Porqué tanto interese en consolidar a rivalidade entre quen fora ministro de asuntos exteriores de Francia, Dominique de Villepin, e o comandante en xefe do partido conservador "Union pour un Mouvement Populaire" (UMP), Nicolas Sarkozy? É que o Presidente Chirac aposta por algún deles? Existen grandes diferencias entre Villepin e Sarkozy? E cal será o desenlace da loita polo poder dentro do UMP? Estas son algunhas das incógnitas que podemos albiscar cando nos concentramos na complexa política francesa. Algunhas destas interrogantes son de dubidosa espontaneidade. O candidato da UMP para as presidenciais do 2007, sairá dun congreso que terá lugar en xaneiro do ano que ven.
A rivalidade conservadora é interesada, e ten un valor adicional, cal é o de acaparar a atención pública dentro das fronteiras dos conservadores da UMP. Semella que non existe outra alternativa a aquela que representan os gobernantes agora no poder. A causa desta apreciación é a fractura existente no seo das filas socialistas (a alternativa natural), con constantes loitas internas polo liderado, e así mesmo, o rico pluralismo do pobo francés, que nunha porcentaxe importante do seu electorado dispersa o voto tanto en partidos da esquerda, como na ultradereita da Front National, deixando unha ampla marxe de manobra ó centrodereita.
Non obstante, a fulgurante ascensión de Villepin nos medios e nas sondaxes, á marxe de deberse ás excepcionais e inadas condicións do primeiro ministro, quen xa xogara un papel importante na acción exterior de Francia en momentos clave como a guerra de Iraq, ten tamén unha orixe Presidencial. Chirac sabe das habilidades de Sarkozy á hora de manipular o aparato de partido, así como das súas ambicións. De feito, segundo algúns, Chirac ve en Sarkozy un reflexo de si mesmo. E iso incomódao.
Chirac creara en 1976 o Rassemblement pour la République (RpR), herdeiro natural do gaullismo, que uniu as súas forzas coa Union pour la Majorité Présidentielle que máis tarde se convertiría na Union pour un Mouvement Populaire, UMP. Rassemblement pour la République foi a súa máquina electoral, pero tamén lle deu considerables quebradeiros de testa. Non puido evitar, por exemplo, que unha parte importante dos membros do PpR apoiasen a Édouard Balladur, nas eleccións presidenciais de 1995. Nicolás Sarkozy é considerado un balladurista, e por tanto foi condenado ó ostracismo por Chirac, que aínda que sempre mantivo que era amigo de Balladur, é consciente de que a loita polo poder non entende de amizades.
Máis aló das simpatías de Sarkozy por Balladur, Chirac admira e teme a astucia do dirixente do aparato da UMP, quen despois de moitos reveses (as presidenciais de 1995, europeas de 1999, ou as rexionais do 2004), seguiu na carreira política pola presidencia do Estado que tanto ambiciona.
A guerra entre os dous líderes da dereita agudizouse cando Chirac foi hospitalizado. A simboloxía funcionou para reafirmar a Villepin. Se Villepin ocupa o palacio de Matignon non é por casualidade, senón porque Chirac o escolleu en detrimento de Sarkozy. Outro asunto é a habilidade e a efectividade do propio Villepin no goberno, que lle deu o pulo suficiente para facerse un espazo propio.
Nas xornadas parlamentarias da UMP, celebradas estes días n Evian (Haute-Savoie), Dominique de Villepin e Nicolas Sarkozy teñen unha nova oportunidade para medir a respectiva influencia. Cada discurso vai seguido do contrincante, que protexe o seu territorio. Pero o primeiro ministro Villepin, preséntase coa firme intención de exercer unha das principais prerrogativas, a de impoñerse como xefe da maioría. Como xa fixo en La Baule, despois dunhas xornadas das xuventudes do partido, onde lle roubara a bicicleta a Sarkozy.
Se Villepin promete algo, Sarkozy tamén. Villepin ofreceu reforma fiscal para o 2007, e Sarkozy fala da reforma dos servizos mínimos nos servizos públicos en días de folga, ou de autonomía das universidades. Todo con tal de estender a influencia sobre os parlamentarios do UMP, aspecto clave para establecer enlaces locais cos militantes e os electores, e asentar así as posicións e a rede de contactos, mentres se reclama evitar os clevages dentro do partido.
Na televisión e na prensa escrita, así como na radio, do único que se fala é dos 100 días de Villepin, e das argalladas de Sarkozy, mentres a luz de Chirac e dos socialistas esmorece cada día.