nos últimos anos, das reivindicacións monárquicas dos Saboia que tamén a escolleron coma teatro de operacións. La ciliegina sulla torta (¡o que faltaba!).
A pregunta é se queda algunha cidade ou lugar axeitado; por se acaso o próximo cumio do Foro se celebrará en Marrocos.