A Confederación de Traballadores de Venezolanos (CTV) está atravesada no camiño que percorre a profiláctica vasoira do Presidente Hugo Chávez na empresa da loita contra da corrupción. Agora é o momento de …desprazar as vellas mafias que están nos sindicatos e nos gremios.. O día 3 de decembro un referendo popular cuestionará as cúpulas dirixentes da CTV. O presidente Bolivariano agranda cada día a súa proxección internacional, mais atallar polo carreiro da ilegalidade para conseguir o beatífico fin limpeza ética e institucional…, é unha chata inborrábel para o expediente dun revolucionario de face democrática.
O próximo día 3 de decembro será o día clave para o histórico e desacreditado movemento sindical venezolano. Ese día en referendo os venezolanos se pronunciarán sobre a continuidade dos dirixentes da CTV. Non se sabe aínda cal será a pregunta concreta que se formulará, nin si será vinculante ou consultiva, pero o presidente está disposto a deslizarse por terreos pouco amparados pola legalidade, para tentar disolver as directivas das centrais, federacións e confederacións. Hai dous días o presidente foi demasiado claro chamando publicamente a sociedade a derrubar a dictadura sindical e a pulverizar a CTV. Nese mesmo empeño conta coa colaboración da Fronte Bolivariana de Traballadores, próxima as teses do executivo.
A polémica decisión está a sementar a discordia nas propias ringleiras do oficialismo que non lle atopan encaixe legal, e a levantar as máis vivas condenas de distintos sectores sociais e organismos internacionais. A OIT considera que o feito de convocar un referendo sobre asuntos internos das organizacións sindicais supón unha vulneración do artigo 2 do convenio 87 subscrito por Venezuela. Aseguran que as organizacións ao non formar parte dos aparatos do Estado. Por tanto, non poden estar suxeitos a tutelas, nin a consideracións alleas. Os non afiliados non poden intervir nin interferir nas decisións relativas ás organizacións sindicais.
En parecidos termos se pronuncian fontes do CNE (Consello Nacional Electoral) que non consideran pertinente ningún referendo decisorio por ser anticonstitucional, aínda que non porían reparo a unha pregunta consultiva que só podería establecer condenas morais. Outro atranco legal que o presidente está disposto a ignorar é o establecido no artigo 18 da Lei Orgánica do Sufraxio e a Participación Política no que se dispón que os referendos non se poden realizar, se non transcorren alomenos 60 días entre a data da solicitude e a da convocatoria. Tampouco parece disposto a escoitar a advertencia do Secretario Xeral da ORIT (Organización Rexional Interamericana de Traballadores) no sentido de suspender a convocatoria por ilegal e como xeito de preservar o Estado de Dereito.
Inbuído da súa coiraza salvadora Hugo Chávez está disposto a utilizar facultades Presidenciais para convocar persoalmente o referendo se a Asemblea Nacional non é quen de conseguir fumata branca na pregunta. Non está disposto que as turbulencias políticas deteñan o seu paso: …Imos derrotar aos inimigos do pobo… esmagaremos á CTV. É a cara do Hugo Chávez que aínda desperta roxelos entre os que saúdan o aire fresco que trouxo a Venezuela e á América Latina. Son poucos os que teñen argumentos para defender a indefendíbel traxectoria da corrupta CTV, pero son moreas de demócratas os que se levanta a súa voz para dicirlle ao presidente: …Así non é…Así non é.
Ao longo da semana Hugo Chávez foi obxecto de editoriais de tres dos xornais máis influíntes da prensa mundial: The New York Times, Washington Post e Le Monde centraron as súas análises sobre a figura emerxente da América Latina. Entre distintos cualificativos e valoracións todos semellan concordar no papel de símbolo da resistencia á preponderancia norteamericana que Chávez representa, así como no rol de liderado que progresivamente xoga na OPEC.
Asentarse, gañar prestixio e consolidarse na esfera da Política Internacional na que se vixía estreitamente a Chávez, é unha tarefa inxente, onde a intelixencia e a paciencia son mellores armas que a pseudopurificadora precipitación.
Enlace reñacionado: