Forza bruta e criminal

 Protesta ante a embaixada israelí en México; clic para aumentar
As causas máis fondas do conflito árabe-israelí cébanse no sistema, e non terá por iso solución ata que o mundo entenda o irreductible antagonismo existente entre xudaísmo e sionismo. [Foto: "Basta de masacrar niños", protesta ante a embaixada israelí en Cidade de México o 6 de xaneiro de 2009].
 

A masacre que o exército israelí segue causando en Gaza sen que a comunidade internacional e a ONU fagan nada por impedilo, non só deslexitima calquera outra reivindicación de peso "por caso, que Hamás cese de apuntar e disparar os cohetes Kassan sobre a cidade de Sderot", tamén convirte aos seus inspiradores en reos de xenocicio. Que o fagan abusando da súa forza bruta, e sen que os reporteiros internacionais poidan entrar na zona para testemuñar o que supón para unha poboación sen exército que o Goliat hebreo empuñe o coitelo de tódalas vinganzas contra o David árabe, dá para acusar aos seus comandantes de crimes contra a humanidade.

Rota a tregua, que se visualizou en violentos episodios protagonizados tanto polos israelís como polos islamistas de Hamás, e ás portas dunhas eleccións nas que a ministra Livni quere demostrar o seu temple bélico contra o líder do extremoso Likud, Netanyahu, tódolos malos presaxios se cumpriron. O asedio por terra, mar e aire sobre un territorio de apenas 40 kilómetros de largo por 15 de ancho, con todo tipo de sofisticados instrumentos de guerra e sen distinguir como inimigos a milicianos e a civís "un millón e medio de vítimas potenciais", non pode ter outro obxectivo que o do exterminio.

Que evidencia tódolos fracasos. Annapolís foi en realidade o cimiterio da Folla de Ruta ideada polo Cuarteto. As eleccións que buscaban eliminar a Hamás déronlle o poder, provocando a partición de Palestina en dous, co presidente Abbas e Al Fatah recluídos en Cisjordania. O bloqueo polo que finalmente optaron Bush e os dirixentes sionistas para anular de facto o resultado electoral, facendo porque a poboación se rebelara contra Hamás, non fixo máis que reforzar a solidariedade cos seus milicianos. Todos estes fracasos cébanse no sistema, e as causas máis fondas do conflito, tamén. E non terá por iso solución ata que o mundo entenda o irreductible antagonismo existente entre xudaísmo "con minorías israelís, hoxe en día reais, facendo de cabeza de ponte a prol dunha convivencia pacífica entre dous Estados con fronteiras definidas" e sionismo "a maioría actual representada en branco e negro por Olmert e Netanyahu".

Porén, o sospeitoso silenzo de Obama ante a invasión e a masacre de Gaza, a incapacidade da ONU para impedila, e a xustificación aportada polo euroescéptico que preside actualmente a UE, fan pensar que iso aínda está lonxe e que todo pode is a peor. Urxe unha rebelión cívica global contra os xenocidas e os seus cómplices.