Guerra contra o Islam: ¿Un século de petróleo ou a coartada palestina?

A suposta "islamización" actual dos conflitos, algo que a Fallaci se empeña en converter en irrevocábel choque de civilizacións e que, dada a extraordinária cobertura editorial de moitos cronistas que cooperan coas teorías de Huntington sentenciando que a cultura árabe foi interrompida con Averroes, está a se converter no veredicto final para a inmensa maioría dos rotativos occidentais sendo, tal vez, esta, a visión máis parcial e arbitraria do conflito que hoxe impera.

Oriana minte até no apelido (Fallaci: Falacia) deixando ao descoberto, de tan paradoxal forma, a falsedade do pretendido choque de civilizacións. O seu é, e xa o dixo ela, rabia e orgullo, dous argumentos que non poden levarse a consideración no diálogo intercultural. Entrementres Huntington coma Fukuyama, leva tamén as de perder, pois aínda que pareza o contrario, non son coma dí culturais senón económicas as grandes "liñas de batalla do futuro".

A pé de guerra, Palestina e o sionismo son coartadas para Al Qaeda coma o integrismo islámico e o wahabismo son coartadas para Occidente. Uns e outros parecen obviar a historia dun roubo, a historia dun século de petróleo.

Guerra de ricos contra pobres, din algúns nunha versión máis axustada á realidade. Claro que para a aceptación desta tese non axudan os millóns de Osama Ben Laden ou os kamikazes do 11-S, estudando arquitectura en Hamburgo, viaxando por medio mundo, facendo transferencias internacionais de millares de dólares e adestrándose en escolas de aviación norteamericanas.

Desde a outra fronte de guerra, Estados Unidos non fixo senón malcriar e agasallar aos reais oligarcas da familia saudita durante décadas. Xa durante a segunda posguerra mundial Feis, asesor económico do Departamento de Estado norteamericano, advertía que as reservas mexicanas ou venezolanas de petróleo non abondarían para abastecer as necesidades de Estados Unidos e de Europa, e que o verdadeiro premio se atopaba en Oriente Medio, particularmente no reino de Arabia Saudita. O goberno norteamericano comprometeuse entón, a cambio de petróleo, a prestar protección militar ao Reino despregando na rexión un considerábel continxente militar. A presenza militar en Arabia Saudita dos Estados Unidos fixose máis tarde decisiva cando, en 1979, os soviéticos invadiron Afganistán. Aí é onde aparece o saudita millonario, e, do seu país, de onde nace a epidemia do wahabismo, talvez coma resposta ao proceso de occidentoxicación que os antigos protectorados viñeran inoculando nas sociedades mahometanas.

Entrementres, á familia real saudita lle faltaba tempo para estragar os rendementos derivados do comercio dun século de petróleo. Xa se sabe que nas monarquías pérsicas só aos xeques e ás cúpulas dos seus palácios lles luz a desvergoña. Lembremos ao rei Fahd e aos seus 3.000 paxes en Marbella, cos seus BMW, helicópteros e os perto de seis millóns de euros despilfarrados por día.

O Islam reclama hoxe o seu lugar no mundo presaxiándose con iso, un brutal choque de civilizacións que protagonizará a política mundial vindeira. A confrontación, económica e non cultural, é inevitábel en tanto non exista un marco que permita avanzar na democratización das Monarquías árabes do Golfo, en tanto Occidente non desista en defender a tese de súa supremacía moral sobre o resto do mundo e entrementres, á súa vez, os apoloxetas do Islam non renuncien a extraer do Corán un credo totalizador. De aquí nace o integrismo coma tentativa de extirpar todo código normativo para no seu lugar impor a maquinaria da Sharia, nas súas leis e nos seus gobernos.

Moitos cren ver nos atentados contra o World Trade Center e nos máis recentes de Madrid que as teses de Huntington se afianzan na realidade. Máis é absurdo presupoñer que o ataque indiscriminado destes grupos radicais vencellados á rede terrorista de Ben Laden estea a nos enfrontar a máis de mil millóns de musulmáns espallados por medio mundo, desde o Magreb até o sudeste do continente asiático. Para os integristas, a superioridade da cultura islámica entra en contradicción coa inferioridade económica do seu poder e este complexo, reforzado polas verbas de Silvio Berlusconi quen, desde un incondicional egocentrismo, persiste en alargar esta liña de fractura entre occidente e o Islam ao afirmar que "hai que ser conscientes da nosa supremacía, da superioridade da civilización occidental", tradúcese hoxe nun complexo perfil de enfrontamento. Non no choque de civilizacións como moitos pretenden, senón nun absurdo choque de iñorancias.