No cumio do balneario de Hokkaido (Xapón) do G8, tan decepcionante polos resultados logrados en relación aos problemas máis sensibles da actualidade mundial (crise alimentaria, prezos dos hidrocarburos, cambio climático), formalizouse a discusión arredor da posible ampliación do grupo.
Francia e Inglaterra amosáronse partidarios da incorporación de China, India, Brasil, México e África do Sur, sumando así un total de trece. EEUU e Xapón rexeitaron esta hipótese.
Segundo as estimacións de diferentes centros de investigación da economía internacional, a magnitude do PIB de China en 2030 será de 25.200.000 millóns de dólares USA; a estadounidense, de 21.400.000 millóns; a da Unión Europea, de 16.300.000 millóns; a hindú, 10.300.000 millóns; a xaponesa, 4.700.000 millóns. Sen a participación das novas economías emerxentes, en especial de China e India, a capacidade de influencia deste foro na economía internacional será cada vez máis limitada.
A oposición de EEUU radica en limitar o clube a aquelas potencias que comparten os mesmos valores de liberdade e democracia, o cal excluiría a China. No caso de Xapón, a participación no G8 compensa a súa exclusión do Consello de Seguridade e unha entrada de China neste clube, por exemplo, iría en detrimento da súa significación (en cinco anos, o PIB de China superará ao xaponés para situarse na segunda posición mundial), que perdería relevancia.
Na xuntanza que o ano próximo se celebrará en Italia xa haberá dous cumios: o primeiro día será do G8, que hoxe aínda representa arredor do 60% da economía mundial, e o segundo do G13. En poucos anos, o segundo gañará en importancia. E se iso ocorre, teremos que irnos habituando a outra lingoaxe e a outra axenda.