Moi tristes as noticias que chegan de Bos Aires. Ninguén sabe a ciencia certa que será do inxente legado do Centro Gallego e, probablemente con razón, hai quen teme o peor. O Consello da Cultura sumouse recentemente a moitas outras voces que demandan das nosas autoridades unha mobilización urxente para cumprir coas obrigas morais e legais respecto deste importante capítulo da nosa memoria colectiva. Pero a xulgar polas reaccións non parece que ninguén pense aquí nas opcións de alcance que serían esixibles. Hai de todo menos palabras claras. Cun goberno desvitalizado e unha sociedade sen músculo cívico, todo parece quedar en mans da divindade. En verdade, bótaselle en falla un conselleiro como Aurelio Miras (tamén do PP, pero con outra altura de miras) coa sensibilidade e o enxeño precisos para acalar tanto silencio e esa falta de propostas cun mínimo de ambición que caracteriza o comportamento do noso goberniño.

Carece de sentido a repatriación. Nin tampouco a merecemos. Trouxemos os restos de Castelao e hoxe é un ilustre esquecido na propia Galicia. O patrimonio do Centro Gallego debe quedar en Bos Aires, pero a Galicia territorial, incapaz no seu día de atender as demandas para crear un Museo da Emigración, debe instar un compromiso de protección que comeza coa posta en valor desa asombrosa nómina de autores e de bens que habita no inmoble. Despois dos millóns de euros enterrados nos últimos lustros, con pouco acerto final, non se explicaría ao cabo un desentendemento respecto da súa conservación. Pero boa parte da sociedade galega pouco ou nada sabe do significado e transcendencia deses fondos e por tanto ben se comprende a ausencia de indignación, que debera ser unánime e clamorosa. Parece feito adrede. Traelo a esta Galicia que da as costas á diáspora, que é incapaz de xestionala con criterios anovadores, é un absurdo. Alá se xerou, alá debe quedar. Protexido, si, desde aquí tamén.
Nun mundo en que as migracións e diásporas revélanse como un signo dos tempos, nós seguimos sen comprender a magnitude do valor da nosa diáspora. Temos un goberno totalmente incapaz de aproveitar ese capital, como tan ben fan outros países do mundo, para actualizalo e convertelo nun instrumento de futuro. Seguimos nas mesmas, facendo o mesmo que se facía hai trinta anos. Esa falta de coraxe e de ideas, xeral na atención a este factor de progreso que é a nosa diáspora, explica esta anemia, esta desidia, que unha vez mais desvela a nosa precaria autoestima. Mentres, a débeda cos que tanto fixeron fóra por Galicia, segue aumentando.