2004 guantanamo camp delta 01

Guantánamo

 Campo Delta en Guantánamo, clic para aumentar
Guantánamo é unha vergoña universal. As "delicadas" protestas dos aliados occidentais de EEUU non serven de nada. Son igual de vergonzantes. Todo é unha lamentable pantomima, mesmo cando, como no caso do Reino Unido ou de Australia, existen cidadáns desas nacionalidades entre os propios detidos. (Foto: Prisioneiros no Campo Delta 4 da base naval de EEUU en Guantánamo, Cuba, en 2004).
 

A Administración Bush nega de novo a evidencia: en Guantánamo viólanse as leis internacionais e tortúrase aos detidos. Un informe feito público por Nacións Unidas esta semana, descualificado por Washington por basearse en "rumores", asegura que o trato infrinxido aos "combatentes inimigos" debe ser considerado como tortura. A desautorización de EEUU baséase en que os investigadores da ONU non aceptaron o ofrecemento para viaxar a Guantánamo onde podían coñecer de primeira man a situación. O certo é que en ningún momento se lles garantiu o acceso aos prisioneiros que soamente poden ser visitados pola Cruz Vermella, e non todos. Tampouco podían ter acceso aos seus informes que, por definición, son confidenciais. Se a Cruz Vermella non ten acceso irrestricto a todos os capturados, privados do dereito a asistencia legal e do contacto coas súas familias, como prestar crédito ás ofertas de visita estadounidenses?

Segundo diversas fontes, en Guantánamo hai hoxe arredor de 500 persoas detidas, a maioría delas capturadas despois da caída do réxime talibán en Afganistán. Durante anos, a unidade de dereitos humanos da ONU negociou con Washington esa visita ao presidio, aceptando todas as condicións impostas polo réxime de Bush, quen, pola contra, non cedeu na esixencia básica e máis elemental: que os emisarios poidan falar cos prisioneiros en privado. Non podía ser, segundo John Bellinger, asesor legal do goberno estadounidense, porque eran "moi perigosos". Máis ca Bush?, cabería preguntarse.

Guantánamo é unha vergoña universal. As "delicadas" protestas dos aliados occidentais de EEUU non serven de nada. Son igual de vergonzantes. Todo é unha lamentable pantomima, mesmo cando, como no caso do Reino Unido ou de Australia, existen cidadáns desas nacionalidades entre os propios detidos. Erguen a voz para silenciar a denuncia pública e miran para outro lado cando pasa a protesta. EEUU non é o único que perdeu toda autoridade moral ante esta escandalosa situación que é tolerada de forma inaudita polos líderes do "mundo libre" (agora seica tamén civilizado) e que merecería a condena expresa do Consello de Seguridade de Nacións Unidas. O comportamento nazi desta Administración esixe unha reprobación tan universal como unánime.

Todos os acusados de crimes deben ser conducidos ante a xustiza. Iso é o que se predica polo mundo adiante cando se intenta impoñer a democracia como mellor forma de goberno ou cando se esixe a gobernos non democráticos a adopción dunhas regras de xogo que sexan homologábeis e garantan o pleno respecto aos dereitos máis elementais. Predicar co exemplo sempre foi a mellor maneira de convencer. Se o exemplo é Guantánamo, ou as malleiras tralos valados, haberá que concluír que non se trata de episodios anecdóticos ou excesos puntuais e marxinais, senón que a actual posición de poder de que gozan algúns no mundo lévaos a interiorizar o abuso como norma de conducta. Pechar Guantánamo é unha esixencia irrenunciábel. Por aí debería comezar a alianza das civilizacións, uníndoas a todas na defensa da dignidade humana.