20080715 londres alistair darling

Glasgow East

Apartados xeográficos Europa ARQUIVO
Idiomas Galego
 Alistair Darling; clic para aumentar
Os laboristas tiñan, con todo, unha maioría de 13.500 votos en Glasgow East. Reducila sería xa unha victoria para os seus contrincantes, pero estes foron alén diso e gañaron o distrito por 365 votos. O desprazamento do eleitorado foi de máis dun 22%. Se iso se repetira noutros distritos escoceses, perderían en Westminster os seus escanos Gordon Brown, Alistair Darling (na foto) e Des Brown.
 

O East End máis coñecido é seguramente o de Londres, pero Glasgow, a grande cidade industrial do Clyde, en Escocia, ten tamén o seu East End, coas mesmas connotacións de pobreza e dificiles problemas sociais que o seu homónimo londrino. O distrito eleitoral de Glasgow East é terreo ideal para ser representado no Parlamento de Londres por un diputado laborista, e así foi tradicionalmente considerado como o terceiro dos distritos máis seguros da Escocia para ese Partido. Até o 24 de xullo deste ano.

As cousas xa principiaron mal, ao causar a elección parcial a dimisión do diputado laborista por ese distrito, David Marshall, por motivos de saúde, segun dixo, pero suspeito de investigacións por irregularidades ecónomicas. Iso puxo moi nervoso ao partido, que acababa de sufrir desfeitas nos distritos ingleses de Crewe, Nantwich e Henley (neste último quedou en cuarto lugar) e pouco antes nas municipais de todo o país. Cousa moi grave para un partido que está no Goberno, cun novo líder que chega despois de longa espera.

O primeiro ministro é, por riba diso, escocés, e escoceses son algúns dos seus principais ministros, como o da Fazenda e o de Defesa (co Ministerio da Escocia agregado, para irritación dos escoceses). Escocia foi sempre maioritariamente laborista. Máis aínda, non podería realmente gobernar con maioría cómoda en Westminster sen os deputados de distritos escoceses, aínda que estes sexan menos que outrora despois da creación do Parlamento escocés. O nervosismo dos laboristas ven xa de lonxe. Incluso o falido referendo de 1979 sobre a creación dunha asemblea autónoma foi inspirado polo temor a un declinio do Partido que xa se ía notando daquela.

Os laboristas tiñan, con todo, unha maioría de 13.500 votos en Glasgow East. Reducila sería xa unha victoria para os seus contrincantes, pero estes foron alén diso e gañaron o distrito por 365 votos. O desprazamento do eleitorado foi de máis dun 22%. Se iso se repetira noutros distritos escoceses, perderían en Westminster os seus escanos Gordon Brown, Alistair Darling e Des Brown, os tres ministros a que me referín.

O contrincante gañador foi o SNP, o Partido Nacional Escocés, que goberna en minoría en Escocia. A candidata laborista, Margaret Curran, centrouse durante a campaña nos problemas económicos do bairro, e acusou ao SNP de non preocuparse nada máis que pola independencia escocesa, que según ela era cousa abstracta, da que non se falaba nas rúas e que non lle importaba nada aos habitantes de Glasgow. De nada lle valeu.

Non era certo o que dicía Curran. O SNP está desenvolvendo unha política social que desborda pola esquerda na banda dos problemas sociais á do novo laborismo, desacreditada en todo o país. É certo que houbo castigo para Brown, pero a verdade é que o SNP tiña algo que prometer aos cidadáns de Glasgow East.

Coa vitoria de Glasgow East, o SNP descoloca tamén aos liberal-demócratas que eran o segundo partido, pero non gañaron moita credibilidade na coalición cos laboristas que foi a anterior administración escocesa.

Escocia é diferente, no Reino Unido e tamén no catálogo dos nacionalismos europeos das nacións sen Estado. Polo que sexa; talvez porque tivo Estado no seu tempo, ou porque soubo conservar unha identidade dinámica, incluso nos sectores que non son autonomistas nin independentistas. Ou porque agora atopou uns protagonistas do nacionalismo político que, aínda que gobernan en minoría, non teñen medo a iniciativas progresistas que non se ven no resto do Reino Unido, nin a insistir en que o seu obxetivo final é a independencia.