O día 9 de abril Fujimori someterase á primeira volta das presidenciais. Nove anos de autoritario "Fujimorato" con indubidables éxitos no control da inflación e no debilitamento de Sendero Luminoso, non semellan ser suficientes para revalidar mandato nunha primeira volta.
Unha fervenza de coaccións, fraudes, uso de medios públicos, libelos contra dos opositores… lonxe de afianzar ao presidente, operan coma búmerang e están a servir de ascensor para Toledo, quen hai un mes estaba desafiuzado e agora albisca posibilidades de rematar co réxime establecido dende o Fujimorazo.
Na provincia peruana de Huancabanba o seu alcalde Edmundo Zurita invitou a catro mil labregos a participar na conmemoración do "Día de Muller". Acodiron en transporte público gratuíto e na festa celebrada no estadio municipal o alcalde exerceu de orador; mentres sorteaba entre os asistentes: cadernos, olas, madeixas de lan, etc. Antes de rematar o acto pediu claramente o voto para Alberto Fujimori. A xornada festiva rematou servindo aos asistentes un espléndido xantar, extraído dos fondos públicos da Pronaa ( Programa Nacional de Asistencia Alimentaria). O abundante augardente, de balde, co que se regou a festa provocou numerosas borracheiras e obrigou a boa parte das mulleres e dos nenos a refuxiarse na praza de armas para protexerse dos excesos etílicos.
O acontecido, non superaría o nivel de anécdota expoñente dun deformado xeito de facer política, que se repite en numerosos puntos de Latinoamérica e que aos galegos nos tan resulta familiar, se non fose porque os espléndidos anfitrións esquecéronse do detalle de levar de volta aos invitados. Tiveron que voltar a pé e cinco morreron engulipados por un alude de terra.
As denuncias da oposición non cesan. Quéixanse da utilización dos avións e coches oficiais na campaña da oficialista candidatura de Alianza Perú 2000, do extraordinario parecido entre o anagrama da Alianza e o da campaña institucional dos logros do goberno, da agresividade contra da oposición, das presións sobre a prensa non oficialista á que están movendo o accionariado para controlar- tal coma acontece co xornal "El comercio"-, do tiroteo sufrido por unha caravana de opositores, da machacante campaña de desprestixio nos medios oficiais contra dos contrincantes, especialmente centrados contra do seu principal adversario Alejandro Toledo.Un economista de 54 anos, apoiado por un sector do empresariado e cunha brillante carreira na administración é o líder de Perú Posible. Nestes días chóvenlle denuncias de implicación en turbios asuntos financeiros ou declaracións televisivas coma as dunha nena de 12 anos, quen afirma ser filla de Toledo. Rebrota oportunamente un vello caso xa sentenciado en favor do líder de Perú Posible.
"Son Cholo, andino, testudo e rebelde con ganas e non me van mover. Só una bala arteira ou un accidente provocado poderán rematar comigo, máis non co meu soño e a miña teimosía…" retruca o desafiante Toledo á que cada vez valoran máis os electores.
A aureola de invencibilidade co que arrancou Alberto Fujimori na campaña electoral difumínase. As arbitrarias e sanguentas accións armadas "Sendero Luminoso" servíronlle de instrumento para identificar un inimigo interior único, para o que estaba apoiado pola maioría da poboación. No seu balance de xestión de goberno tamén cotiza á alza o espectacular control da inflación.
Nunha hábil manobra, avalada legalmente por un criticado tribunal constitucional, presentouse por terceira vez a un mandato presidencial, cando a constitución só contempla dúas lexislaturas. O mandato, anterior á vixente constitución, non computa segundo a interpreatación dos oficialistas.
Máis non todos son ouros na partida de Fujimori, que pode presumir de ter reducido a inflación dende o 7500% a cifras que se situa ao redor do 6%.
Cada vez son máis os bastos enriba da mesa. O 70 % da potencial poboación activa está desocupada ou desempregada, ou o que é o mesmo, dos 8 millóns de persoas en disposición de traballar, 5 non posúen traballo ou teñen soldos miserentos. Dos 24.000.000 millóns de peruanos,12 están baixo o limiar da pobreza, e outros 5 viven nunha situación extrema.
O último revés foi especialmente duro. Descubriuse un fraude de 1.000.000 de sinaturas falsificadas para avalar á candidatura da Alianza Perú 2000. Os Observadores internacionais da OEA esixen responsabilidades polo fraude e piden que se determinen as responsabilidades penais ás que houbese lugar. O Propio Fujimori tivo que rebaixar o nivel das acusacións de inxerencia pronunciadas polo seu correlixionario e candidato á vicepresidencia Francisco Tudela, quen acusou aos observadores estranxeiros de "Colonialismo ideolóxico".
A enorme fortaleza da candidatura Alianza Perú 2000 é indiscutible, pero é menor que hai un mes. As veces dan a impresión de teren perdido o control da campaña, mentres aumenta a sensación de fraude xeneralizado. O último en sumarse nas amoestacións foi o presidente W. Clinton, chegando a ameazar con sancións, de comprobarse a fraude.
Alberto Fujimori emprégase a fondo coma nunca fixera. Viste taxes indíxenas, elevou de súpeto o salario mínimo nun 18%, repartiu 150.000 títulos de propiedade entre os campesiños, entrega 1.400 tractores e maquinaria a 1000 comunas, levanta o estado de sitio en determinados distritos, promete grandes investimentos nun plano para a construcción de presas e poder encorar augas con destino ao regadío de novas terras, hoxe improductivas.
A pesares dos xestos, promesas ou ameazas as enquisas manteñen estáticas as posibilidades Fujimori ao redor do 40%, mentres Alejandro Toledo non remata de subir. Algúns inquéritos sitúano só a 7 puntos do presidente de orixe xaponesa. As outras sete candidaturas están moi lonxe, non superando o papel de testemuñais na primeira volta, mais nunha segunda poderían contribuír a dar a sorpresa.
Lino Pellitero é membro do IGADI.
Enlaces relacionados:
Candidatura Perú Posible
Eleccións transparentes
Eleccións sitio oficial
Goberno de Perú