Foros Bilaterais

Tómolle prestado a Teresa Barro o titulo do seu último libro, Dentro e Fóra, recentemente publicado, para tratar de exemplificar de maneira sinxela e clara o espírito que anima o que está chamado a ser un novo xeito de relacionarse entre Galicia e a súa diáspora: os Foros Bilaterais. Co receptivo apoio da Consellería de Emigración, a pasada semana puxemos en marcha o primeiro deles, que reúne a galegos relevantes de Venezuela e Galicia, asentados en ámbitos profesionais semellantes.

Ben sabemos que é imposible pensar Galicia sen pensar na emigración. Para un amplo sector da sociedade galega falar da emigración, pensar na emigración, supón referirse a un pasado que hoxe debemos xestionar dende o ámbito prioritario dos servicios sociais, unha dimensión naturalmente irrenunciable pero non única. Son as secuelas deses lugares comúns que aínda identifican emigración con sangría, con saudade e nostalxia, sen atreverse a imaxinar espacios novos, nomeadamente nun contexto internacional coma o actual que permite unha maior mobilidade, transformando a débeda en activo.

A emigración tivo no seu comezo, e conservou por moito tempo, un compoñente de distancia física case insalvable entre o emigrante e a sociedade que deixaba ás súas costas. Esa rixidez contrasta, sen embargo, coa estructura de comunicacións máis fluída no mundo de hoxe que permite a configuración progresiva de relacións bilaterais e multilaterais, en rede e a unha velocidade impensable hai poucos anos. A combinación de ambos factores, elemento humano e innovación tecnolóxica, facilítanos a infraestructura idónea para alentar un salto cualitativo na forma de abordar o mundo da emigración e o papel da diáspora galega no posicionamento internacional de Galicia, na dinamización dos nosos recursos de todo tipo, na ampliación dos nosos mercados.

As diásporas constitúen unha das realidades sociais de fondo que están a mudar a configuración da sociedade internacional contemporánea. Sen ser un fenómeno novo, están pasando a constituír unha das características da nosa época, un tempo de intensificación das diásporas. E un país que conta cunha diáspora non a pode estragar, como afirma Fernando Pérez-Barreiro. Cómpre valorala e instrumentala cunha acción política meditada, persistente e de longo alcance, para contribuír á internacionalización do país de orixe.

Volvendo ao titulo de Teresa Barro, ¿pode un estar dentro sen deixar de estar fóra? Sen dúbida. Os Foros Bilaterais responden a esa idea. O bilateralismo e a reciprocidade, a eliminación da idea de culpabilidade, a determinación de prioridades e a identificación nítida de intereses (económicos e culturais, primordialmente), permitirannos crear un contínuum social enriquecido polas achegas de Galicia e dos que están fora, dos que desexan seguir estando fóra, pero, naturalmente, en estreito contacto co máis dinámico da nosa sociedade. Trátase de integrar o de dentro e o de fóra nunha realidade superior, desterritorializada, internacional e galega ao mesmo tempo, que permita recuperar as enerxías dos galegos e galegas que non residen en Galicia sen que iso implique necesariamente o seu retorno físico á Terra.

Para quen crea no valor da diversidade e na importancia da creación cultural descentralizada, a realidade creativa das diásporas pode ser moi enriquecedora. O mimo respecto da nosa identidade non debe supoñer impermeabilidade para asimilar outras, mesmo para contribuír a elas de maneira significativa.

Galicia deberalle un favor á historia sempre e cando sexamos quen de transformar esas bases potenciais en algo operativo no concreto, sen desaproveitar nin perder vantaxes, dinamizando a conciencia colectiva das sociedades de dentro e de fóra, ese plus diaspórico que hoxe debe facer posible a construcción dun territorio común nun mundo aberto de oportunidades.