Por Mario Rodríguez Fidalgo. Estudante de Política económica internacional
Gran teatro de la habana centro gallego 1

Galicia e Cuba: Lazos e desenvolvemento

Cuba foi un escenario moi importante para a simboloxía e sentir dos galegos. Foi alí onde a nosa bandeira se izou por primeira vez no ano 1904 e onde, 3 anos máis tarde, a letra do noso himno escrita por Eduardo Pondal foi entoada antes que na nosa terra, estreándose no Gran Teatro de La Habana.

En canto ás nosas letras, por todos é coñecido que a colección de poemas “Follas Novas” de Rosalía de Castro foi publicado por primeira vez en Cuba. Incluso en territorio cubano naceu o obxectivo de crear a Real Academia Galega, cando no ano 1905 se fundou na capital da illa a Asociación Iniciadora e Protectora da Academia Galega, grazas á labor de Manuel Curros Enríquez e Xosé Fontenla Leal. A Habana foi un dos berces que o galeguismo atopou en América Latina, permitindo que se producira o seu desenvolvemento, lonxe das terras galegas e da represión vivida no século XX durante a ditadura.

Con todo isto, os lazos que unen á sociedade galega coa cubana seguen máis aspectos que os literarios e simbólicos. Esta ligazón remóntase a séculos atrás e contribuíu enormemente ao desenvolvemento sociocultural da nosa poboación. Na actualidade os fluxos migratorios revertéronse, mais antigamente a economía e a política foron os factores que incentivaron que centos de galegos cruzasen o Atlántico na procura dunha mellor vida.

Banderas 2

Así é que houbo moito máis. Podemos retomar a historia desta relación no inicio da “emigración masiva” de galegos a Cuba en 1870, cando a illa se atopaba no seu primeiro proceso liberador. O desenlace desta primeira guerra de independencia non foi exitoso, e non sería ata case 30 anos máis tarde cando Cuba logrou a emancipación da coroa española. En ambas as guerras pola independencia centos de galegos tomaron parte axudando ao exército liberador. Da masiva migración xerouse unha vontade de superación e de mellora da situación económica “deixada atrás” no salto ao Atlántico. Esta vontade trasladouse en esforzos a nivel de desenvolvemento educativo. Centráronse neste ámbito debido a que moitos deles no sabían ler ni escribir, e querían cambiar iso para que nun futuro os seus fillos non tivesen que aceptar os traballos máis precarios e puidesen optar a mellores condicións.

Conseguiron que en Galicia entre 1905 e 1930 o 80% das 310 escolas creadas foran financiadas por emigrantes galegos en Cuba. Que en 1910 se formaran 64 Sociedades de Instrución en Cuba, a través das cales os emigrantes podían facer chegar as remesas de diñeiro, material escolar e mobiliario ás súas localidades natais, e así poder sacar adiante os colexios. En moitos casos incluso encargáronse de adquirir os terreos para que se construíran e tamén de pagar o salario dos profesores. Pode dicirse, polo tanto, que gran parte do analfabetismo galego desapareceu grazas ao diñeiro dos galegos en Cuba. Aínda que toda a comunidade galega se beneficiou desta iniciativa, a provincia de Lugo foi a que viu un maior aumento do número de colexios. De acordo co censo de rapaces que ían facer o servizo militar en Viveiro no ano 1919 non había ningún que fora analfabeto, algo posible grazas ás 16 escolas que se puxeron en marcha no municipio e foron financiadas dende Cuba.

Por último, tamén cómpre ter en conta que os beneficios formativos da relación galego-cubana non foron unilaterais cara a Galicia. Tras o triunfo da revolución cubana, en 1959, creáronse na illa numerosas escolas de pesca, quedando ao servizo dos cubanos os anos de experiencia no mar dos galegos, o cal permitiu a introdución de novas capacidades e métodos pesqueiros que compartiron eses que antigamente faenaban naquelas augas. Como dato tamén poderíamos destacar como influencia migratoria galega parte da historia cubana, en relación ca xa mencionada revolución que se produciu nos anos 50. O seu líder Fidel Castro, foi fillo dun dos tantos emigrantes galegos que partiu dende A Coruña, nacido en Láncara (Lugo). Un claro exemplo máis de como a situación migratoria ten impacto nos territorios, xa sexa tanto a través das remesas enviadas á autonomía como a través das consecuencias do asentamento e desenvolvemento no novo territorio.