O actual Goberno francés, cunha maioría na Asemblea Nacional da República que está formada por un variopinto conglomerado de formacións centristas e de dereita, puso en marcha unha reforma electoral de notable alcance que inclúe a rexionalización das circunscripcións nos comicios ao Parlamento da Unión Europea (UE). A reforma suscitou unha polémica agre entre o goberno e a oposición por causa das porcentaxes e doutras cuestións, todas máis técnicas que políticas, pero no tocante á creación de circunscripcións rexionais para as eleccións comunitarias ningún estamento e dirixente político, social ou económico "exceptuados os próximos ao filo-nazi Front National- cuestionou ese aspecto da proposta gobernamental.
A maioritaria aceptación desa reforma é, se cabe, máis significativa se se teñen en conta dous factores. En primeiro lugar é obrigado resaltar que a Administración francesa é rabiosamente centralista e que, por ende, o é como consecuencia da enraizada identificación da inmensa maioría dos franceses coa idea de nación-estado. Social, cultural e políticamente Francia é un bloque, sen menoscabo dos sentimentos e das opcións políticas de corte nacionalista existentes en Bretaña, en Córsega e nas tres provincias galas de Vasconia. Non obstante, deses tres movementos nacionalistas o único que posúe considerables raíces é o corso.
En segundo lugar, a proxectada reforma francesa é dobremente valiosa "dende o punto de vista dos partidarios de revitalizar o pulso político do europeísmo- porque é o primeiro país socio da UE que se pon mans á obra para arbitrar instrumentos que favorezan o acercamento dos cidadans ás institucións de Bruselas. Nas capitais dos Quince se fala moito de potenciar o europeísmo, pero en escasas ocasións se pasa das palabras aos feitos.
O Tratado da Unión teoriza que as rexións (incluidas as nacións sen Estado) da UE conforman unha dimensión humana, territorial e económica que esixe tratamento específico. Sen embargo, o Comité das Rexións (CDR) é un órgano estrictamente consultivo e a UE soamente prestou atención certa ás rexións en asuntos orzamentarios, creando a chamada Política de Cohesión (cuns instrumentos que son o Fondo de Cohesión e os Fondos Estructurais), nun intento de reducir os desequilibrios inter-territoriais dos Quince. Non obstante, tal como revelan as directivas e regulamentos que rixen as axudas comunitarias, esa preocupación presupostaria polas rexións obedece a criterios específicamente económicos e, case sempre, sen prestar atención ás cuestións culturais e sociais.
Nese escenario político-institucional, no que os territorios da UE que posúen contrastada singularidade carecen de voz e voto, a iniciativa francesa é un aldabonazo. Máxime si se ten presente a fama e a lana que a República Francesa ten gañadas como Estado centralista.
Á marxe do vivo debate que manteñen a dereita e a esquerda francesas sobre aspectos técnico-xurídicos da reforma electoral que auspicia o primeiro ministro Jean Pierre Raffarin, a desaparición da circunscripción única para os comicios europeos é aceptada por case todos os actores e soamente ten abertas tres interrogantes. Primeira, ¿qué ámbitos territoriais son os máis adecuadas para cada circunscripción, que en principio serán oito?; segunda, ¿cómo repartir os escanos que corresponden a Francia na Eurocámara?; e terceira, ¿cómo ancorar na actividade institucional francesa a actividade dos elixidos en cada un deses oito territorios?
En principio, a división que propon o Goberno suscitou controversias. Era inevitable. Motivos non faltan. A modo de exemplo cabe mencionar que no borrador gobernamental a costa da rexión do Languedoc Rosellón forma parte da circunscripción Suroeste, xunto á atlántica Aquitania, quedando partida en dúas a Francia mediterránea, pois a rexión das Bocas do Ródano, con capital en Marsella, forma circunscripción cos departamentos situados ao norte, xunto aos Alpes franceses. Por causa desa e doutras divisións ou reagrupamentos cuestionables, en París xa se ergueron voces pedindo que en lugar de oito sexan dez ou doce as circunscripcións a crear. En todo caso, o proxecto sigue adiante e os inconvintes son formais.
Aínda que tanxencialmente, o proxecto francés afecta a unha institución comunitaria e, polo tanto, debería ter suscitado reaccións no resto dos países socios da UE. Pero, sorprendentemente, salvo en Alemaña e Bélxica "donde a maioría dos dirixentes políticos tamén asumen a necesidade de acercar a UE á cidadanía-, no resto de países a novedade gala soamente mereceu comentarios menores por parte dos seus respectivos líderes políticos e nalgúns casos, un significativo silencio.
Preguntados ao respecto, altos cargos da sección galega do PP evitaron facer valoracións. Menos evasivos ou reservados son os dirixentes do PSdeG, que manifestaron o seu interese pola iniciativa e recoñecen que están obrigados a facer un seguimento do asunto, pois non descartan que a experiencia gala sexa útil para conxugar a UE coa España das autonomías. Lóxicamente, o proxecto francés desperta simpatía no BNG, amén de reforzar as súas posicións e confirmar as súas teses sobre a construcción europea.
O aldabonazo francés, se queira ou non, reabre en Galicia e en España o debate sobre as dimensións territoriais do europeísmo e, de rebote, resalta unha das contradiccións nas que incurre a organización da constitucional España das autonomías.