20090406 jerusalem benjamin netanyahu

Gaña Hamas co novo goberno israelí?

 Beniamin Netaniahu; clic para aumentar
O primeiro ministro, Netaniahu (na foto), forma xa parte da historia política israelí, igual que moitos dos seus aliados: Barak, quen instigou as últimas guerras de Líbano en 2006 e Gaza nos últimos meses, ou Lieberman, coñecido polos seus ataques xenófobos contra a poboación árabe. Netaniahu repite como primeiro ministro, posto que xa ocupara entre 1996 e 1999, período durante o cal aprobara a construción e expansión de asentamentos e estradas de uso exclusivo para israelís.
 

A formación do 32 goberno israelí resalta polo alto número de ministros, o maior nos 60 anos de historia do país, e as críticas xurdidas ao redor destas eleccións e as súas repercusións no exterior. Así, pouco máis dunha semana despois da formación do goberno, a maior parte da poboación israelí móstrase insatisfeita coas decisións tomadas, que a saínte ministra de Asuntos Exteriores, Tzipi Livni, cualifica de desastrosas, posto que o excesivo número de cargos ministeriais "están a cargo de nada".

O novo goberno israelí, encabezado por unha coalición formada por 74 dos 120 asentos que ocupan o Knesset, o Parlamento, ten como principais desafíos dous temas: a defensa e a revitalización da empobrecida economía do país. Para o primeiro caso, Barak será o encargado de buscar unha solución pacífica, amais de presentar ao exterior un trazo menos belixerante dunha coalición na que Lieberman, ministro de Asuntos Exteriores, apuntou que "aqueles que queren a paz deberían prepararse para a guerra e ser fortes".

O primeiro ministro, Netaniahu, forma xa parte da historia política israelí, igual que moitos dos seus aliados: Barak, quen instigou as últimas guerras de Líbano en 2006 e Gaza nos últimos meses, ou Lieberman, coñecido polos seus ataques xenófobos contra a poboación árabe. Netaniahu repite como primeiro ministro, posto que xa ocupara entre 1996 e 1999, período durante o cal aprobara a construción e expansión de asentamentos e estradas de uso exclusivo para israelís. Pero "Bibi" non chegou a rematar o seu mandato, que pasou a mans de Ehud Barak, o líder laborista que, internacionalmente, era visto como un mellor aliado coa paz. Con todo, o discurso de Barak, que apoiaba unha paz segura, prometía non dividir Xerusalén, non regresar ás fronteiras do 67 e manter a soberanía dos asentamentos de Cisxordania. Dous anos foron suficientes para provocar un novo cambio de poder, liderado por Sharon, e do que volveu formar parte Netaniahu, primeiro como ministro de Exteriores, e como ministro de Finanzas despois, ata que abandonou debido ao seu posicionamento en contra do plan de desmantelamento de Gaza.

O feito de que Lieberman, partidario dos asentamentos Cisxordania "el mesmo vive nun-, apoiase nos últimos anos posturas como transferir os habitantes árabes de Israel, argumentando que este traspaso non supón ningún tipo de idea antidemocrática, ou o subministro de autobuses gratuítos para afogar os prisioneiros palestinos no Mar Morto, só acelera o medo e as tensións en Israel e nas súas fronteiras. As últimas declaracións de Lieberman, rexeitando as concesións dos gobernos que o preceden, incluíndo o abandono do proceso de Anápolis, e o silencio de Netaniahu presaxian unha saída complicada cara á solución do conflito palestino-israelí.

As opinións de Lieberman, sospeitoso de branqueo de cartos e fraude, non pasaron desapercibidas para a comunidade internacional; así, dende a Unión Europea advertiuse que haberá severas consecuencias se o novo goberno en coalición non se compromete a traballar pola consecución de dous estados: Israel e Palestina. Dende as veciñas Siria e Exipto, os gobernos critican a elección de Lieberman, a quen tachan de obstáculo para a paz e para as relacións internacionais. Mentres, en Palestina obsérvase con escepticismo o cambio que, para Hamás, non é máis cá mostra do racismo xeral na sociedade israelí. Por isto, igual que o goberno israelí puido ser o principal beneficiado da vitoria de Hamás nas eleccións parlamentarias de 2006, xa que permitía probar acusacións contra todo o pobo palestino, representado pola facción islámica; Hamás pode ser o gañador destas eleccións israelís, demostrando a falta de interese destes últimos no proceso de paz e a inutilidade das diferentes negociacións.

No caso da poboación civil, a israelí aparece xa dividida, o que facilmente serve para prognosticar unhas novas eleccións anticipadas nos próximos anos. No lado palestino, a diferenza entre un goberno denominado de dereitas, centro ou esquerdas non supón un gran cambio; posto que símbolos como soldados, tanques, puntos fronteirizos, ordes de confiscación e outras barreiras perpetúanse, moldeándose segundo os intereses dos diferentes dirixentes.