A Comisión Europea ven de adopta-lo segundo informe sobre a cohesión económica e social en Europa. O informe realiza un balance da política de cohesión ó tempo que presenta as primeiras reflexións sobre o seu futuro ante a perspectiva da ampliación. Igualmente, anuncia que o deseño da nova política europea será obxecto dun debate aberto a tódalas partes interesadas.
Seguindo o mandato establecido nos Tratados, a Comisión Europea presentou o pasado día 31 de xaneiro o informe verbo dos avances realizados na consecución da cohesión económica e social". Precisamente, promove-la cohesión económica e social é un dos obxectivos prioritarios perseguidos pola Unión Europea. A política rexional e os fondos estructurais constitúen, dende 1988, o principal instrumento para favorece-lo desenvolvemento socioeconómico das rexións menos favorecidas, nembargantes, en canto que obxectivo xenérico da Unión, outras políticas como a agrícola ou a de investigación tamén contribúen a reduci-las disparidades socioeconómicas rexionais. O informe analiza o modo en que as diferentes políticas comunitarias contribuiron á consecución desta cohesión.
A primeira conclusión que se pode extraer da lectura do informe é que tanto a cohesión estatal como rexional progresou de forma significativa nos últimos anos. Dende finais dos 80, as diferencias entre os Estados membros reducíronse nunha terceira parte, mentres que as disparidades entre as rexións o fixeron cáseque nunha quinta parte. Así, en termos de producto interior bruto (PIB), no caso concreto de España a renda media per cápita pasou de representa-lo 74% da media da Unión Europea en 1988 ó 81% en 1998. Pola súa parte, no caso de Galicia, a evolución no período de tempo indicado foi do 57% ó 64%.
Apréciase, polo tanto, un grado de converxencia económica considerable con respecto á media europea, cunha reducción das diferencias de sete puntos porcentuais en ambos casos. Estes resultados foron debidos, en boa parte, á intervención comunitaria (por exemplo, investimentos en infraestructuras), polo que cabe esperar que as actuacións que se vaian realizar ata o 2006 contribúan tamén a conosolidar esta tendencia. Nembargantes, non se pode ocultar que no relativo ó desemprego a situación é algo distinta. Se ben os resultados no conxunto de España e Galicia foron bos (ó redor do 16% en 1999, namentres que en 1994 o paro en Galicia chegou ó 19%) a distancia con respecto á media europea segue a ser considerable, polo que no futuro haberá que incidir especialmente na cohesión social e creación de emprego.
O segundo elemento a destacar do informe é a análise que fai dunha Europa ampliada. Nunha Unión Europea de 27 Estados membros as disparidades económicas van aumentar considerablemente, xa que mentras que a poboación e a superficie da Unión incrementaránse nun tercio o seu producto interior bruto só o fará nun 5 %. Así, se na Unión actual a relación entre a rexión máis rica e a máis pobre é de 5,8, esta será superior a 10 na Unión dos 27. Esto vai supoñer, por unha parte que a política de cohesión terá que ocuparse das rexións dos países candidatos, máis pobres que as rexións máis pobres dos quince Estados membros actuais, pero por outra, terá que afronta-lo feito de que numerosos problemas continúan nos quince Estados membros actuais.
Este novo escenario representará, xa que logo, un novo reto para a política rexional que terá que replantexa-los seus obxectivos e principios de funcionamento. En concreto, un dos aspectos máis conflictivos será determina-lo criterio de subvencionalidade que, segundo o Comisario europeo responsable de política rexional, Michel Barnier, debe seguir sendo o criterio do PIB per cápita, sinxelo e transparente. Esto prantexa, nembargantes, un problema. Dado que a ampliación vai rebaixar considerablemente a media comunitaria do PIB per cápita, a aplicación do criterio do PIB per cápita inferior ó 75% da media provocaría que numerosas rexións que actualmente constitúen obxectivo nº 1 deixarían de selo (en España únicamente permanecerían Andalucía, Extremadura e Galicia). Sen dúbida, a nova riqueza estatítica destas rexións non compensará a consecuente perda de recursos comunitarios.
En definitiva, estes elementos implican a necesidade dunha revisión profunda da política de cohesión europea. De feito, o informe propón o inicio dun amplio debate sobre o futuro desta política que conte coa participación de tódalas partes interesadas. Pola súa parte, haberá que esperar ó 2004, cando se aprobe o terceiro informe sobre a cohesión, para coñece-las propostas da Comisión ó respecto.