Golpe “blando” na Rusia

O Presidente ruso Boris Ieltsin tennos acostumados ás súas perigosas arroutadas. Unhas veces saltase a legalidade constitucional para bombardear o Parlamento do seu propio país; outras, ordena o avance do noutro tempo poderoso Exército Vermello para levar a cabo todo un vergoñento xenocidio co pobo de Chechenia… Agora, este "mal menor", segundo a visión de Occidente, abusa das súas propias e excesivas competencias presidenciais para facer "borrón e conta" con todo o seu propio goberno.

Hai tempo que Ieltsin pretende ubicarse nun espacio que estaría por riba do ben e do mal. Él é o activo, o dinámico, a voz dos oprimidos e depauperados pola grave crise que atravesa o país. Son os seus ministros os incompetentes. Está canso de tirarlle de orellas a todos… En definitiva, estariamos ante un problema de persoas e non de políticas equivocadas.

A situación económica e social de Rusia é moi difícil. A pesares dunha lixeira recuperación, están aínda moi lonxe de recuperar os niveis de producción de 1990. O constante endebedamento coas instancias financeiras internacionais permitelle certos respiros, pero son demasiado numerosos os sectores en crise, as empresas en situación de quebra total, os millóns de traballadores cos seus salarios en atraso. A política aplicada sucesivamente dende 1991 (sete anos), unhas veces con maior impetu (Gaidar), outras con menos (Chernomirdin), demostrou o seu pleno fracaso: o caos económico e a desfeita social son unha realidade inocultable. Non será doado endereitar o curso dos acontecementos. En boa medida tamén porque semellante estado de cousas traducese a outros niveis nunha situación política permanentemente inestable.

¿Que razóns están na orixe da decisión do Presidente ruso? ¿Implica unha modificación das alianzas e apoios económico-mafiosos que sustentan ós actuais gobernantes? ¿Tratase quizais dunha decisión salomonica para cortar de raíz esa imaxe dun Presidente feble e enfermo, incapaz para tomar decisións importantes? A política rusa non se rixe por unha secuencia cun rastro que poida seguirse con facilidade. Probablemente hoxe garde máis similitudes cos séculos de intrigas e conflictos de intereses propios da época pre-soviética que coa lóxica dunha democracia de corte occidental, mesmo admitindo os seus resabios de autoritarismo (no Parlamento ruso levan meses esixindo sen éxito a dimisión de varios ministros do gabinete e Ieltsin, dun plumazo, barreunos a todos).

A principal e primeira consecuencia desta medida é a defenestración de Victor Chernomirdin, o primeiro ministro, quen mellor situado estaba para suceder a Ieltsin no 2001, ano en que deben celebrarse as novas eleccións presidenciais. Este é o segundo e derradeiro mandato de Ieltsin, por imperativo constitucional. Probablemente a designación do novo primeiro ministro resolverá as dúbidas sobre o favorito presidencial para a súa sucesión. Ieltsin aproveitará estes tres anos que lle restan de mandato para procurarlle os apoios e a infraestructuras necesarias. Pero un país non é unha quinta que se poida herdar. Nas condicións de Rusia, sen un entramado constitucional consolidado, sen unhas reglas de xogo democraticas plenamente asumidas, tres anos é un horizonte temporal o suficientemente denso como para que ainda pasen moitas cousas. E poden pasar.