Artigo oririxinalmente publicado no "Nós Diario", 19 de xuño do 2026
trump versailles

Galiza nun mundo sen centro

O pasado mércores, 17 de xuño, o presidente estadounidense Donald Trump asinou, en Versalles, un memorando de entendemento co Irán que establece a folla de ruta para a fin permanente da guerra entre os dous estados. A ostentosa posta en escena dificilmente logra ocultar o feito de que, tras meses de escalada impulsada por Washington, Tehran séntase na mesa de negociación con máis marxe política da que moitos anticipaban. O mesmo día, non moi lonxe, o Parlamento Europeo adoptou, cos votos dende o “centro” até a ultradereita, o novo Regulamento de Retorno, dando así luz verde a un novo endurecemento da política migratoria da UE.

Aparentemente desconectados, ambos episodios comparten, porén, un mesmo fondo político: unha crise profunda da orde liberal internacional, supostamente baseada na primacía do Dereito, o multilateralismo, o libre comercio, a democracia e os dereitos humanos. Máis que unha simple sucesión de crises, o que estamos a presenciar é o esgotamento da lexitimidade dos marcos políticos e morais cos que Occidente sostivo a súa orde internacional. Na súa crueza, ambos episodios revelan a erosión de dúas das grandes ficcións políticas da modernidade occidental: a ilusión da universalidade e a da centralidade.

Nova orde internacional

Na cerna da orde liberal internacional fica a pretensión de que o Dereito internacional se aplica por igual a todos: que os estados son iguais e soberanos, vinculados polos mesmos dereitos e obrigas, e que os dereitos humanos pertencen a todos os seres humanos de xeito igual. Sempre foi unha ficción: sempre existiu a moral dupla na súa aplicación e, como manifestación do imperialismo, o Dereito internacional beneficia tamén estruturalmente Occidente. Emporiso, as reaccións dos estados occidentais ás violacións de principios fundamentais do Dereito internacional en Gaza, Venezuela ou Irán, en forte contraste coa súa contundente e xusta condena da invasión de Ucraína, minan o postulado da aplicación universal da orde internacional baseada no Dereito. A mesma lóxica opera internamente: o endurecemento do Dereito migratorio e a restrición dos dereitos dos máis vulnerábeis mostran os límites do universalismo proclamado de Europa. Dificilmente se pode soster a lexitimidade de Occidente e, en particular, de Europa como “potencia normativa”.

Máis implícita, pero igualmente presente, ten sido a idea da centralidade de Occidente. O Dereito internacional moderno é un produto, e expresión, da modernidade capitalista europea e da súa expansión. Os Estados Unidos foron o principal arquitecto da orde internacional pos 1945 e, dende a caída da Unión Soviética, exerceron como a súa única superpotencia. Mais o mundo de 2026 é máis complexo, máis fragmentado e máis multipolar, no que Occidente xa non é o único actor capaz de definir as regras de xogo. Se o memorando con Irán amosa os límites da capacidade estadounidense para impor unilateralmente a súa vontade, o novo Regulamento de Retorno revela a tentativa europea de compensar a súa perda de centralidade mediante a securitización das súas fronteiras.

Galiza no mundo contemporáneo

Para Galiza, nación histórica e periférica, o ocaso destas ilusións e as transformacións políticas que carrexan teñen unha relevancia particular. Importan, pois teñen un impacto político, económico e social directo sobre a vida da xente no noso país: na nosa economía produtiva, nos fluxos migratorios, na enerxía ou na seguridade. Mais importan tamén nun plano máis fondo, pois interpelan o papel da Galiza no mundo.

Nun contexto internacional marcado pola fragmentación xeopolítica, a crise do multilateralismo e a emerxencia de novos equilibrios de poder, Galiza está chamada a reafirmarse, no espírito universalista de Castelao, como célula de universalidade. Conscientes das limitacións dun país pequeno, Galiza podería achegar o seu baguiño. Historicamente acostumada a mirar o mundo dende a periferia, a través da emigración, da diáspora, da colonización económica ou da loita pola súa lingua e cultura, Galiza está particularmente ben situada para comprendermos as transformacións internacionais actuais e imaxinarmos unha orde mundial máis xusta e equitativa.

Agora ben, para que a Galiza poida ser un actor propio no mundo contemporáneo precisamos de dúas cousas: unha lectura galega das relacións internacionais e unha acción exterior coherente cos nosos valores e intereses. A primeira é condición da segunda. Ambas esixen recursos humanos e económicos, vontade política e, sobre todo, visión de país.