A recuperación de Asia oriental estase producindo máis rápidamente do que se agardaba. Dende o último trimestre de 2001 as cifras amosan un retorno á senda do crecemento, tendencia consolidada nos primeiros meses de 2002. Estas tendencias non soamente obedecen a unha mellora no entorno económico internacional, senón a cambios producidos nestes países que, dende a crise de 1997, sanearon as súas economías e consolidaron a súa lexitimidade política e credibilidade internacional. Neste escenario, China realiza a toda velocidade cambios no marco legal e institucional para favorecer aínda máis a atracción de investimentos estranxeiros, convertindose na gran plataforma productora e exportadora de bens de alta tecnoloxía de Asia, favorecida pola suspensión das restriccións de Taiwán.
Aínda a sabendas da existencia dalgúns puntos oscuros (nomedamente o conflicto indo-paquistaní e as tensións cíclicas entre China e Taiwán) e algunhas incertidumes (a saída da crise de Xapón), globalmente, o continente presenta unha faciana moi esperanzadora, tanto no político (o arranxo de Timor Lorosae, baixo os auspicios de Nacións Unidas, ou a positiva marcha dos procesos de democratización en numerosos países) como no económico e social. Asia é un continente que en termos globais presenta un nivel de educación elevado, unha importante taxa de aforro e unha cohesión social aceptable.
Nos intercambios entre Galicia e esta rexión, importa sinalar unha clara tendencia de aproximación no ámbito das exportacións á Europa non comunitaria (3,96 fronte a 4,11 en 1999; e 3,59 fronte a 3,72 en 2000), superandoa xa en volume de importacións.
Asia-Pacífico é unha referencia ineludible no sector agroalimentario (exportacións de escualos, de fletán e conxelados, potas e pulpos e outros productos pesqueiros) con especial proxección en Xapón e no mundo chinés (China continental, Hong Kong e Taiwán). Igualmente, no ámbito das materias primas, cómpre salientar a importancia das exportacións de granito en bloque a China e Taiwán. No conxunto do Lonxano Oriente, se ben Xapón mantén a súa posición predominante no ámbito exportador, medra a relevancia do conxunto do mercado chinés, con especial significación de Hong Kong e China, mentres diminúe a aportación cuantitativa de Taiwán. No ámbito importador, é China quen mantén un sólido liderato en solitario, chegando a representar en 2000 case o 60 por cento do total.
Galicia ten en China, Taiwán e Xapón tres correlacións inevitables. Cómpre que a nosa Comunidade defina unha estratexia ao respecto que tendo en conta a presencia de factores conxunturais (recesión de Xapón), pero quizais mais duradeiros do desexable, e outros antecedentes, nos obrigue a definir un país de semellanza. Nesa liña, as dimensións territoriais (similares ás de Galicia) e demográficas (sete veces máis poboación pero inferior á dos demais mercados importantes), a existencia dunha experiencia de comercio consolidado por un sector dinámico da nosa clase empresarial (graniteiros), o asentamento de galegos na zona cun alto nivel de coñecemento do país, a alta capacidade adquisitiva da súa sociedade, convirten, entre outras razóns, a Taiwán, nun país atractivo para utilizar de ponte para toda a rexión, incluída a peza fundamental que representa o continente chinés, donde os empresarios taiwaneses desenvolven unha frenética actividade económica.