O novo marco legal da acción exterior española e galega desenvolve un amplo abano de posibilidades á hora de ordenar e dinamizar a acción exterior autonómica e aproveitar todas as oportunidades dun bo posicionamento internacional. Galicia está preparada para aproveitar ese novo marco, desde a nosa natureza na sociedade internacional, décadas de traballo público e subterráneo de actores variados, así como desde o último ano cun marco xurídico claro, coa Lei galega de Acción Exterior e Cooperación ao Desenvolvemento aprobada en marzo de 2021.
Tendo un capital de relacións internacionais extraordinarias, non é fácil para Galicia escoller esforzos dirixidos e sistemáticos na súa proxección internacional. A identidade galega espállase polo globo e a multiplicidade de expresións valiosas obriga a pensar estratexias, que nos permitan avanzar cohesos cunha intencionalidade manifesta e avaliable, e realista. Parece que precisamos exercicios reais de políticas de acción exterior que acompañen o desenvolvemento normativo dos últimos anos.
Agora que España entrou na Comunidade de Países de Lingua Portuguesa e Galicia é protagonista moi directa desa decisión é tempo de facer e tomar partido e aspirar a unha Autonomía de primeira preparada para o futuro. Brasil, peza simbólica en relación á diáspora e as relacións coa lusofonía é un país prioritario para Galicia, con perfil propio no contexto de América e nas posibilidades de triangulación coa lusofonúa.
Coma con tantos outros territorios, a historia entre Galicia e Brasil comeza coa primeira diáspora masiva do S.XIX as Américas e chega até os nosos días despois dun forte impulso coas cadeas migratorias dos anos 60, a globalización e a internacionalización económica desde os anos 90, o turismo ou a propia acción exterior institucional. Mais alá da lingua, a cultura ou o carnaval. Desde os Gobernos de Manuel Fraga, que até tivo representación indirecta en Floriannopolis, as relacións con Brasil multiplicáronse en todas as frontes, destacando o económico, o sociocultural e o académico. Sen embargo tamén pode identificarse unha certa liña irregular en canto a solidificación dunha acción exterior coherente no país, que aproveite as redes xa en funcionamento. O feche da Oficina da Rede Pexga (ligada ao IGAPE) é parte tamén dese proceso gaseoso e de aprendizaxe.
Pese aos avances e a multiplicación de vínculos nestas décadas, a acción exterior de Galicia en Brasil, aínda estando viva, compórtase de maneira sectorial e pouco cohesa. É un exemplo privilexiado da desorde da nosa acción exterior e por iso tamén un espazo atractivo para un deseño mínimo ao contar cooas posibilidades dun país continente na América da nosa diáspora, onde tamén está Cuba, México, Venezuela, Arxentina e Uruguai. Son estes países, fóra de Europa, os que manteñen as nosas exportacións en forma e os que construíron as liñas de exportación galegas ás Américas.
Así a historia e tradición senta as bases para unha renovación da marca Galicia no Brasil e en toda América, que valorice os vínculos culturais e dinamice as posibilidades no económico e no cultural, cunha acción sostida e perdurable no tempo, no que a diplomacia pública e dixital ten moito a facer. O éxito posicionado do Xacobeo, como fenómeno turístico e cultural global, pode funcionar como idea tractora dunha marca Galicia no Brasil e no conxunto da lusofonía, pero precisamos moito máis. Hai que integrar ao conxunto da nosa acción exterior (do mar á cultura) ademais de con toda a tradición e toda a potencialidade da lingua, con fenómenos renovadores actuais da nosa identidade universal, como as Tanxugueiras ou Ana Peleteiro. A identidade fainos máis competitivos e cooperativos para o mundo do futuro e non debera ofender a ninguén.
No horizonte da década dos 20 e nunha sociedade internacional en tensión, o desenvolvemento da Lei Paz Andrade e unha experiencia modelo no Brasil modernizaría a Galicia global e enriquecería furturas experiencias nas xa densas relacións con Portugal, Cabo Verde, Angola, Mozambique, Bissau… ou Macau na China.