Gaza e a opción turca

Apartados xeográficos Oriente Medio ARQUIVO
Idiomas Galego
 Tzipi Livni e Alí Babacan; clic para aumentar
O obxectivo turco estaría contido na oportunidade de suplantar o tradicional papel diplomático e mediador de países como Exipto, Xordania e Arabia Saudita, supeditados actualmente aos intereses israelís e estadounidenses, cuxos gobernos están desacreditados ante a opinión pública árabe, que clama contra a agresión israelí. [Foto: Reunión en Xerusalén, en xuño de 2007, entre a primeira ministra israelí, Tzipi Livni, e o chanceler turco, Alí Babacan, que confirma a fluídez nas relacións bilaterais entre Israel e Turquía].
 

O ministro de Exteriores turco Alí Babacan, informou esta semana á súa colega israelí Tzipi Livni que as condicións para un cese ao fogo en Gaza "deben ser discutidas en Ankara", por medio dunha visita oficial israelí. Esta declaración ofrece un xiro diplomático ao conflito que vive actualmente Oriente Próximo, trala agresión militar israelí a Gaza.

Cómpre considerar os estreitos lazos entre Turquía e Israel, con bases históricas na privilexiada relación entre o imperio otomán e a diáspora xudea. En 1949, a república turca foi o primeiro Estado con maioría musulmán en recoñecer ao Estado de Israel.

Desde 1996 existe un estratéxico acordo de cooperación militar entre Ankara e Tel Aviv, razón que espallou os receos do mundo árabe cara Turquía, orientada cara Occidente e con escasa presenza diplomática en Oriente Próximo. Paralelamente, o sector turístico é un eido moi importante para ambos países.

Non obstante, a agresión militar israelí en Gaza e o sufrimento do pobo palestino, con case un millar de mortos desde mediados de decembro pasado, levantou fortes críticas desde o actual goberno turco de Recep Tayyip Erdogan, do partido islamita AKP. Poucos días antes de iniciarse os bombardeos israelís contra Gaza, en decembro pasado, o primeiro ministro Erdogan estivo en Xerusalén, onde departiu co primeiro ministro israelí Ehud Olmert unha nova rolda de negociacións indirectas con Siria.

Nesa reunión, Olmert aparentemente non mencionou a Erdogan ningún tipo de acción militar contra Hamas en Gaza. Unha vez se medira a magnitude das vítimas palestinas provocadas pola invasión militar israelí, Erdogan realizou durante unha visita a Arabia Saudita severas críticas contra Israel, incluso acusando a Olmert de "enganalo".

Desde 2004, a diplomacia turca levaba a cabo, con inesperado éxito, unha audaz diplomacia a dúas bandas con Siria e Israel que estivo a piques de culminar nun histórico acordo de paz entre Damasco e Tel Aviv. Pero a ofensiva israelí sobre Gaza paralizou este moderado acercamento sirio-israelí auspiciado por Turquía. Damasco alberga a representación exterior do partido Hamas, e posúe estreitas conexións co movemento islamita libanés Hizbulá e con Irán.

Velaí que a declaración de Babacan premendo a Livni para un cese ao fogo en territorio turco incorpora outras perspectivas para Ankara, un país que ven presenciando fortes manifestacións antiisraelís e pro-palestinas nas últimas semanas. Turquía espera desempeñar un papel diplomático relevante en Oriente Próximo, a fin de apuntalar determinadas perspectivas xeopolíticas de carácter global.

O obxectivo turco centraríase na oportunidade de suplantar o tradicional papel diplomático e mediador de países como Exipto, Xordania e Arabia Saudita, supeditados actualmente aos intereses israelís e estadounidenses, cuns gobernos que están desacreditados ante a opinión pública árabe, que clama contra a agresión israelí.

Non se debe esquecer que Turquía xoga un papel estratéxico e xeopolítico importante para EEUU e Europa, razón que obrigaría a considerar a posibilidade de que tanto Washington como Bruxelas aprobaran tacitamente este papel mediador turco. Pero as cartas semellan estar mais concentradas nas mans israelís. O propio Olmert chegou estes días a presumir da súa influencia na Casa Branca, ao obrigar a Bush a que EEUU se abstivera na recente votación no Consello de Seguridade da ONU sobre unha resolución para Gaza.

Con Israel obsesionada con destruír a Hamas, afondando o sufrimento dos palestinos, resultan limitadas as opcións da diplomacia turca, igualmente determinadas polas prioridades israelís. A pesar disto, a crise de Gaza pode abrir para Turquía unha inédita perspectiva de actuación en Oriente Próximo, especialmente nun momento en que Europa amosa unha incomprensible ausencia de visión diplomática e unha mesquiña compracencia cara Israel, socio europeo dentro da actual estratexia mediterránea debuxada por Nicolás Sarkozy en xullo pasado.