G-X

Se algo cómpre salientar do cumio do G-8 celebrado en L´Aquila (Italia) o pasado mes de xullo son os escasos avances rexistrados para encarar os desafíos mundiais. Tanto é así que medran as expectativas pesimistas respecto ao futuro deste club de países ricos, confirmando que xa non é o foro axeitado para abordar a análise e perspectivas dos asuntos internacionais. Non houbo nada concreto en relación á crise financeira internacional, e no eido climático pouco mais fixo que botar  balóns fóra para que sexa a Conferencia de Copenhague, a celebrar en decembro, quen decida o futuro do Protocolo de Kyoto. As metas anunciadas de redución das emisións de carbono son pouco cribles e adoecen de numerosas lagoas. Por outra banda, respecto ao compromiso con África e esa nova achega de 20.000 millóns de dólares durante tres anos para contribuír a paliar a fame, elude o problema de fondo: o futuro dos subsidios á agricultura nos países industrializados. En suma, pode concluírse que non houbo progresos substanciais nin en materia de cooperación Sur-Norte, seguridade alimentaria, comercio mundial ou cambio climático, temas todos que figuraban na axenda.

O diálogo e a cooperación entre o G-8 e o G-5, que agrupa a cinco economías emerxentes (India, China, México, Sudáfrica e Brasil) e a ampliación dos temas de interese bilateral, ata agora limitados a innovación, investimento, enerxía e desenvolvemento, abre expectativas para unha maior integración de ambas estruturas, dado que case todos asumen que o G-8 non pode aspirar a resolver os problemas mundiais e precísanse foros nos que participen todos os mercados emerxentes importantes.

Cómpre abordar os problemas mundiais de conformidade coas necesidades globais e buscando un novo equilibrio entre os intereses dos países desenvolvidos e en vías de desenvolvemento. O G-8 sempre foi obxecto de cuestionamento dende que se fundou en 1975. O seu predecesor, o G-7, dominou durante moito tempo a economía mundial antes da década dos 90, amosando unha capacidade de influencia substantiva nos asuntos políticos e de seguridade mundiais. A mundialización e a aparición das economías emerxentes suxeriron dificultades engadidas para poderen manexar os problemas globais, decrecendo as súas posibilidades de tomar decisións efectivas sen ter en conta aos países en vías de desenvolvemento.

En L`Aquila, tanto Xapón, como EEUU e Canadá amosaron nulo interese na reforma, mentres Francia, Reino Unido ou Alemaña urxían a adaptación do G-8 ao século XXI. A participación nestes cumios dos países en vías de desenvolvemento, convidados nos últimos anos a reunións de diálogo co G-8, fortaleceuse co proceso de institucionalización iniciado en Heiligendamm (Alemaña). Nesta edición italiana do G-8 ou do G-8 – 5 participaron un total de 39 países, que representan o 90% da economía mundial.  

Sexa o foro que for, debe ser máis representativo e nel deben predominar as relacións de igualdade, reflectindo de forma equitativa as preocupacións tanto dos países industrializados como en vías de desenvolvemento, con posibilidades de maior participación e expresión, sentando as bases dunha configuración mundial certamente orientada a asumir o pluralismo e a democracia como fundamentos irrenunciables da nova orde.