O propio Presidente e o entramado do fujimorismo constitúen o principal foco de inestabilidade no Perú. A recuperación da normalidade política non será viable en tanto subsistan ambos. O lexislativo xa recortou o mandato presidencial e as novas eleccións teñen unha data fixada, o próximo 8 de abril. Son algúns dos poucos datos claros que ofrece a situación política peruana, lastrada polos ecos do fraude electoral e pola reaparición do siniestro Vladimiro Montesinos. En medio, un denodado esforzo para garantirse a impunidade por parte de civís e militares relacionados coas violacións de dereitos humanos, promovendo unha proposición de lei de punto final que polo de agora foi rexeitada.
¿Como un civil que non ocupa cargo ningún e afronta unha acusación por corrupción pode campar ás súas anchas por instalacións militares? Todo parece indicar que o precipitado regreso de Vladimiro Montesinos de Panamá obedecía a unha renovación da alianza con Fujimori para coliderar o proceso de transición. Sen embargo, probablemente polas presións de Estados Unidos, o Chino mudou de opinión para gañarse un mínimo da credibilidade perdida: cesou a cúpula militar e ordenou a detención de Montesinos, situándose el mesmo, de forma pintoresca, á fronte do dispositivo policial. A saída de Montesinos e a convocatoria de novas eleccións simbolizaban o fráxil equilibrio que garantía o encarreiramento da crise política peruana. O cambio de actitude de Fujimori viu forzado tamén pola renuncia do vicepresidente, Francisco Tudela, claramente oportunista, co propósito de situarse en mellor posición para a carreira presidencial, abrindo paso a un proxecto continuísta, identicamente ancorado no aparato castrense.
En Lima concédese unha gran importancia ó tándem Fujimori-Montesinos. Sen o asesor nin tempo para reconstruír a súa peculiar telaraña, o fujimorismo ten moi difícil a supervivencia. Cómpre salientar en todo caso a actitude de Mireya Moscoso, a presidenta panameña. A súa negativa a conceder asilo político a Montesinos é merecedora de eloxio. Diametralmente distinta é a actitude da OEA (Organización de Estados Americanos) e do seu secretario xeral, César Gaviria, quen desempeña un funesto papel en todo este affaire. Primeiro, desentendendose das denuncias de fraude e avalando o proceso electoral; despois, negociando unha saída non traumática para Montesinos, baseada na garantía de protección e impunidade.
Unha vez se clarifique o futuro de Montesinos, haberá que ver se Fujimori aguanta ou non ata o abril próximo. Un novo revolcón interno podería forzalo a demitir para garantir mellor a limpeza do proceso electoral. O segundo vicepresidente, Ricardo Márquez, podería asumir o cargo interinamente.